Amosando publicacións coa etiqueta Educación Cultura e Tradicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Educación Cultura e Tradicións. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de xuño de 2020

** Uso educativo de A Lareira Máxica

Navegando por internet atopei este artigo adicado ao lapis. Escribino hai moitos anos. ¿Onde estaba? Pois colgado dentro do espazo Abalar, da Consellería de Educación. Alí hai actividades que permiten apoiar ou reforzar as tarefas do alumnado. No seu día, alguén me pediu o meu permiso para empregar o artigo para fins educativos, pero que estivese tranquilo porque figuraría de onde se quitou e quen o escribiu. Por suposto, dinlle o permiso. Con todo, non voltara saber se se empregara finalmente ou non. Hai uns días saín de dúbidas. Alí estaba publicado no espazo Abalar.

Alédome que os textos de A Lareira Máxica poidan ser empregados en labores educativas. Tamén me aledou comprobar que ao pé do texto ía a súa autoría. E non porque se trataran do artigo dun servidor, senón porque se nomeaba a fonte de onde se quitou e a autoría do texto. Estaría igual de contento se isto mesmo se fixera co artigo de calquera outra persoa. A ética e as normas legais esixen que así se faga, mais moitas veces isto non acontece. Por este motivo, e aínda que xa fose a súa obriga, quero darlle as grazas a esta persoa por cumprir e ter un bo comportamento ético. E tamén darlle os parabéns a esas persoas que buscan e confecciona as actividades de Abalar. É un labor sufrido e que esixe moitas horas de adicación.


ARTIGOS RELACIONADOS:

--> Oda ao lapis (publicado o 24-08-2011 en A Lareira Máxica)
--> Texto publicado en Abalar, Consellería de Educación da Xunta de Galicia
...........................................................

xoves, 4 de xuño de 2020

** A TVG con publicidade en castelán

A TVG creouse en 1985. Pasaron, pois, 35 anos. Ao principio toda a publicidade emitíase toda en castelán. Despois empezou a emitirse xa algunha en galego. Varias décadas despois a situación non mudou. Só que agora en lugar dunha canle autonómica pública tesmos dúas: a TVG e a G2. Non obstante, máis da metade segue emitíndose en castelán. Xa sei que hai intereses económicos detrás (o poder dos anunciantes).

Pregúntome: ¿un medio público non deberá apostar por emitir toda a publicidade en galego? ¿A mellor forma de defender o galego é esta? ¿Non é a difusión do idioma e da cultura galega un dos sentidos dun medio de comunicación galego público? ¿Canto tardará a TVG en emitir todos os anuncios comerciais no idioma galego?.

E xa que estamos ¿por qué os xornalistas da RTVG falan tan mal o galego?. De de todos é sabido que a meirande parte é castelán falante que só fala o galego cando traballa. Isto é respetable, pero quizais se debera valorar máis o coñecemento, léxico e fonética na contratación e promoción ra dos profesionais, así como a formación do idioma galego.

Falar mal o galego contribúe a que quen o escoite, como mínimo, se contamine e siga o seu exemplo. Exempolos son os pronomes mal colocados, castelanismos, hipergaleguismos, ….

...........................................................

sábado, 18 de agosto de 2018

** O dolmen de Dombate

Odolmen que vedes na imaxe é o de Dombate. Está no concello de Cabana de Bergantiños, en plena Costa da Morte, na ruta dos faros. Por sorte, está recuberto para protexelo das inclemencias metereolóxicas e da humidade. Coido que outros monumentos que hai espallados por Galicia adiante tamén deberían estar protexidos do mesmo xeito. Por desgracia, isto non acontece.

