Amosando publicacións coa etiqueta colaboracións Mary Camiña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta colaboracións Mary Camiña. Amosar todas as publicacións

venres, 27 de xuño de 2014

** O raposo e o galo van de voda ó ceo

Era unha vez un raposo que era vexetariano. Tíñalle certa tírria a un galo moi fachendoso e argalleiro que vivía cerca, pero xa canso de que se terminara burlando del, argallou unha forma de saírse por unha vez coa súa; así que acercouse un día, cando estaba na póla dunha árbore e díxolle:
- Mira, galo, estou farto de estar sempre a rifar contigo, recoñezo que ti es máis listo ca mín, así que, se che parece ben, quero que fagámolas paces.
- E por que me hei de fiar de ti? Es capaz de paparme nun descoido...
- Va! Tí xa sabes que o fago para facerte rabiar, que eu sonche vexetariano. Mira, ho!, para que vexas que estou a falar en serio, invítote a comer mañán na miña casa...
- Bueno, sexa logo...- dixo o galo sen se fiar moito.

Ao día seguinte, o galo preséntase na casa do raposo, con moita prudencia. Non as tiña todas con él, ainda que cheirar cheiraba a cereais... Á porta da casa estaba posta unha mesa con dous cubertos e unha tarteira enriba.

- Benvido, galo! Como fai un bo día puxen a mesa fóra, non che importará?
- Que me vai importar! Iso mesmiño che ía propoñer eu.

O raposo levantou a tapa da tarteira e repartíu dúas cullaradas de papas de centeo con trigo quentes
para cada un. O raposo púxose a comer con gran afán, pero o pobre do galo, como tiña peteiro e non boca apenas puido comer.

- E logo, galo, non tes fame? Mira que están boas estas papas. Ummm- relamíase o raposo.
- E que, hoxe almorcei moito e non che teño fame...- decía o galo disimulando, xa que si que estaban ben boas as condenadas...

Na cara do raposo víase que o fixera adrede e o galo marchou todo cabreado, pensando para sí que xa lla pagaría, rirse así del.

Ao cabo duns días, voltan encontrarse o galo e o raposo.

- Bos días, raposo- dille o galo.
- Bos días, gustáronche as papas do outro día?- contestoulle o raposo con retranca.
- Si, oh! Gustaron, mágoa que estivera xa farto. É o que che ten isto de estar sempre convidado a tantas festas e comilonas.
- Vai! Non che sabía eu que tiveras tantos convites.
- Pois si, mira por onde, acabo de ser convidado a unha voda.
- Unha voda?- interesouse de seguido o raposo.
- Pois si, éche unha voda moi especial, disque vai ser a “voda do ano” pola abundancia de manxares e lambetadas, que ata trouxeron un cociñeiro extranxeiro especialista en todo tipo de grans e verduras.
- Hoooo! Que sorte tés- díxolle cos ollos fóra do sitio e relaméndose- quen puidera ir.
- Agora que o penso, a miña invitación é para dous, se queres vir...
-


E levaríasme contigo?
- Como non hei levarte co boas que estaban as papas do doutro día?, sería ser mal amigo. Pero hai dúas condicións para poder ir á voda, que non sei eu...
- Xa sabía eu que o dicías por dicir, que non queres que vaia contigo..., co que me custou facer as papas...
- Bueno, algo se poderá facer ao respeto... A primeira condición é ir limpo coma unha patena e traxeado, a outra é..., esto xa é máis complicado...
- Díme! Non ha ser para tanto!
- E que... a voda é no ceo!
- Como? No ceo? Ti estás tolo!
- Si, no ceo, prepararon un gran cumio dunha montana onde só se pode ir voando, para que os animais carnívoros non poidan chegar a ela, pero, claro..., coma ti es vexetariano pois non lles importará que vaias.
- E como vou chegar aló arriba se eu non teño ás?
- Ufff!, pois vai ser un problema si, …, se ainda pesases algo menos...
- Eiii! Estasme a chamar gordo?
- Non, ho! É que se estiveses máis fraco, igual podía contigo e podíate levar agarrado nas patas...
- Pois se é por iso, non te preocupes, cando é a voda?
- Para a semana que ven.
- Pois para a semana que ven podería pesar cinco quilos menos, será suficiente?
- Podería, pero mellor que sexan seis quilos menos.
- Feito! Quedamos logo para a semana. E moitas gracias!

Alá foi o raposo todo contento por ser convidado a unha voda de tan altos voos. Pasou toda a semana facendo exercicio e dieta para perder os quilos pactados, pensando que semellantes manxares ben valían a pena tal sacrificio. Chegado o día, sen embargo, só perdera catro quilos e medio, ainda así víase moito máis lixeiro, así que pensou que o galo ven podería con el.

- Vaia, vaia! Que elegante estás!- díxolle o galo.
- A que se me ve máis lixeiro e delgado?
- Pois sí, pero ainda así, non sei eu se poderei contigo.
- Si que podes, se es un galo forte e grande- retrucou o raposo, sen deixar de pensar nos grandes manxares que os agardaban.
- Buemo, pois imos aló. Agárrate ben ás miñas patas que alá imos! E non mires para baixo!

E o galo saíu voando co raposo colgado das patas. Xa levaba subido bastante, cando deixou cair disimuladamente, un pouco de manteiga polas patas abaixo e o raposo comezou a escorregar.

- Oe, ti! Deixa de suar tanto que estou esvarando!
- E que pesas moito, para mín que non adelgazaches todo o que acordamos.
- Ai! Ai! Que esvaro! Baixa, baixa!
- Xa vou, xa vou...
- Date presaaaaaaaaaaa....

E o raposo caíu. Ía polo aire pensando que, cun pouco de sorte, caía nunha meda de palla, pois alá abixo vía como uns campesiños colocaran todo o trigo en medas e dispoñíanse a mallalo. Pero así como se ía acercando, foise dando conta que xusto ía caír na eira onde estaban a mallalo trigo. Entón o raposo fíxose unha promesa a si mesmo.

- Se desta me salvo e non morro, xuro que, por moi bos manxares que teña, non quero saber máis de vodas no ceo, eu quedo en terra.

..........................................................................................
RELATO RECOLLIDO POR: Mary Camiña

sábado, 31 de maio de 2014

** O mestre, o carniceiro e o burro

Noutros tempos, os nenos estaban na escola todos mesturados, e tiñan un só mestre, según soubesen os libros íannos pasando de curso.
O carniceiro e o taberneiro dunha pequena aldea eran amigos e tiñan os fillos no mesmo nivel, ata que, por sorprendente que parecera, o fillo do taberneiro, ainda que non era moi estudioso que digamos, pasou de nivel e o do carniceiro non.
Unha tarde, na taberna, o carniceiro estaba a falar do tema co taberneiro:

-Oe ti, como é que o teu fillo pasa de curso e o meu non? Dende cando é máis listo ca o meu?
-Home! Parece mentira que non o saibas, é que o meu está indo a clases particulares co mestre- díxolle chiscando un ollo- claro que, sempre se lle deixa caer un pequeño agasallo polo traballo que fai co rapaz en horas extra..., tí xa sabes.
-Non, non sei.
-Tranquilo, que eu explícocho e xa verás como o fillo che pasa de curso.

Dito e feito, o carniceiro foi falar co mestre e esa mesma semana comezou coas clases, a ver se nese último trimestre conseguía pasar coa axuda delas.

Tódalas semanas ía o carniceiro co seu fillo montados no burro a xunto do mestre dar un par de clases extra; e tódalas semanas o carniceiro leváballe un pequeno agasallo en mostra de agradecemento: unha ristra de chourizos, un pequeño lacón, unha cacheira, uns quilos de costelas da agulla,..., e o último día antes das notas: un xamón.

