** "O Brandon de Avelino"... relato de Rosa García
A Avelino morreulle o can. Era un mastín dos pirineos, manso e nobre. Era vello, debía ter 16 anos. Chamábase Brandon, coma Brandon Walsh, sí, o irmán de Brenda. Avelino, sempre innovador e creativo, púxolle un nome o can que causara sensación, sensación de vivir coma a Coca-cola. O Brandon non tivo unha boa morte, non sei de que morreu pero oíno laiarse varios días. O veterinario tivo que pórlle fin a súa dor.
Estes días lembreime do outro Brandon, o de Beberly Hills, tamén era nobre e guapo coma o can de Avelino. Teño que recoñecelo, Avelino, posiblemente por casualidade, acertou co nome do mastín. ....Ve-lo Artigo completo.... Daquela, a principios dos 90, todas as rapazas suspirabamos por un mozo como Brandon Walsh, atractívisimo e bo rapaz. Na televisión, Brandon e Brenda, -Jason Priestley e Shannen Doherty- marcaron unha época. No cine, en 1990, Richard Gere e Julia Roberts tamén facían historia, Pretty Woman. O tempo acaba con todo, Richard Gere, en La huella del silencio (2005), máis que un pai modelo, e moi tardío, xa parecía un avó. ¡Quen te veu en Oficial y caballero e quen te ve! Non me gusta que os meus actores preferidos se avellen, dáme pena recoñecer que o tempo pasa para todos, para min tamén. Esta xa é outra historia, outro día lembrarei a Richard e a Julia.
A verdade, os protagonistas de Sensación de Vivir eran guapos, altos, ben constituídos, rubios nunha gran maioría. Todos menos unha rapaza que era unha excepción. Era algo máis baixiña, tiña peor tipo e era a única que levaba gafas. Non era guapa, tampouco era rica. Non pertencía a Beberly Hills aínda que o ocultara obstinadamente para que non a expulsaran do colexio onde, ademais de ser unha alumna avantaxada, dirixía o periódico. Andrea era a intelectual da serie. Pobreza, fealdade, mente. Riqueza, beleza, sensación de vivir. Unha contra moitos. ¿E cál era a mensaxe? ¿Os pobres non son guapos? ¿Os pobres son intelixentes? ¿Os intelectuais son pobres? ¿Levaba gafas porque era pobre ou porque era intelectual? ¿Levaba gafas porque era fea ou era fea porque levaba gafas? ¿Os feos son intelectuais? ¿Os intelectuais son feos? ¡Vaia! Parece un galimatías e debía ser parecido ó que, inconscientemente, tiñan na cabeza os rapaces e rapazas espectadores. O que estaba moi claro é que os ricos son guapos, tampouco son parvos e a súa vida era tan admirable que produce sensación.
Parece desmedido considerar intencionado que a rapaza menos atractiva sexa a pobre do grupo. Tamén poderíamos pensar que é unha coincidencia, froito dunha desafortunada decisión do director; atreveríame a aventurar, sen embargo, que se trata máis ben dunha mensaxe subliminal, que forma parte da representación que a serie nos ofrecía de nós mesmos e do noso orden social. Non constitúe un caso único e excepcional, non é soamente un personaxe dun programa dunha canle concreta, senón a tónica xeral que nos chega a través de moitos espacios de case tódalas cadeas.
Rosa
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons
Un relato de: Rosa García
Colaboradora de A Lareira Máxica
2 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :
Caramba, esta entrada non tivo nin un só comentario. En fin, anque sexa un pouco tarde: gustoume moito. Moi interesante eso das mensaxes subliminais, sexan ou non intencionadas, que nos transmiten as series.
Unha mágoa porque está moi ben escrita este artigo de Rosa. Moitas veces teño a sensación, bueno evidencia confirmada, que hai artigos moi ben escritos e que fan reflexionar e que non son apenas comentadas. Co pouco que custa facer un comentario. Tamén asumo a miña parte de culpa por non ter feito ningún comentario neste ou noutros artigos, pero é que non quero acaparar os comentarios nun blog aberto a tod@s. Ademais, nos feitos por min, xa expreso a opinión cando o escribo.
Saúdos Máxicos e agradecerlle a Rosa este gran artigo. Rosa: un bo artigo non sempre se mide, afortunadamente, polo número de comentarios. GRACIAS por este relato.
Publicar un comentario