Para as persoas que desexen ter máis información aquí vos deixo este enlace. Anímovos a coñecer a extensa e bonita xeografía galega e, de paso, toda a nosa cultura. Vale a pena. Non fai falta viaxar fóra de Galicia para ver cousas marabillosas como todas as que hai aquí. Ou polo menos, coido que habería que primeiro viaxar pola nosa terra. Carpe diem.

sábado, 14 de xullo de 2018

** ¿Festas en Galicia? Para nada...

O gran Luís Davila sempre dá no clavo. Outra cousa non, pero festas en Galicia hai á esgalla. Enumeralas sería laborioso, aínda que moitos lugares repitan bastantes. Mariscos, peixes, cocido, callos (en verán tamén), pan, viños, etc. Sobre todo no verán, pero tamén durante o ano. En Galicia é case máis difícil atopar unha agulla nun pallar que un concello sen unha destas festas típicas...

Así pois, toca divertirse e comer e beber ben. Iso si, con sentidiño, que logo...


sábado, 30 de xuño de 2018

** A catedral branca

Logo de moitos anos en obras, por fin, a Catedral de Santiago se independizou das estadas (andamios para os que non entenden o idioma galego). Hoxe subo a A Lareira Máxica esta foto que quitei desde a alameda. Está un pouco ampliada. Nela pódese ver o lavado de cara e corpo que experimentou o templo. Nin a xente máis vella lembra que estivera tan branca. Xa estabamos moi acostumados a esa cor verdosa e oscura... Iso si, dáme que a obra barata, barata non debeu ser...




domingo, 29 de outubro de 2017

** A nosa música galega


Galicia ten moi boa música en galego, no noso idioma. Non obstante, penso que non se aprecia na súa xusta medida. Cantantes e grupos como A Roda, Fuxan os Ventos, Ana Kiro, Xil Ríos, Milladoiro, Berrogüeto, Leilía, Luar na Lubre e moitos outros que estiveron e/ou están contribúen a difundir tanto a nosa cultura como o noso idioma. Porque aínda que non estean, seguirán estando. Porén, en A Lareira Máxica seguimos apostando pola nosa música, pola música galega.

Sobre todo, quere darlle as grazas a Leilía e a outras grupos de música tradiconal galego que se encargan de investigar e difundir música tradicional para evitar que se perda. Un gran e duro labor que non se recoñece na súa xusta medida. Moitas grazas e seguide así.

Hoxe traio a música de Leilía e a canción do Verdegaio. Déixovos co bo facer de Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa e Rosario.



sábado, 31 de maio de 2014

** O mestre, o carniceiro e o burro

Noutros tempos, os nenos estaban na escola todos mesturados, e tiñan un só mestre, según soubesen os libros íannos pasando de curso.
O carniceiro e o taberneiro dunha pequena aldea eran amigos e tiñan os fillos no mesmo nivel, ata que, por sorprendente que parecera, o fillo do taberneiro, ainda que non era moi estudioso que digamos, pasou de nivel e o do carniceiro non.
Unha tarde, na taberna, o carniceiro estaba a falar do tema co taberneiro:

-Oe ti, como é que o teu fillo pasa de curso e o meu non? Dende cando é máis listo ca o meu?
-Home! Parece mentira que non o saibas, é que o meu está indo a clases particulares co mestre- díxolle chiscando un ollo- claro que, sempre se lle deixa caer un pequeño agasallo polo traballo que fai co rapaz en horas extra..., tí xa sabes.
-Non, non sei.
-Tranquilo, que eu explícocho e xa verás como o fillo che pasa de curso.

Dito e feito, o carniceiro foi falar co mestre e esa mesma semana comezou coas clases, a ver se nese último trimestre conseguía pasar coa axuda delas.

Tódalas semanas ía o carniceiro co seu fillo montados no burro a xunto do mestre dar un par de clases extra; e tódalas semanas o carniceiro leváballe un pequeno agasallo en mostra de agradecemento: unha ristra de chourizos, un pequeño lacón, unha cacheira, uns quilos de costelas da agulla,..., e o último día antes das notas: un xamón.

Chegou o día das notas e o fillo do carniceiro sae do colexio todo contento, non só pasaba de curso senon que sacara sobresaínte en todo... O carniceiro achégase ao mestre e dille con certa retranca:

-Vaia! Pois sí que che son boas as súas clases, Sr. Mestre.
-Mira se son boas, que se chegan a durar tres semanas máis, apróvoche ata ao burro.