Chegou o día das notas e o fillo do carniceiro sae do colexio todo contento, non só pasaba de curso senon que sacara sobresaínte en todo... O carniceiro achégase ao mestre e dille con certa retranca:

-Vaia! Pois sí que che son boas as súas clases, Sr. Mestre.
-Mira se son boas, que se chegan a durar tres semanas máis, apróvoche ata ao burro.

...........................................................
SANXENXO. Mary Camiña

martes, 4 de febreiro de 2014

** Burbulla






E co brillo do sol,
ao lonxe, se delatou,
pois,a súa presencia,
ao ser transparente,
non se fixera patente.

Preguntárame miles de veces
por qué non respondía
maís que burdas sandeces.
Por qué xa non sorría
e a súa alma desaparecera.
Nunha gran burbulla vivía
sen que a realidade transcendera.
Apartado dos sentimentos
das persoas e dos seus pensamentos.
Sumido no egocentrismo,
non se daba conta que vivía
nun mundo de ilusionismo.

Sen sentimentos que fixeran sufrir,
sen sentimentos que fixeran vivir,
adicado ao seu traballo e ao seu mundo,
mundo onde os sentimentos eran mudos.
A súa alma perdeuse na inmensidade
da materia e do razoable.
Só interesaba a súa realidade.
Unha burbulla impenetrable
o protexía das persoas;
as cales simples nomes eran,
listas de nomes sen vida,
neles só buscaba afagos,
cumprimentos e resultados,
sen darse conta sequera,
das amizades perdidas.

O amor, a amizade, a compresión
todos estos, sentimentos son;
desterrounos da súa persoa
creando a burbulla para mantelos fóra.
Chegará un día no que descubra,
xa, quizáis, moi cerca da loucura,
e vexa con cordura que o seu corazón
necesita sentimentos e non protección.
Ese día, volverá a vivir e lle contará,
cando esté preparado, a súa alma lle falará:
dos sentimentos
e dos pensamentos,
da felicidade e da morriña,
do encanto da vida,
do sufrir para gozar,
do rir para non chorar...

..................................................................................................................................... SANXENXO.© Mary Camiña

domingo, 12 de xaneiro de 2014

** Definicións curiosas do Carpe Diem

Nun breve espacio de tempo, nun momento en que estaba un pouco agobiada polos acontecementos, tres persoas distintas mencionáronme o CARPE DIEM pero, con certa sorpresa, vin que me estaban falando de tres conceptos distintos. Quizáis sexa iso ó que chamo a existencia de distintas acepcións segundo o punto de vista do que entenda cada un.

O primeiro que mo mencionou, foi dunha forma máis tradicional, “aproveita o momento”, dende o punto de vista de non malgastar o tempo que vives. Teño que é unha persoa tolerante, diplomática, sensata e con empatía, o que eu entendo como boa persoa, das que podes falar con elas do que sexa e te escoitará, darache unha opinión pero sin impoñerche nada. Ten todo o meu respeto e incluso comparto, a maioría das veces, a súa forma de ver as cousas.

A segunda persoa que mo dixo foi cun sentido máis parecido a “non te compliques demasiado a vida polos demáis, non sexas tan altruista...”, é unha persoa que sufre cando me ve sufrir e non quere que o pase mal, pero entende que a miña forma de ser é a que é, e que no fondo non son tan altruista, senon que tamén teño o meu amor propio. Sei que a súa intención é boa, que se preocupa e cre, acertadamente, que cando me encargo dun problema non paro, normalmente, ata que está solucionado ou xa non se pode facer nada máis. É unha persoa protectora, que se aparta instintivamente daquelas persoas que lle fan mal, pero, que nunca se nega a axudar a alguén cando llo piden con humildade, sen embargo non é tan diplomático e non soporta á xente arrogante, nin fai por disimulalo.



Ata agora, as definicións eran máis ou menos axeitadas ao que convencionalmente entendemos por Carpe Diem. Pero encontreime cunha definición dun terceiro suxeito que me desconcertou. Ademáis, é que me deu a definición do que esa persoa entendía por Carpe Diem, e quedei un pouco sorprendida. Significaba vivir a vida no momento, sin pensar no futuro, sendo esa persoa o centro do momento e cos demáis contemplándoo e non interferindo. Ufff, que mal rollo me diu..., eso soábame máis a egocentrismo que a outra cousa...Sería esta unha nova forma de vivir o Carpe Diem? Un Carpe Diem Egocentrista? Tiña toda a pinta. Normalmente, con este tipo de xente acabo mal, e, ao meu pesar, así foi: xuzgoume e intentou que prevalecese a súa opinión sobre a miña, xa que se debe crer un ser superior. Respeto a súa visión da vida pero de persoas que non queren saber nada dos seus semellantes, só telos como meros “admiradores”, aplaudíndolles os seus logros e sen pizca de empatía, prefiro apartarme deixándolle claro o que opino. E, tristemente, así o fixen, non por non compartir a súa visión da vida, senon porque teño que ser coherente, se unha persoa, despois de moitos anos sen vela non lle interesa nen o máis mínimo dos sentimentos e vida de quen foi un amigo ou amiga, está claro que un tampouco debe interesarse nela. Deséxolle o mellor, e cando esté preparado para volver a confiar na raza humana e baixe do seu pedestal, e lle interesen o resto dos mortais como persoas que interactúan e non que simplemente observan, aquí estarei.

E, falando do carpe diem e dos “seus significados” eu decántome polo “Carpe Diem Equilibrado”, que ven sendo algo así o que dixo xa unha vez Estrela de Xullo e tanto me gustou, aquel, xa famoso: “Carpe Diem, pero cos pés na terra”. Dito en palabras dun psicólogo: “vivir o momento para aumentar as emocións positivas e as relacións sociais, pero sendo conscientes das nosas capacidades”, sin deixar de lado a planificación económica, e a nosa interacción cos demáis, xa que creo que todos estamos conectados dalgunha forma e as nosas accións repercuten nos demáis. É dicir, a fórmula para alcanzar a felicidade que nos permitirá disfrutar do presente sin influir negativamente no futuro nin nas persoas coas que convivimos.

Saúdos.

...........................................................
SANXENXO. Mary Camiña 

xoves, 28 de novembro de 2013

** O paradigma do amor

Cantas veces, mirando as estrelas,
por tí lles preguntaba,
por si tamén tí as mirabas,
querendo saber se en mín pensabas.

Un trociño do meu corazón,
pregaba ao ceo que de mín te lembraras;
mentras desexaba que foses feliz,
coa persoa que escolleras ter ao teu carón.

Porque o amor éche así,
non entende de coherencias nin de razóns,
quere e sinte, quéreo todo para sí,
e desexa para o seu amado o mellor.

Sempre no meu lugar facendo o correcto,
vivindo unha vida de mundo perfecto.
Canto a liberdade do vento envexaba,
para poder decirche o moito que te amaba!

Quérote sen poder querete,
ámote sen poder amarte,
non chorei por perderte,
non reirei por de novo verte.

Encontrei a felicidade sen terte ao meu lado,
desconcertada estou por volverte ver,
o meu corazón está desacougado,
en realidade nunca te deixei de querer.

Volven, despiadados,
en contra da miña razón,
os sentimentos do pasado,
sobreviven no fondo do corazón.

Dividida entre querer e non querer,
do pasado e do presente,
do presente e do ausente,
do que foi e do que puido ser...

Quérote comigo, e sen tí me quero ver,
son feliz contigo e sen tí tamén o serei,
quero a liberdade para o meu corazón,
para amar sen ter en conta a razón.

Paradigmas do amor,
o que non tiveches queres ter,
o que tés non queres perder,
amar é libre pero expresalo non.

