sábado, 31 de maio de 2014

** O mestre, o carniceiro e o burro

Noutros tempos, os nenos estaban na escola todos mesturados, e tiñan un só mestre, según soubesen os libros íannos pasando de curso.
O carniceiro e o taberneiro dunha pequena aldea eran amigos e tiñan os fillos no mesmo nivel, ata que, por sorprendente que parecera, o fillo do taberneiro, ainda que non era moi estudioso que digamos, pasou de nivel e o do carniceiro non.
Unha tarde, na taberna, o carniceiro estaba a falar do tema co taberneiro:

-Oe ti, como é que o teu fillo pasa de curso e o meu non? Dende cando é máis listo ca o meu?
-Home! Parece mentira que non o saibas, é que o meu está indo a clases particulares co mestre- díxolle chiscando un ollo- claro que, sempre se lle deixa caer un pequeño agasallo polo traballo que fai co rapaz en horas extra..., tí xa sabes.
-Non, non sei.
-Tranquilo, que eu explícocho e xa verás como o fillo che pasa de curso.

Dito e feito, o carniceiro foi falar co mestre e esa mesma semana comezou coas clases, a ver se nese último trimestre conseguía pasar coa axuda delas.

Tódalas semanas ía o carniceiro co seu fillo montados no burro a xunto do mestre dar un par de clases extra; e tódalas semanas o carniceiro leváballe un pequeno agasallo en mostra de agradecemento: unha ristra de chourizos, un pequeño lacón, unha cacheira, uns quilos de costelas da agulla,..., e o último día antes das notas: un xamón.

Chegou o día das notas e o fillo do carniceiro sae do colexio todo contento, non só pasaba de curso senon que sacara sobresaínte en todo... O carniceiro achégase ao mestre e dille con certa retranca:

-Vaia! Pois sí que che son boas as súas clases, Sr. Mestre.
-Mira se son boas, que se chegan a durar tres semanas máis, apróvoche ata ao burro.

...........................................................
SANXENXO. Mary Camiña

1 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Anónimo dixo...

Gracioso e ilustrativo de como funcionan as cousas (Extrapólese) . Gustoume ! Quedome con ganas de ler máis contos ! . Roberto