...........................................................
SANXENXO. Mary Camiña

xoves, 1 de maio de 2014

** Fuxan os ventos: os trobadores do pobo galego



Fuxan os ventos é, sen dúbida, outros dos grandes da música galega. As súas cancións son pura obras mestras cantadas na nosa lingua. "A saia da Carolina", "Sementar sementarei", "O meu amor é mariñeiro" ou "O carro" son quizais as máis lembradas deste gran grupo pioneiro da música cantada no galego. Incluso ten unha nana moi bonita que podemos ollar na segunda parte do vídeo que encabeza este artigo. En recoñecemento do seu labor en prol do galego, sirva este modesto recoñecemento desde A Lareira Máxica. Pura maxia trobadora do pobo galego.

...........................................................
Julio Torres
Creador,editor e coordinador de A Lareira Máxica


** O verdadeiro conto de carrapuchiña vermella

luns, 16 de decembro de 2013

** O barrio alto de Lisboa cumpre 500 anos

O Barrio Alto de Lisboa cumpre 500 anos. Aproveito para recomendar visitar esta cidade, capital de Portugal. O castelo de San Jorge, a Torre de Belém, o mosteiro dos Jerónimos, a Alfama ou viaxar nos seus tranvías (entre eles o famoso 28), son so algúns dos seus atractivos. Cultura, tradición, gastronomía e historia, moita historia, agóchanse en Lisboa. O que non me gusta de Lisboa é o feito de que está case toda adoquinada. Con todo, din que o que non visitou Lisboa non viu cousa boa. Tamén vos recomendo coñecer á veciña Sintra cos seus palacetes, que non vos deixarán indiferentes.

.....................................................................................................................................
Julio Torres

xoves, 26 de setembro de 2013

** A Roda, un referente da música popular galega

Hai tempo que quería adicar en A Lareira Máxica un oco a música galega tanto a de antes como a de agora. E quixera principiar cun grupo vigués que sempre me gustou moito: A Roda. Cantan moitas cancións populares: O gato metido no saco, A saia da Carolina, A Foliada do Celta (que serve de himno do Celta de Vigo), a da Riaxeira (tamén se adoita cantar no estadio de Balaídos en Celta, sobre todo na época do eurocelta), Pousa Pousa, Un andar miudiño (canción que corean os seguidores do Obradoiro no Multiusos do Sar de Santiago cando xoga este equipo de baloncesto, único representante galego na máxima categoría do básquet español)ou Catro vellos mariñeiros. Súas tamén son A raíz do toxo verde, os bistéqueles e tantas outras. Coido que, cando menos nalgún momento, tod@s escoitamos, algún destas míticas composicións populares.

Nado en 1976, este excelso grupo galego tivo xa varios cambios na formación orixinal. O último foi o de Adolfo Dominguez Otero "Fito", cofundador, líder e cantante de A Roda que morreu no verán de 2012 (descanse en paz). Voz inconfundible e que dicir da súa longa barba. Non hai moito vin ó grupo nunha actuación na televisión e vin que outro dos compoñentes agora parece ser o vocalista: Bernardo. E o que ten bigote e gafas (o que fala ó principio do terceiro vídeo e no que cantan cancións aínda con Fito). Non sei se foi algo puntual ou se o grupo vai seguir. Ougallá que continúe. Iso sí, xa non será o mesmo. Ougallá a roda siga camiñando, como coido que dixera Fito nunha entrevista para o programa da TVG "Alalá".

Déixovos uns vídeos sobre o grupo. O primeiro deles é unha reportaxe sobre Fito e A Roda emitido pola TVG no programa "Alalá", que ten case unha hora de duración pero merece moi moito a pena vela. De obrigada visión. O segundo vídeo é unha lista de reproducción onde poderedes escoitar tamén varios dos seus éxitos (ollo! so son as 7 primeiras e algunhas máis, xa que o resto don doutros cantantes e grupos).