.....................................................................................................................................
© Mary Camiña. SANXENXO

martes, 24 de setembro de 2013

** Marmelada de pera

Xa sei..., prometera a receita do bizcoito de chocolate con noces, pero pareceume máis oportuno, dada a época do ano en que estamos, darvos a receita para facer mermelada; xa que me parece unha forma estupenda de aproveitar os remanentes (excesos) de producción de froitas que poidamos ter nas nosas hortas ou para esa froita que xa se nos pasa un pouco no froiteiro e non damos comido...

Utilizo unha receita que se basea no “doble cocido”, é dicir, faise en dúas fases; o resultado é boísimo e ademáis máis económico.


Os ingredientes son, neste caso un quilo de azúcar por cada quilo de pera xa limpa, sen rabiño, nen pepitas nen pel, e o zume de medio limón, xa que contén o antioxidante natural por excelencia: o ácido cítrico.

Unha vez limpas as peras (tamén se pode facer con mazás, albaricoques, nectarinas, pexegos, fresas,ameixas, neste último caso non se lle sacaría a pel), póñense a fogo lento xunto con uns 50 ml de auga para que se cozan. Aos dez minutos de comezar a ferver engádeselle o azúcar e pásaselle a batidora. Vólvese colocar no lume e reménxese cunha espátula ou culler de madeira ata pasados 3 minutos dende que volve a ferver.

Déixase repousar, e ,ao día seguinte, ponse de novo ao lume a fogo lento sen deixar de remover, unha vez que comece a ferver, cóntase 5 minutos e xa está listo para pór nos tarriños de cristal.

Non se tapan de inmediato, senon que hai que deixar os tarriños destapados nun sitio fresco e seco ata que forme unha costra de azúcar por riba, entón estarán listos para tapar e conservar durante un ano enteiro.

O ano pasado fixen mermelada de nectarina e de ameixa vermella con este sistema e ainda estamos a disfrutar do último tarro. Este ano tocoulle ás peras porque nen houbo ameixas nin nectarinas que sobraran...

Acabo de preparar uns tarriños e está... ummm, rica, rica...

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña

domingo, 1 de setembro de 2013

** Felicidade nunha noite de verán

Moitas persoas se laian de non conseguir a felicidade e, se soubesen buscala e vela daríanse conta que a felicidade está dentro de nós, cada vez que tomamos unha decisión estámonos acercando ou distanciando máis dela.

A felicidade é causa de búsqueda día tras día. Pero, qué buscamos realmente? A felicidade é todo aquilo que nos fai sentir ben, a gusto connosco mesmos e en paz co resto do Universo.

Por sorte, o ser humano ten moitos sitios onde encontrala, dende o sorriso da persoa especial á que tanto queres e admiras, pasando polo traballo ben feito cada día ata o pracer de ver as estrelas en soedade en consonancia co Universo.


Esta noite non tiña sono, así que deixei ao meu compañeiro profundamente durmido e subín ao ático; abrín unha das ventanas do tellado, tumbeime e fitei para o ceo. Un ceo negro e cheo de diminutas estrelas que brillan sen parar. Xa sei que non todas son estrelas, que , ainda que nós non as poidamos distinguir a simple vista, algunhas que o parecen son en realidade galaxias enteiras; máis dunha vez o comprobei co noso pequeño telescopio.

E na paz da noite, co son do cantar dos grilos como música de fondo, deixei que o meu pensamento divagara entre mundos novos e vellos, entre estrelas que nacen e estrelas xa mortas das que ainda podemos ver os seus últimos raios; pensei no pequenos que somos na inmensidade do Universo, no maravilloso que é sentir e poder disfrutalo; do pequena que é a vida e o pouco que a veces se valora e se disfruta... E entón, pensei en dous amigos meus e o mero pensamento fíxome sorrir. “Carpe diem” dín os dous, e que razón teñen. Quizáis a felicidade tan só consista en vivir con intensidade todos aqueles momentos que te fan sentir ben... E na soedade da noite, sentinme acompañada por miles de persoas que buscan a felicidade en cousas tan pequenas e sinxelas como o estar alí, tumbada no chan e disfrutando da tranquilidade da noite, da inmesidade do Universo e os bos recordos.

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña


sábado, 10 de agosto de 2013

** Causas e solucións da economía sumerxida (3/3)

Despois de ter xa algo máis claro que é o que faría disminuir o déficit, vou apuntar algunhas causas e soluccións.

As causas máis destacadas polos economistas son:
. Nivel impositivo relativamente alto e complexo para particulares e empresas pequenas (teñamos en conta que o 65% do PIB español o crea as PEMES)
. Escasos recursos das autoridades fiscais.
. Escasa flexibilidade de cotas á S. S. de autónomos.
. Prazos de actuación retroactiva de revisión de fraude fiscal insuficientes.

Posibles solucións:
1. Simplificar a burocracia para facilitar os trámites; xa que segundo o "Paying Taxes 2013", unha empresa en España dedica 167 horas ao ano en xestión de tributos, o que supón un mes de traballo. Un custo que en época de crise se fai insostible. Preguntarédevos cómo se podería facer tal cousa; pois ben, simplemente cunha aplicación informática acorde ás necesidades dos cidadáns, creando unha rede única de informcación na que interactúen S.S., INEM, Facenda Pública, etc.

2. Flexibilidade da cotización á S.S. como autónomo, aplicando diferentes normas segundo sector.

Por exemplo, a maioría das persoas físicas que se dedican a impartir clases particulares estarían dispostas a cotizar á S.S, se se puidese facer por media xornada, xa que pola mañá os alumnos están no colexio obrigatorio. Crear un novo tipo de autónomo por "obras menores e reformas" para os obreiros da construción que se ven obrigados a traballar de forma ilegal xa que as pequenas "reformas" do fogar os empregan por períodos de tempo demasiado curtos ( un par de días, unha semana...) como para poder cotizar como autónomos á S.S., polo mes enteiro, sen ter perdas. Polo cal se recomenda un tipo de cotización especial mediante o cal, e coa axuda dunha aplicación informática específica, puidesen cotizar á S.S., por días. Ademáis, para fomentar este tipo de "obras e reformas", poderíase aplicar un tipo de gravame especial do IVE, por exemplo, ao 10%.

Un incentivo para que os autónomos de xornadas discontinuas se animasen a cotizar sería a posibilidade de cobrar un pequeno subsidio por "x" días cotizados de forma non consecutiva, xa que no momento en que cotizasen máis de tres meses consecutivos pasarían á modalidade xeral de autónomos; e, por suposto, que só se puideran beneficiar diste novo réxime os autónomos sen traballadores ao seu cargo.

Outra das trabas neste sector é a obriga de ter un seguro de prevención de riscos laborais, o cal poderiamos solucionar, por exemplo, creando unha póliza aberta de seguro e prevención xestionada pola administración local, de forma que cada un dos beneficiarios se fixese cargo da súa cota mensual segundo días cotizados. Tería que ser unha póliza renovable anualmente pero revisable mensual ou semanalmente.

3. Prazos de revisión fiscal deberían ir en función da cantidade monetaria defraudada. Prescricións dende 4 a 20 anos, segundo a fraude cometida. De 0,00 € a 10.000,00 € de fraude fiscal: 4 anos; de 10.000,01 a 50.000,00 €: 5 anos; de 50.000,01 € a 100.000,00 €: 10 anos; resto a 20 anos. E unha nova lei con carácter retroactivo, polo que sería necesario cambiar certas leis que non o fan posible.

