domingo, 1 de febreiro de 2026

** Vai chover carallo!!

Estes días viralizouse un vídeo dunha canción moi simpática e divertida. É bastante pegadiza e chea de ritmo. Non deixa de ser senón retranca galega. Fala, como non, de que non para de chover. Descoñezo a súa autoría. Dubido se o grupo se chama "Te lo digo cantando" ou este nome soamente é unha etiqueta nas redes sociais. Se alguén o sabe, por favor, que nolo diga.

Sexa de quen sexa, dá no cravo. Xa que chove, polo menos divertirse. E que mellor que facelo cunha canción tan chea de humor e que tamén di algunha verdade que outra. Nos dous minutos e medio que dura non parar de rir, e rir nos tempos nos que estamos é ouro puro. Así que, se non a escoitástedes aínda, subide os altavoces e prestádevos a contaxiarvos da súa alegría.

Por certo, tamén hai versión en castelán, pero un servidor prefire a galega. A fin de contas fala sobre Galicia e que mellor que cantalo no noso idioma. Ademais, dicir carallo en galego é unha expresión moi pero que moi enxebre (por non dicir que polisémica).



..............................................................
Unha opinión de Julio Torres

sábado, 31 de xaneiro de 2026

** A choiva infinita

A choiva non nos deixa. A choiva segue, segue, e segue. Emulando as famosas pilas dunha coñecida marca comercial (que duran e duran). Humidade, frío fúndense nun enemigo físico contra o que debemos loitar armados de calor e abrigo. O inverno fixo perder a guerra a Napoléon na súa conquista de Rusia. Por algo sería. O tempo, ese ser indómito.

En pleno século XXI, ano 2026, cando estamos no ecuador do inverno, parece que xa leváramos catro meses nel. O corpo pídenos sol, claridade e non as intempestades da fría estación. E non,non se albisca a luz ao final do túnel. A primavera parece unha ilusión, un illote no medio do mar cada vez máis amplo e denso.



Se vos fixades, os veráns son de altísimas temperaturas e os invernos son fríos e moi húmedo. Os invernos son como os de antes, cando as familias se sentaban ao pé dunha lareira para entrar en calor e secarse. O cambio climático, ese fenómeno negado por moitos/as, chegou para quedarse. E isto non pinto nada ben. Nada. Está ben que chova ou que faga sol, pero os estremismos nunca foron bos. A mesura é unha virtude. Pero o novo tempo non entendela dela.

Namentres, debecemos porque o sol decida quedar connosco, que alugue as nosas casas por unha boa tempada e que non só veña soamente de visita de cando en cando. No seu pedra, papel e tixeira particular a choiva vence ao sol. Terá cambiar de pilas o sol, e poñelas de verdade para triunfar diante da intensa choiva.

A persoa que non se consola é porque non quere. Por iso, máis que nunca, confiamos naquel dito popular: nunca choveu que non escampara. Ou iso ou construír unha nova arca de Noé. Ninguén mellor que o gran humorista gráfico Luis Davila (sen til) para inmortalizar este duro inverno no que xa parecemos peixes, ou cando menos reptís anfibios.
Nestes momentos, cómpre ter paciencia e que o humor non nos abandoe!!


...............................................................................
Un artigo de Julio Torres

martes, 20 de xaneiro de 2026

** Mabel Montes: unha xornalista de raza

O 20 de xaneiro, coñecedor el da triste novo do seu pasamento, amencía chuvioso e ventoso. Un día negro, moi negro, moitísimo. Un martes que, a media mañá, deixoume totalmente xiado cando unha amiga me comunica que morreu Mabel Montes. A querida e gran xornalista da Radio Galega e da TVG (ou como se chame agora, que diría ela). Desde o 2012 era unha das persoas que daba o tempo no medio autonómico. Non me estrana que o tempo estivese tan alterado. Choraba a súa morte.