ENLACES RECOMENDADOS:

* Web de A Roda
* O Obradoiro e a Rianxeira de A Roda
.....................................................................................................................................
JULIO TORRES

venres, 12 de xullo de 2013

** Contos populares arredor de A Lareira Máxica (nova sección): O raposo e os cans

Estaba un día un home no monte cargando un carro de estrume para os animais, era tarde, xa cáseque a hora de comer, e laiándose dixo:
 Ai!, que tarde é!, e eu ainda sen terminar, hoxe non como...

O raposo, que andaba por alí, ao oír falar de comer, interesouse e foi xunto do home:

- Bos días,home, que problema tés?
 Bos días, raposo. Nada, que xa vai ser hora de comer e aínda teño o carro sen cargar.
 Se queres, axúdoche eu...
 E farías iso por min?
 Claro, pero..., que me das a cambio?
 Bueno...-dixo o home cabilando- teño catro galiñas vellas no corral, se me axudas son túas.
 Vale.

O home mailo raposo cargaron o estrume no carro, e o raposo acompañou ao home para que lle fixera a entrega do prometido.

Ao chegar cerca da casa díxolle o home:
 Mira, tí quedas aquí, cólloche as galiñas e velas buscar cando te chame.
 Vale.

O raposo, que non se fiaba, achegouse pouco a pouco á casa e oíu ao home discutir coa súa dona.

 Que vas facer coas galiñas?-dixo a muller.
 Vou metelas nun saco que prometinllas ao raposo por axudarme a cargalo carro.
 Como? Para que se avicie e despois veña buscar máis...Diso nada! Era o que che faltaba! Bótalle os cans, bótalle os cans!
 Pero muller, se eu prometinlle as galiñas, …, ademais son vellas...
 Érache boa! Co bo caldiño que fai unha boa galiña vella... Diso nada! Bótalle os cans!Bótalle os cans!
 Pero muller...
 Nin pero muller nin rabo de gaitas: Bótalle os cans! Bótalle os cans!

E o home, todo apenado xa que lle prometera as galiñas ao raposo que tanto lle axudara, colleu os cans e meteunos no saco.
Ao que saíu, veu ao raposo ao lexos e chamou por él:

 Raposo! Vente! Ven coller as galiñas que están no saco.
 Ai, non! Bótamas de lonxe, que as pillo mellor...
 Vente, oh! Ven buscalas galiñas... que se chas boto de lonxe poden escapar!
 Galiñas serán, pero cheiranme a can... Bótamas dende aí que xa as collo!!!

O home abriu o saco e saíron os cans correndo e ladrando. O raposo, que xa oíra a conversa, púxose a correr todo canto lle daban as súas patas. Para que os cans perderan o seu rastro, meteuse por entre os toxos e as xestas, cando creu que xa os perdera de vista foi cara o seu tobo, e refuxiouse nel. Todo canso e aínda co susto no corpo decía así:

 Ai, miñas patiñas! Ai miñas patiñas bonitas! Que grazas a vós non me paparon os cans.
 E eu? E eu? E eu qué?- díxolle o rabo
 Ti? E ti? Ai!, tí gran cochino! Ti que ías engargallándote nas silvas e nos toxos!!!




.....................................................................................................................................
SANXENXO. Conto narrado por Emilia Bouzada e recollido por Mary Camiña

martes, 25 de decembro de 2012

** Morre o escritor e intelectual galego Gonzalo Bouza-Brey


VILAGARCIA DE AROUSA. Julio Torres

O pasado domingo finaba de xeito repentino ós 60 anos de idade Gonzalo Bouza-Brey, recoñecido intelectual asentado en Vilagarcía de Arousa. Sobriño de Fermín Bouza-Brei, foi escritor, político, procurador,colaborador en diferentes xornais e xogou un papel moi destacado no movemento cultural e veciñal .


Con Bouza-Brey tiven a oportunidade de falar dúas veces. A primeira foi traballando para o xornal Faro de Vigo. Con motivo do XX aniversario do intento de golpe de Estado do 23-F fíxenlle unha entrevista. Sóubome ilustrar moi ben cómo viviron el e outros destacados vilagarcianos aquelas intensas e amargas horas.