Creo que necesitamos unha bondade verdadeira de reforma e de cambio na estrutura actual tanto de goberno como das leis que rixen o mesmo, pero non só de palabra, senon de feito. Xa vedes que algunha das medidas que propoño non son nada doutro mundo pero sí farían, creo eu, cambiar a visión que teñen os demáis países de nós. Non vale ser tan só o primeiro país en crear normativas en prol da igualdade como a que recoñece os matrimonios homosexuais, tamén hai que ser progresista e activo para solventar os problemas económicos do país, e non andar ao rabo dos demáis para que nos solucionen os problemas. España é o noso país, nel vivimos nós, e polo tanto, é responsabilidade de tod@s facelo progresar, sacalo desta ruína, e se fai falta tirarlle das orellas a alguén débese facer; máis vale cedo que tarde, e máis vale tarde que nunca.

Ainda que tan só a décima parte de toda a economía sumerxida se reflotara, estaríamos en niveis de déficit máis que permisivos para seguir facendo frente en Europa; sen olvidarnos da confianza que xeraríamos na nosa economía e o pequeño cremento que se propiciaría. Xa sei, e non me olvido, de que a realidade é moi complexa, pero ás veces, ás solucións a problemas complexos son as máis sinxelas e, sobre todo, as que realmente se poden aplicar.

Saúdos

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña


ARTIGOS RELACIONADOS:

** ¿Qué é o déficit público e cómo se modifica? (1/3) 
** A reducción do déficit público e a economía sumerxida (2/3) 

martes, 6 de agosto de 2013

** A reducción do déficit público e a economía sumerxida (2/3)

O problema das economías mergulladas é tal que se publicaron varios informes (por certo, todos feitos por institucións extranxeiras xa que as que había no país tiveron que pechar por falta de recursos ou de interés, non sei), que revelan uns datos un tanto inquietantes: segundo o recente "Estudo Panaeuropeo sobre a Economía Mergullada" de VISA Europe, a finais de 2012, a economía mergullada de España rolda os 201.300 millóns de euros. O que supón un 19,2% do PIB español.

Por sectores, a economía mergullada, repártese da seguinte forma:
. O 29% da economía mergullada corresponde á actividade de reparacións do fogar e obras de renovación, o que supón un montante de 28.000 millóns de euros.
. O 19% á hostalaría e restauración.
. O 18% do sector de comercio é economía mergullada, o que supón unha cantidade de 20.000 millóns de euros. O comercio, en España supón uns 113.000 de millóns de euros de PIB.
. A industria xera uns 24.000 millóns de euros mergullados, o que implica un 16% do PIB industrial. O PIB industrial é de 149.000 millóns de euros.
. O sector de transportes e comunicación teñen un 14% do seu PIB en forma clandestina.
. As inmobiliarias xeran un 9%, aproximadamente, do seu PIB en economía mergullada.
. Sectores como traballo doméstico, clases particulares, etc. son imposibles de cuantificar.
. Os únicos sectores que non presentan ingresos clandestinos son os sectores regulados como a educación, etc.

Por outra parte, o Instituto Tax Research de Reino Unido elaborou recentemente un estudo das mesmas características que o anterior que reflicte que a principios do 2.013 existía en España, unha economía somerxida entre 212.125 e 239.175 millóns de euros, o que supoñería un 22,5% do PIB español. Polo tanto, FACENDA PÚBLICA DEIXARÍA DE INGRESAR 74.032 MILLÓNS DE EUROS AO ANO. O último ano descenderon 9.900 persoas traballadoras por conta propia.

A Taxa de paro é do 27,16% e máis de 6,2 millóns de persoas están no paro e subsisten grazas á solidariedade familiar e á economía mergullada, que fai de amortecedor. Os sectores máis característicos, que se ven a plena luz son "traballos a domicilio", "pintor", "cursos de inglés", "clases de apoio"..., do 20-30% da hostalaría e restauración defraudan mediante contratos fraudulentos (cotización á S.S. Por 4 horas diarias cando en realidade os traballadores realizan 8 horas diarias) e en vendas non declaradas.

Parte desta economía mergullada que se ve a simple vista podería desaparecer na maioría dos casos se tivésemos un sistema de cotización á S.S. máis liberalizado, xa que xente, a maioría mulleres, que por motivos persoais ou de crise, xa que hai menos horas de traballo, non pode traballar todo o día ou o mes enterio, estarían dispostas a contribuir á S.S. como autónom@s e non o fan porque teñen que pagar a cuota da xornada de 8 horas e polo mes enteiro...

O próximo día fareivos partícipes de posibles solucións, espero que este pequeno escrito vos axude a entender un pouco máis o que bos rodea e como poderíamos cambialo. Non creo na persecución da economía sumerxida a pequena escala pero sí na concienciación ciudadana, pero non será posible ata que nos liberalicen as cuotas que máis frean a nosa economía e fagan xustiza cos grandes defraudadores de Facenda, Tamén teño un trociño adicado para eles. Un abrazo.

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña



ARTIGO RELACIONADO:

** ¿Qué é o déficit público e cómo se modifica?
(1/3) 


mércores, 31 de xullo de 2013

** ¿Qué é o déficit público e cómo se modifica?

Iniciamos con este artigo unha serie de tres adicados á economía. Están os tres feitos pola nosa colaboradora Mary Camiña. Pretende acercar dunha forma sinxela e básica diferentes aspectos da economia de xeito sinxelo para informar á cidadanía, pois a xente oe falar do tema pero non toda sabe o que hai. Gracias Mary.



.....................................................................................................................................

Non sei se sabedes que me gusta a economía, sobre todo na que aplicas
solucións económicas sin atender ás ideoloxías políticas e non ao revés. O déficit público é un tema de actualidade, pero non sei hata que punto sabedes o que é, cómo se forma. Pois hoxe invítovos a descubrir, de forma breve e o máis simple posible para que vos fagades unha idea, e sobre todo, cómo se pode modificar.

Para empezar decirvos que o Déficit público é a cantidade de diñeiro
en que superan os gastos sobre os ingresos:

Déficit =Ingresos - Gastos <0

Para diminuír o Déficit, debemos aumentar os ingresos( iso sábeo todo o mundo) (vía Cotizacións S.S.(Seguridade Social), IRPF, IVE, etc.), e/ou diminuír os gastos (diminuíndo o paro, diminuímos os gastos por subsidios, etc.)

O PIB (Producto interior bruto) é o valor de bens e servizos finais producidos nun territorio durante un período de tempo determinado (normalmente trimestral ou anual). O PIB é igual á produción total de bens e servizos menos os consumos intermedios (é dicir, o que se necesita para crear produtos). O PIB a prezos de mercado é a suma do consumo final (C) e a formación bruta de capital (FBC)( é deciir, todo aquilo que xenera o mercado que teña valor e non sexa consumo: inversións, aforro dos cidadáns, etc.) máis as exportacións (X) e menos a importacións (M)

PIBpm = C + FBC + X - M

O consumo final e a formación bruta de capital representan o comercio interior, mentres que as exportacións e as importacións representan a evolución do comercio exterior.(Unha posible vía de subida do PIB sería exportar produtos ao extranxeiro, e para iso necesitamos que comecemos a producir e abrir mercado internacional, tanto dentro como fóra de Europa).

O coeficiente de Déficit % que nos marca a UE é o cociente do Déficit entre o PIB, multiplicado por 100. É pois, a porcentaxe de déficit que posúe o país respecto á riqueza que xera ao ano.

Despois de aclarar as igualdades macro-económicas, podemos xa centrarnos en cómo diminuír o déficit%:

. Aumentando o PIB p.m; mediante o crecemento da economía e afloramento de parte da economía sumerxida ou mergullada, xa que pensar que toda a economía mergullada pode aflorar nun país é unha utopía, e o que nos interesa nestes momentos é unha proposta seria e realista.