Mabel era unha excelente profesional, traballadora incansable, rigorosa, modesta, implicada na defensa da profesión, do público, do galego, da cultura, un 10 como persoa, humana, positiva, con exquisito sentido do humor galego, portadora dun amplo sorriso, todo iso e máis recollido nunha MAGNÍFICA MULLER. Características nas que coinciden todas e todos. Así era Mabel.

Coñecina en 1996 na antiga facultade de xornalismo de Mazarelos da USC, un ano que compartín traballo de grupo dunha materia optativa con ela, con Araceli Gonda, Xandra Tedín, Maite Silva, Susana González e César Carracedo. Un servidor non era do seu curso, pero a acollida foi moi boa. Grazas!!, Debo recoñecer que non falei moitas veces con Mabel, pero caíame xenial. Ás grandes persoas distinguinse polas cousas pequenas. Mabel destilaba humanidade e empatía nas súa verbas, valores en vías de extinción na sociedade actual.

Cando traballaba no tempo da Tvg -antes de que a cambiaran forzosamente para a Radio Galega- enviáballe fotos para publicar polo Whatsapp do programa, tanto a Mabel como aos seus compañeiros Diego, Noelia e Ana Celia. Conversaba con ela de vez en cando. Sempre moi agradable, atenta e familiar. Gustáballe saber do contexto da foto. Rigorosa e metódica. Moi ben feito!! Na despedida o seu alegre CHAU!!

A nota simpática foi no 2023 cando se estreou a peli "Voy a hacerme viral" da que era guionista Araceli Gonda (grande amiga de Mabel e outro encanto de persoa, por certo). Púxolle o nome de Mabel Montes á protagonista: Blanca Suárez. Un detalle moi bonito de Araceli.

Como xornalista son firme defensor do bo facer. Polo tanto, síntome moi orgulloso dos e das compañeiros e compañeiras que defenden a liberdade, a pluralidade informativa e o servizo público na RTVG. Mabel era unha desas defensoras. Participaba nos venres negros, esa xusta manifestación de protesta que os/as traballadores/as da RTVG levan adiante tódolos venres desde hai case 8 anos. 400 venres para ser exactos (cumpridos precisamente o día do 50 cumpreanos de Mabel, o pasado venres 16 de xaneiro). Inxustamente, esa honesta implicación acaboulle custando o seu traslado da Tvg a Radio Galega primeiro e logo a cancelación do seu programa Atmosféricos na Radio Galega. De igual xeito foron bastantes compañeiros/as castigados que pasaron tamén da tele á radio ou viceversa. Agora máis que nunca: moitísimas forzas e que a vosa loita non morra.

Tanto onte como hoxe revisei moitas novas da súa morte en numerosos medios de comunicación galegos e nacionais (incluso na revista Hola edición on line!!). Aledoume moito comprobar que a súa morte deixou unha profunda pegada e que era moi aprezada e querida polo seu bo facer. Non me estrana e síntome orgulloso do seu recoñecemento. Meréceo. Ougallá se implemente un premio que leve o seu nome. Aí queda a petición para quen a poida recoller.

Remato: o meu sentido pésame a súa familia, amizades e compañeiros/as de traballo. Descansa en Paz estimada Mabel. Foi un pracer terte coñecido. GRAZAS por todo amiga. Botarémoste moitísimo de menos. A túa lembranza permanecerá para sempre. O mundo sería moito mellor se na sociedade houbese máis mabeles.

P.D.: Maldito cancro que xa nos últimos anos se levou por diante a varias amizades miñas: María, Mary, Araceli, Nacho ou Mónica, entroutras. D.E.P.


..............................................................................................................................................

Un artigo-homenaxe de Julio Torres adicado á memoria de Mabel Montes

..............................................................................................................................................


ENLACE: Páxina de Mabel na rede social X (encántame)

xoves, 25 de decembro de 2025

** O valor das pequenas accións



"Non infravalores o valor das pequenas accións porque elas permitiranche deixar pegada"
............................................
Unha frase anónima