Amosando publicacións coa etiqueta colaboracións ROSA GARCÍA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta colaboracións ROSA GARCÍA. Amosar todas as publicacións

domingo, 25 de marzo de 2007

** Adagio & Fuga en do...dolor de cabeza

Coa chegada da primavera empezou o ruxir de motores de cortacésped. Debe ser o “efecto mariposa” da primavera. Avelino é un entusiasta do cortacésped, ten un deses que parece un tractor pequeno, é novo, comprouno o ano pasado. Aposto a que xa lle fixo algún “axuste” dos seus, non me estrañaría nada que lle cortara un anaco ó escape, ou que lle fixera buratos con trade, algo lle tivo que facer porque o ruído que fai o seu tractoriño é enxordecedor. A súa finca é grande, a el non quero califícalo. O ano pasado empezou coa leria da herba, cousas da xubilación, co ben que se debe pasar nas viaxes do Imserso... Primeiro corta a herba a unha altura determinada e logo ponlle o canastillo ó tractor para recollela. Non pode facer as dúas cousas simultaneamente, cortar e recoller, non, que seica se lle “atranca” o aparato. A primeira volta doulla o venres, hoxe empezou coa segunda pasada, desta vez deixa a herba cortada ó cero, e despois de cortar ven a recollida. É insoportable, ou a herba medra moito na primavera ou Avelino está obsesionado, posiblemente sucedan as dúas cousas. Este é o elemento de veciño que teño ó sur. O do norte é máis tranquilo, case nunca está. Pois, tamén lle afectou a primavera. Hai meses que lle vexo un montón de trapallada tirado na horta, trastes vellos, mobles de cociña, plásticos,... e hoxe ocorréuselle queimar esa merdada e cheira que apesta. Pobre de min que xa pensara sacar unha tumbona do garaxe e durmir a sesta no xardín, ¡qué asco! Non se pode disfrutar dunha tarde primaveral, cando o mundo se pon en contra dunha ponse e xa está. Tiven que marchar da casa, son os efectos “colaterais” da chegada do bo tempo.



Artigo feito por: Rosa García
Colaboradora habitual de A Lareira Máxica

martes, 13 de marzo de 2007

** "O Brandon de Avelino"... relato de Rosa García

A Avelino morreulle o can. Era un mastín dos pirineos, manso e nobre. Era vello, debía ter 16 anos. Chamábase Brandon, coma Brandon Walsh, sí, o irmán de Brenda. Avelino, sempre innovador e creativo, púxolle un nome o can que causara sensación, sensación de vivir coma a Coca-cola. O Brandon non tivo unha boa morte, non sei de que morreu pero oíno laiarse varios días. O veterinario tivo que pórlle fin a súa dor.
Estes días lembreime do outro Brandon, o de Beberly Hills, tamén era nobre e guapo coma o can de Avelino. Teño que recoñecelo, Avelino, posiblemente por casualidade, acertou co nome do mastín. ....Ve-lo Artigo completo.... Daquela, a principios dos 90, todas as rapazas suspirabamos por un mozo como Brandon Walsh, atractívisimo e bo rapaz. Na televisión, Brandon e Brenda, -Jason Priestley e Shannen Doherty- marcaron unha época. No cine, en 1990, Richard Gere e Julia Roberts tamén facían historia, Pretty Woman. O tempo acaba con todo, Richard Gere, en La huella del silencio (2005), máis que un pai modelo, e moi tardío, xa parecía un avó. ¡Quen te veu en Oficial y caballero e quen te ve! Non me gusta que os meus actores preferidos se avellen, dáme pena recoñecer que o tempo pasa para todos, para min tamén. Esta xa é outra historia, outro día lembrarei a Richard e a Julia.

A verdade, os protagonistas de Sensación de Vivir eran guapos, altos, ben constituídos, rubios nunha gran maioría. Todos menos unha rapaza que era unha excepción. Era algo máis baixiña, tiña peor tipo e era a única que levaba gafas. Non era guapa, tampouco era rica. Non pertencía a Beberly Hills aínda que o ocultara obstinadamente para que non a expulsaran do colexio onde, ademais de ser unha alumna avantaxada, dirixía o periódico. Andrea era a intelectual da serie. Pobreza, fealdade, mente. Riqueza, beleza, sensación de vivir. Unha contra moitos. ¿E cál era a mensaxe? ¿Os pobres non son guapos? ¿Os pobres son intelixentes? ¿Os intelectuais son pobres? ¿Levaba gafas porque era pobre ou porque era intelectual? ¿Levaba gafas porque era fea ou era fea porque levaba gafas? ¿Os feos son intelectuais? ¿Os intelectuais son feos? ¡Vaia! Parece un galimatías e debía ser parecido ó que, inconscientemente, tiñan na cabeza os rapaces e rapazas espectadores. O que estaba moi claro é que os ricos son guapos, tampouco son parvos e a súa vida era tan admirable que produce sensación.

Parece desmedido considerar intencionado que a rapaza menos atractiva sexa a pobre do grupo. Tamén poderíamos pensar que é unha coincidencia, froito dunha desafortunada decisión do director; atreveríame a aventurar, sen embargo, que se trata máis ben dunha mensaxe subliminal, que forma parte da representación que a serie nos ofrecía de nós mesmos e do noso orden social. Non constitúe un caso único e excepcional, non é soamente un personaxe dun programa dunha canle concreta, senón a tónica xeral que nos chega a través de moitos espacios de case tódalas cadeas.

Rosa
Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons







Un relato de: Rosa García
Colaboradora de A Lareira Máxica