. Diminuíndo o Déficit; por vía dos ingresos: aumentando o número de cotizacións á S.S.; e aumentando os ingresos vía IVE que se poida recuperar desta parte da economía mergullada. A contribución por vía do IRPF será menor. Por vía dos gastos: as persoas que se dean de alta á S.S., deixarán de percibir axudas ou subsidios. E non como nos queren facer crer que baixou o paro en 127.000 persoas e só aumentou a cotización á S.S. en 24.000; eu non sei a vós, pero a mín non me saen as contas... O que está claro é que se non aumentan as cotizacións á Seguridade Social, os ingresos non aumentan.

Ata aquí como podemos influir no déficit, o próximo día poñerei uns datos moi interesantes sobre a economía sumerxida ou mergullada deste país levadas a cabo por dúas institucións independientes, soprendentemente, a pesar de pertencer a diferentes países, coinciden nos datos que reflicten.

Espero que vos aclarara algo, e se tendes algunha idea máis ou pregunta non deixedes de comentalo, hai que levantar este país e hai que comezar por dar información verdadeira e non deixar que nos tomen por ignorantes; dame moita rabia cada vez que poño algunha canle de comunicación e escoito semellantes datos, como por exemplo, o que comentaba dos número de disminución de parados e de afiliados á S.S., e dinno cunha alegría descomunal, eu creo que nos intentan manipular, e como xa comentei máis dunha vez, detesto aos manipuladores. Saúdos.

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña

sábado, 20 de xullo de 2013

** Tormenta no Edén

Nubes oscuras, frías, perturbadoras da tranquilidade desafían con entrar no Edén, fórmanse no horizonte e non concibo a posibilidade de que sexan reais. Igual é unha alucinación, froito deste deslumbrante sol que me aloumiña, e me fai sentir tan feliz; igual collín unha insolación de felicidade aquí, no Edén... Pero non, podo notar os fríos ventos que se aproxima, e alí están, espectantes, esperando, dubidando do rumbo que han de tomar, como un exército de malos sentimentos, de dor e desolación ás portas dun castelo que queren derrubar: O meu Edén... Vanse acercando e entón un chisco de esperanza alcanza a miña alma.. E posible, tal vez, que collan outro rumbo e nos deixen tranquilos no noso remanso de paz e felicidade? Sexa ou non posible, a tranquilidade cambiou para converterse en dor, unha dor de posible perda do sol... Non! Tranquila, ainda as nubes non están enriba de nós, ainda poden mudar de dirección, pero pouco a pouco se van acercando, amodo...

Que angustia! Que desesperación! A espera, a eterna espera do posible e do imposible, do tal vaez e do quizais... A esperanza é o último que se perde..., o vento ainda pode facer que as nubes viren e non cheguen nunca ao Edén...

E sei, que ainda que ao final a amenazadoras nubes nos alcancen e descarguen a súa dor e o desacougo sobre nós, o rexio sol do Edén se agocha tras delas e nalgún momento, máis tarde ou máis cedo, as nubes desaparecerán e deixarannos disfrutar de novo do astro rei en todo o seu esplendor, que nos curará as feridas, como tantas veces fixo, que nos aloumiñará cos seus raios as nosas doridas almas e volverá a enchernos o corazón de sorrisos e alegrías, de cariño e felicidade. Xa non seremos os mesmos de antes da gran tormenta pero aquí seguiremos, coa esencia que permanece fiel sempre aos seus principios e sentimentos, coa alma sempre disposta a loitar e a ser feliz....Reconstruiremos o Edén.

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña

venres, 12 de xullo de 2013

** Contos populares arredor de A Lareira Máxica (nova sección): O raposo e os cans

Estaba un día un home no monte cargando un carro de estrume para os animais, era tarde, xa cáseque a hora de comer, e laiándose dixo:
 Ai!, que tarde é!, e eu ainda sen terminar, hoxe non como...

O raposo, que andaba por alí, ao oír falar de comer, interesouse e foi xunto do home:

- Bos días,home, que problema tés?
 Bos días, raposo. Nada, que xa vai ser hora de comer e aínda teño o carro sen cargar.
 Se queres, axúdoche eu...
 E farías iso por min?
 Claro, pero..., que me das a cambio?
 Bueno...-dixo o home cabilando- teño catro galiñas vellas no corral, se me axudas son túas.
 Vale.

O home mailo raposo cargaron o estrume no carro, e o raposo acompañou ao home para que lle fixera a entrega do prometido.

Ao chegar cerca da casa díxolle o home:
 Mira, tí quedas aquí, cólloche as galiñas e velas buscar cando te chame.
 Vale.

O raposo, que non se fiaba, achegouse pouco a pouco á casa e oíu ao home discutir coa súa dona.

 Que vas facer coas galiñas?-dixo a muller.
 Vou metelas nun saco que prometinllas ao raposo por axudarme a cargalo carro.
 Como? Para que se avicie e despois veña buscar máis...Diso nada! Era o que che faltaba! Bótalle os cans, bótalle os cans!
 Pero muller, se eu prometinlle as galiñas, …, ademais son vellas...
 Érache boa! Co bo caldiño que fai unha boa galiña vella... Diso nada! Bótalle os cans!Bótalle os cans!
 Pero muller...
 Nin pero muller nin rabo de gaitas: Bótalle os cans! Bótalle os cans!

E o home, todo apenado xa que lle prometera as galiñas ao raposo que tanto lle axudara, colleu os cans e meteunos no saco.
Ao que saíu, veu ao raposo ao lexos e chamou por él:

 Raposo! Vente! Ven coller as galiñas que están no saco.
 Ai, non! Bótamas de lonxe, que as pillo mellor...
 Vente, oh! Ven buscalas galiñas... que se chas boto de lonxe poden escapar!
 Galiñas serán, pero cheiranme a can... Bótamas dende aí que xa as collo!!!

O home abriu o saco e saíron os cans correndo e ladrando. O raposo, que xa oíra a conversa, púxose a correr todo canto lle daban as súas patas. Para que os cans perderan o seu rastro, meteuse por entre os toxos e as xestas, cando creu que xa os perdera de vista foi cara o seu tobo, e refuxiouse nel. Todo canso e aínda co susto no corpo decía así:

 Ai, miñas patiñas! Ai miñas patiñas bonitas! Que grazas a vós non me paparon os cans.
 E eu? E eu? E eu qué?- díxolle o rabo
 Ti? E ti? Ai!, tí gran cochino! Ti que ías engargallándote nas silvas e nos toxos!!!




.....................................................................................................................................
SANXENXO. Conto narrado por Emilia Bouzada e recollido por Mary Camiña

martes, 9 de xullo de 2013

** O recuncho literario: Nos teus brazos







SANXENXO. mARY CAMIÑA


Un sorriso nos beizos
e no corazón un gozo intenso.
Mirando os teus ollos feiticeiros
perdo a noción do tempo.
Unha caricia, unha insunuación,
un aloumiño e un sentimento,
unha nova sensación
que cambiou o meu firmamento.
Nos teus brazos protexida,
síntome flotar nun mar de ledicia,
sentindo as túas caricias,
bebendo o amor que me enfeitiza.
Un fitarme con dozura,
nun mundo de fantasía,
Un momento de loucura,
un desexo que me desafía.
Pouco a pouco saboreándote,
sen presas nen censuras,
o meu corpo entregándose,
olvidándose da cordura.
Tremores que me fan xemir,
de gozo e desesperación,
sentíndo cada centímetro de tí
non querendo separarme, non.
Quero sentir, sentir,
e sempre unida a tí estar,
non pensar e só sentir,
nunca este momento acabar.
Entre suspiro e xemido,
os nosos corpos se entenden,
parecen perder o sentido,
piden máis e máis teñen.
E nunha perfecta unión,
as miñas entrañas,
oh, maravillosa sensación,
de doce mel bañas.
E cun sorriso nos beizos,
e os corazóns entrelazados,
no mesmo leito,
os nosos corpos sosegados.

[© Mary Camiña]

luns, 10 de xuño de 2013

** Secretos dunha meiga. Capítulo 0: O diario de Anxos


SANXENXO. Mary Camiña

Chámome Anxos, nacín hai máis de coarenta anos nunha pequena aldea de Galicia, cando ainda na casa había lareira e se contaban historias de defuntos, espíritos e ánimas ao pé dela despois da cea; cando o mal de ollo e as envexas eran as explicacións de moitas cousas que na ignorancia do pobo se trocaban realidade.

Era unha noite de treboada, unha chuvia refrescante caía sobre as resecas praderías, sobre a pobre herba que xa os animais non querían nin comer, que xa só servía para estro. Foi unha choiva de renovación e chea de vida, dixera meu avó, meu avó tiña unha forma de ver a vida moi especial mesturando fantasía e realidade, pero sempre aplicando a lóxica, unha lóxica moi especial... Non sei ben se sería realmente así ou se o inventou, pero según él, foi un milagre de Deus, tan grande, cáseque como o nacemento da súa netiña, tan guapiña que parecía un anxo, e por iso me puxeron Anxos...

Fun bautizada aos oito días de nacer, como era costume, a non ser que un neno nacera enfermo ou moi pequeno e se presumira que puidese morrer prematuramente, polo que, nese caso, e para evitar que o pobre neniño fose un anxiño sen bautizar e non poidese ser soterrado como unha alma cristiá en solo sagrado, xa que non era libre do pecado orixinal, se ía chamalo cura e se bautizaba á noitiña e de urxencia, en algún dos casos incluso se lles otorgaba a Extrema Unción... De feito, ao fillo da María, a de Manolo de Marugha do Xivas, non dou tempo de bautizalo e morreu sen bautizar aos tres días de nacer por mor dun problema no corazón, según dixeron os médicos, e foi soterrado debaixo do cruceiro do Petouto de forma cáseque anónima se non fose por unhas pequenas marcas sobre o cruceiro onde rezaban as súas iniciais xunto coas doutros moitos nenos sen sorte que, baixo unhas tristes louxas, descansaban para sempre. Anos máis tarde, os nenos, así como os suicidas puideron ser soterrados xa no CampoSanto e as louxas foron retiradas e o piso de arredor do cruceiro do Petouto foi cuberto cunhas fermosísimas e ben coidadas pedras de cantería, promesa polo visto dunha muller á que o cruceiro protexera da Santa Compaña unha noite que volvía co seu fillo do médico.

Eso sí, saín un pouco rara. Pero eu, na miña rareza sempre me sentín cómoda.


Na miña familia había unha costume que me había marcar de certa forma..., se a meniña non comía, ..., malo, seguro que alguén lle botou mal de ollo, e veña, arranca a xunto dunha meiga; se a meniña estaba descomposta,... uhi!, malo, e que á meniña tíñanlle envexa e arranca de novo a xunto a meiga..., que si tiña aire dun defunto, que si a veciña, ainda que non o fixera por mal, botárame mal de ollo, que se unha ánima mala da familia se agarrara a mín e non quería soltarme...e así unha lista interminable. Debeu ser por iso polo que sempre tiña soños moi raros e inquedantes, con persoas que xa morreran, unha mulleriña, sempre a mesma, me contaba cousas dos vivos e dos mortos que despois eu non conseguía recordar, dentro do “meu mundo paralelo”, como eu lle chamaba ao mundo dos soños, as cousas eran diferentes..., o tempo non pasaba, podía subir a unha dimensión diferente que só eu podía ver e oir e falaba con persoas que xa non estaban connosco, era todo tan natural, tan normal...

A pesares de tantas incursións ao mundo do esoterismo, a miña vida era como a de calquera nena: xogaba no campo cando o tempo o permitía, encántabame saltar nas pozas do camiño de volta do colexio, a pesar das reprimendas da avoa e da mamá..., xogar nas rúas ao futbol (que ainda que era nena, deixábanme porque chutaba ben), ao pilla pilla,... pero o que máis me gustaba era ir xunto da Marela a ver como lle crecía a barriga, xa que pronto tería un puchiño...

Cantas lembranzas! E mira tí por onde, con máis de corenta anos comezo a escribir o meu diario..., teño tantas cousas e ideas que ordear..., ás veces dame a impresión que me estou a volver tola... Creo que a morte de Eméritas me afectou demasiado. Foi a única amiga que me entendía de verdade...


[© Mary Camiña]

venres, 19 de abril de 2013

** Amor


SANXENXO. Mary Camiña

Amor é mirarte e verme reflexada en tí,
amor é sentir “bolboretas” bailando no meu interior.
Amor é mirarte e entenderte.
Amor é a maxia de sentirte cerca ainda que non estés.
Amor é que se me dilaten as pupilas con tan só verte.
Amor é a inexistencia dun mundo sen tí.
Amor é formar parte dun soño común.
Amor é sentirse libre coma un paxaro.
Amor é alimentar día a día o mellor de cada un.
Amor é curar xuntos as feridas
para as que non estamos preparados,

Amor é dar saltos de ledicia cando te vexo feliz...
Amor é a manta que me abriga cando teño frío.
Amor é que me doia o corazón cando te vexo sufrir.
Amor é saberte feliz ainda que non sexa comigo.
Amor é que me doia a alma cando non te teño cerca,
Amor é o motor da miña vida e sen él non podería vivir...
Amor, ...qué é o AMOR???
AMOR es TÍ...



martes, 9 de abril de 2013

** Que rabia da cando....Hai que prepararse para irse do país.


SANXENXO. Mary Camiña

Últimamente non sei qué demos está pasando no noso país. A única saída que nos están dando para poder traballar, tanto os nosos gobernantes como as institucións, é que nos vaiamos do país...

Estou cansa de ver como as persoas que formaron as nosas universidades e as nosas escolas, entre as que me inclúo, non teñen cabida no noso país. E por riba, se te negas a ir porque tes lazos afectivos que consideras máis importantes que gañar uns euros máis, ou simplemente porque no fondo te negas a crer que ninguén queira aproveitar os magníficos recursos humanos, pertencentes a unha xeración ilustrada, preparada e capacitada sin precedentes na historia de España, mírante como un bicho raro. Irse a traballar fóra do noso país debería ser unha opción e non unha imposición...

Por qué temos que irnos da nosa terra? Acaso non chegou con que os nosos devanceiros tivesen que deixar todo para probar fortuna, e separar familias durante anos? Como filla de emigrantes digo: Basta!!! Temos medios humanos máis que suficientes como para facer unha industria propia!!! Só nos falta que o goberno impulse e premie a aqueles inversores que realmente queren aproveitar os recurso nacionais, axudando a levar a cabo reestructuras industriais necesarias para ser competitivos. Ser competitivo non significa reducir os gastos vía despidos, senon máis ben reducir beneficios a favor dunha maior calidade ou ben creando economías de escala...

Seguimos bailando ao son do que nos dicen os demáis, seguimos a pensar nos cartos para hoxe e fame para mañán. Así non se pode... Tódalas inversións do país se fixeron no sector inmobiliario, e no turístico. Chegáronse a pechar fábricas para crear solares. Ninguén, a pesar de que estudios económicos demostraban que se estaba a producir unha burbulla, quixo escoitar, e agora que a vaca enfermou e xa non dá máis leite, collen os cartos que lles quedan e fuxen para o extranxeiro en busca dunha nova vaca que muxir...

E namentras, Europa rise de nós..., non nos dan solucións para crear máis postos de traballo, para renovar e reestructurar a industria española, non, iso non convén, a man de obra española está ben cualificada e ademçáis sae máis rentable que a súa propia, quédanse cos beneficios do seu traballo, coa tributación do seu salario,( xa que son rendas obtidas fóra de España), e coa súa contribución á Seguridade Social, a cambio dunhas migallas: o soldo. De novo, pan para hoxe e fame para mañá...


Os que decidimos quedar e intentar por tódolos medios sobrevivir, que obtemos a cambio?: Máis impostos, novas taxas, menos postos de traballo, menos becas para estudar aos nosos fill@s, condicións máis duras para poder acceder aos poucos postos de traballo que quedan...

Como non che teño “espíritu aventureiro”, négome a formar parte da “fuga de cerebros” que agora mesmo existe no país, eu estudiei aquí e aquí quero deixar a plusvalía que os meus coñecementos poidan xerar...



xoves, 21 de marzo de 2013

** A gripe española


SANXENXO # Mary Camiña

Nun recuncho da cama, con catro mantas e un “nórdico”, toda encaracolada e chea de frío, así foi como comezou a miña viaxe; unha viaxe increíble que me remontou a principios de século pasado. Entre o frío que sentían os meus ósos e a calor que sentía a miña pel, encontreime de repente no medio dun pequeno pobo cheo de miseria e enfermidade. Era unha noite de xeada, con xente que se refuxiaba no calor do seu lar, co fogo da lareira intentaban quentarse e escapar daquela enfermidade. Por todos lados se oían queixumes e toses; podíase respirar enfermidade e pobreza..., Vía, oía, sentía pero...como espectro doutros tempos e lares, non me podían ver; as poucas persoas que se cruzaban comigo seguían o seu camiño como se non existira. Qué frío facía!!! Ese frío que se mete nos ósos e ainda que o queiras botar fóra volve a sair unha e outra vez do teu interior, sentindo que che recorre todo o corpo e te fai tremer.

Como engaiolada por un laiar cáseque inaudible, funme achegando a unha casa, e sen cáseque decatarme, as súas paredes volvéronse transparentes para mín, atraveseinas, e vinme no medio dun cuarto terreño, alumeado polo lume da lareira, onde estaba unha pota con auga a ferver. No medio do cuarto, unha muller xoven con faciana triste, cansa e desacougada miraba para a porta, chorando en silencio, mentras sostiña no seu colo a un mozo que se vía con dificultades para respirar. Ao fondo, un neno pequeño durmía enriba dun saco de follato.

Alguén entrou no cuarto sen chamar e, sen mediar palabra, foi cara a pota , botou nela unhas herbas que traía nun saquiño e unha cullarada de mel que sacou dun diminuto frasco. Feito esto, sacou a pota do lume. A muller que tiña o mozo no colo, con bágoas de esperanza nos ollos, diulle as gracias. Entón a muller das herbas fitou para mín e díxolle:

- Escoitaa, ven doutros tempos e lares..., onde esta enfermidade xa non ten tanto poder...
Vinme rodeada dun lume que por moito que quentase non me sacaba o frío e comecei a decir:
- É a gripe española, señora. A gripe española que tanta xentiña matou, cando non había alimentos que darlle aos enfermos, cando o pobo morría de fame, cando as únicas menciñas que existían eran as herbas e receitas ancestrais que mulleres e homes cheos de sabiduría e bo facer mantiñan nas súas mentes e transmitían xeración tras xeración. Pero iso non era suficiente, nunha época na que o alimento, por mor dunha guerra, escaseaba en cáseque tódolos lares. É a gripe española, señora, que tantas vidiñas segou...
- De súpeto, sentín uns brazos que me rodeaban eun bico na caluga, e unha voz fixome regresar:
- Ruliña, estás ben? Queimas...
E, ainda a medio transportar daquel insólito lugar susurrei:
É a gripe española, que tanta xentiña contaxiou...
Entón, o meu inseparable compañeiro, fixo amago de se levantar decindo non sei qué do ibuprofeno, pero non lle deixei, agarreime a él como quen se agarra a un barco en alta mar e no medio dun temporal:
- Non, non te vaias- susurrei.

E así adormecín de novo, entre frío, calor, tremores e abrazada á persoa amada; pensando na sorte que tiña de ter ao meu carón a alguén que me coidara tanto, na sorte que tiñamos de vivir nunha época na que a gripe xa non é sinónimo de morte e desolación, da sorte que tiña de non pertencer a aquel “mundo” ao que viaxei,...ou quizáis sí?...

venres, 8 de febreiro de 2013

** Filetes de polo con congumelos


SANXENXO. Mary Camiña
Colaboradora de A Lareira Máxica


En outono, cando nenos e maiores volvemos á rutina do día a día, cando as follas das árbores van mudando de cor, e o tempo comeza a fluir de forma diferente, sempre me gustou camiñar polos nosos montes, oír, con cada paso, o triscar das follas que van formando parte da alfombra amarela-marrón-alaranxada que pisan os nosos pés, recollendo os froitos que os montes nos dán: castañas, noces... Acabo de descubrir varios grupos de fermosos fungos, cunha pinta realmente apetitosa e cos que se me ocurren unha e mil maneiras de cociñalas, pero, por desgracia, non distingo as comestibles das penzoñentas, así que, a fume de carozo, como se nunha escura noite de lúa nova a mesmiña Santa Compaña que perseguira, corro para a casa, saco o coche do garaxe e póñome rumbo ao supermercado máis próximo, que está a uns catro ou cinco quilómetros. Lástima que na taberna do Cortés non haixa cogumelos...

Polo camiño vou repasando os ingredintes que preciso para facer a receita que, de súpeto, polo monte adiante, me inspirou: “Filetes de Polo con Cogumelos”.

Os filetes de polo xa non os necesito mercar, xa que os teño adobados de pola mañá cedo, co seu sal, allo e perixel, tiña pensado poñelos á prancha para os maiores e empanalos para os nenos, acompañalos dunha ensalada e patacas fritidas e listo, pero ese paseíño polo monte fíxome cambiar de idea. Xa que estamos no outono vou aproveitar para facelo notar na mesa á hora de xantar, ao principio os nenos sempre reviran o fuciño pero despois non deixan nunca nada no prato.

Necesito tamén: unha cebola grande , vale, non hai problema, témola no cabaceiro, este ano tivemos realmente un bo ano de cebolas; 250grs.de Cogumelos, eso sí que non teño, é unha mágoa non saber distinguilos, pero non me arrisco, a prudencia nestes casos é o primordial, mira tí que si por un par de fungos perdes a vida.., non, non, que vida, que eu saiba, só che hai unha e eu respétoa moito, sexa miña ou dos demáis. Vale, por onde ía?. Ah, sí,..., preciso tamén un dente de allo, lástima que este ano os allos da nosa leira son cativiños, pero como teñen mellor sustancia non hai máis que falar, ao cabaceiro a por él; vou necesitar tamén sal, e aceite de oliva, se mal non recordo, ainda queda; e por último zume de limón; vale, pois diso tamén temos na casa, xa que o limoeiro que prantamos hai cinco ou seis anos está a dar uns froitos ben fermosos, necesita os seus coidados, pero merece a pena.

Pois ben, así que só necesito os cogumelos, a verdade que esto de ter un cachiño de terra onde pór as túas propias patacas, froitas e verduras axuda moito nestas épocas de crise. Polo menos, o tempo que se está na casa sen traballo pódese aproveitar para cultivar, certo é que é preciso moitísimo traballo e dedicación, ter en conta moitas cousas e depéndese moitas veces do tempo, ... Síntoo polos da cidade que realmente o deben estar a pasar moi mal...Nós, polo menos podemos envasar ou facer mermeladas ou ben conxelar os excedentes da tempada e imos tirando...

Bueno, xa cheguei ao supermercado, para aproveitar a viaxe, vou levar algunha cousiña máis que me pode facer falta durante a semana que ven, como pasta e arroz, fariña..., así non me sinto tan mal por coller o coche tan só para mercar uns cogumelos; normalmente aproveito a saída co coche para ir a varios sitios que me queden de camiño e aproveitar ao máximo o percorrido,...

Ufff!, qué caro está todo!!! E despois da subida do I.V.E., a ver quén chega a fin de mes sen tirar dos aforros, se é que quedan...

Unha vez na casa, dispoño tódolos ingredientes no mesado da cociña limpos e listos para comezar a preparación deste prato de outono. Acabo de darme conta de que me falta un: o viño branco. Menos mal que miña sogra sempre nos trae algunha botelliña de albariño, uhmmm! Non acostumamos beber viño a diario, así que sempre hai algún de reserva.

Collo un cazo ancho poño a pochar en aceite de oliva a cebola, o allo e o perixil ben picadiños. Mimá! Había ben tempo que unha cebola non me facía chorar tanto, perdín a conta das veces que parei de picala cebola ao non ver nada por mor das bágoas que me inundaban os ollos. E que maneira de picar...

Namentras, fileteo os cogumeloes e engádolles o zume do limón para que non se oxiden, así quedarán douradiños e non oscuros...

Xa está pochada a cebola co allo e o perixil, así que lle engado os cogumelos co limón e salamos ao gusto..., e a cocer a fogo lento... isto recórdame a unha canción de Roxana: “ A fuego lento tu mirada...”. Sí, éche boa idea, vou pór a radio...

Ben, pois a pasalos filetes de polo pola prancha..., douradiños, selándoos para que queden xugosos, iso de selalos é pór a prancha ben quente e pasar os filetes así volta e volta, dourándoos, quedando feitos por fóra e non por dentro, rematarase de facer cos cogumelos...
Pois iso, poñemos nunha fonte de forno, unha capa de cogumelos, unha capa de filetes e voltamos a cubrir cos cogumelos, engadímoslles medio vasiño de viño branco (cando digo medio vasiño, refírome a un vaso de servir o viño non de servila auga...). Metemos no forno e deixamos facer pouco a pouco (180-200ºC) ata que se doren.

UHMMM!, qué ben arrecende!!! Encántanme os olores do outono...

Vou aproveitar para facer uns pementos e un pouco de arroz que acompañarei con salsa de tomate caseira, do que envasei a semana pasada..., aproveitarei para asar tamén unhas castañas xa que o forno está encendido, realmente, a mín non me gustan demasiado, pero aos meus pequenos encántalles,... así que bos deixo para rematar este xantar de outono e próximamente vos confiarei cómo se prepara un bizcoito de chocolate con noces do máis saboroso...

Que aproveite!!!


.....................................................................................................................................

[OBSERVACIÓN: O artigo está escrito cando aínda era outono]


luns, 21 de xaneiro de 2013

** Mírame...


SANXENXO. Mary Camiña

Colaboradora de A Lareira Máxica




Mírame aos ollos e dime,
dime o que queiras decir,
non teñas medo a me ferir.
Dime o que tí sentes,
non te escondas nunha apariencia,
que non faga máis que mentir.
Sexas como sexas,
coma tí queiras ser.
Dime, meu rei, o que pensas,
déixame verte tal como es.
Mírame aos ollos e dime que sintes,
amósame o fondo do teu ser.
Mírame e dime que pensas,
Axúdame a coñecerte outra vez.






sábado, 30 de xuño de 2012

** Que rabia me dan...os esteretipos sexistas!!!


SANXENXO. Mary Camiña
Colaboradora de A Lareira Máxica

Nunca fun capaz de entender por qué as nenas tiñan que xogar ás monecas, os nenos aos coches e os que se saían desos estereotipos eran denominados "macholos" , elas; ou "cricas" ou "maricallos", eles.
Menos mal que hoxe en día, algunhas mentes vanse abrindo pouco a pouco a outra realidade, na que as persoas poden ter gustos ou conductas similares sexan homes ou mulleres, ainda así se ven certos "prexuizos".

Lendo un artigo de xa hai tempo, chamoume a atención cómo unha persoa seguía a supoñer que homes e mulleres somos diferentes na forma de pensar e de sentir, só polo mero feito de ser do sexo que somos. Non é que me preocupara en exceso esta opinión, nen que fose a primeira vez que o oio, pero sí me fixo pensar.

Toda a miña vida levei etiqueta de "rara". En aparencia, según me fixo saber un día o profesor de dibuxo lineal, son (ou era por aquel entonces) demasiado feminina, para facer unha inxeniería (non sei moi ben de onde sacou iso, a verdade...)..., e como daquela ainda non tiña o carácter o suficientemente definido, pois tomeimo ao pé da letra, xa non sería inxenieira, non porque mo dixera semellante especimen, e moito menos porque mo crera, senon por medo a encontrarme na carreira a máis dun que pensara o mesmo. Pero intelectualmente, parece ser que me parezco máis ao sexo masculino..., iso me fixo saber un profesor de primaria do colexio dos meus fillos, xa que segundo él, as mentes matemáticas son máis ben de homes, ja!. O que hai que oir..., se eu lle contara o “calculadoras” que poden ser as mentes dalgunhas mulleres...(Sí, é certo, isto último vai con retranca e é sexista, tamén hai homes “calculadores”...)

E mirade vos por onde, na carreira recrimináronme que para ser muller sempre ía moi sencilla e sen maquillaxe..., pero vamos a ver, eu a maquillaxe úsua, pero cando me apetece ou en certas ocasións, ...para sentirme mellor, non por ser muller... Non teño nada en contra das mulleres e homes que usan a maquillaxe a diario porque así se sinten mellor, pero que non me digan que unha muller ten que maquillarse a diario necesariamente, ou vestir á última...

¿Por qué necesariamente ás mulleres lles ten que encantar ir de compras? Pois non, non me gusta ir de compras, só vou cando me é imprescindible.

Tamén me dín conta que prevalece, dixen prevalece e non que sexa así en tódolos casos, a conducta machista máis na muller que no home. Encontreime moitísimos casos nos que as mulleres non soportan que o seu superior sexa outra muller.

Cántas veces fun criticada, e o sigo a ser, por non acatarme á forma "convencinal" de ser de muller : non me gusta ir de compras, odio pasar todo o día limpando, odio as telenovelas, detesto os cotilleos, e sempre necesito ter a mente activa en algo creativo. Abofé que existen máis mulleres coma mín, entón, ¿por qué seguimos cos estereotipos? Quizais pola necesidade inconsciente de ter todo analizado, seriado e etiquetado.

Teño claro, moi claro, que as persoas somos diferentes porque senon seríamos robots, copias, clons,..., non habería distintos puntos de vista, todos estaríamos de acordo e ... adeus ao factor sorpresa...

De seguro que máis dun debe pensar que teño un carácter forte, pois sí, levo moitos anos fortificándome. Uns dirán que son son unha rebelde, outros que unha paranoica, haberá incluso quen dirá que me gusta ser o centro de atención, e outros que unha frustrada¿?...: sencillamente son unha persoa,sí, unha PERSOA, nin mellor nin peor que os demáis, tan só diferente, unha persoa á que non lle gusta que a etiqueten ... Cada persoa é única polo que é, o que sinte, os seus gustos, os seus pensamentos e os seus feitos, non por ser home ou muller. Cando isto quede claro, por fín poderemos convivir homes e mulleres como o que somos: PERSOAS, con uns gustos, preferencias e actitudes diferentes, propios de cada quen e non do sexo que portamos.