A segunda -e última vez- foi no verán de 2011. Tiña un proxecto entre mans e amosábase ilusionado. Persoa culta, comprometida, afable no trato, moi humana e cercana. Constitúe unha perda moi grande. Descanse en paz.

domingo, 17 de xuño de 2012

** Visitar museos on line con Google Art Project


SANXENXO. Julio Torres

Desde 2011 miles de obras de bastantes museos pódense visitar virtualmente mediante Google Art Project. Esta web permite gozar en alta resolución de moitas pezas de arte. O repertorio de coleccións actualizouse cada certo tempo, chegando a constituirse nun dos referentes na rede de redes. Para tódalas aquelas persoas que aínda non coñecen esta web, anímovos a visitala. Podedes botar horas e horas observando multitude de obras de arte que nos empañarán de cultura e historia.

xoves, 17 de maio de 2012

** 17 de Maio. Día das Letras Galegas. ¡¡Viva o galego!!


SANXENXO. Julio Torres

Hoxe é o Día das Letras Galegas. Este ano adícase ó pontevedrés Valentín Paz Andrade. Coma tódolos días adicados á algo -ou a alguén coma no caso das Letras Galegas-, a data é simbólica. E como todas elas, de nada vale adicarlle un día a algo se os 364 ou 365 días restantes se mira para outro lado. E co galego pasa o mesmo. Faime gracia escoitar a "persoeiros" que no día de hoxe se lles enche a boca para defender o galego pero o resto do ano apostan máis por outros idiomas e so usan o galego cando lles convén. Fina hipocresía. Din defender algo que non aprecian. Mesmo falan máis en inglés que en galego. Así non é de estrañar que na TVG poñan películas so en inglés sen subtítulos en galego. Non sei, se a TVG non cumpre co seu cometido de divulgar a lingua galega ¿para que servirá a TVG?

Non me parece mal que se falen outros idiomas. Eu mesmo uso o castelán de vez en cando no blog, a pesar de que habitualmente fale en galego (castrapo, pero galego ó fin e ó cabo) e non me importa que se eu falo en galego a persoa coa que falo utilice o castellano.

Con todo, debería apostarse moito máis polo galego e non ceñirse a un so día. Fanme "gracia" os medios de comunicación, políticos e demais que so se acordan e ensalzan o galego so os días 17 de maio, incluso usando ese día so o galego. Non se pode destilar tanta hipocresía xunta. Non se pode ser bo so un día ó ano e o resto comportarse mal...

luns, 16 de xaneiro de 2012

** Enlaces interesantes de referencias literarias galegas


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut


Vaia para A LAREIRA MÁXICA este pequeno recanto de referencias literarias.Trata especialmente sobre a edición de novidades de libros galegos. Nestas ligazóns que van de seguido non só hai referencias ás publicacións recentes: tamén atoparedes axendas de actos, críticas de obras literarias, convocatorias de certames, novas bibliográficas e biográficas... Velaquí pois esta breve listaxe -non exhaustiva, máis ben só básica- para quen sintades esa curiosidade e teñades paciencia para ir "pinchando" e coñecendo o moito que aquí se nos conta:

-ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORES: http://www.editoresgalegos.org/gl/inicio

-ANDEL VIRTUAL: http://www.andelvirtual.com/

-ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA: http://www.aelg.org/

-BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA: http://bvg.udc.es/index.jsp

-CRITICALIA: http://armandorequeixo.blogaliza.org/

-FERVENZAS LITERARIAS: http://www.fervenzasliterarias.com/

-LG3: http://www.culturagalega.org/lg3/

¡TEMOS QUE APOIAR O SECTOR DO LIBRO -NOMEADAMENTE O MUNDO DO LIBRO GALEGO- POR SER UNHA INDUSTRIA CULTURAL ESENCIAL PARA UN PAÍS!

E OS TEMPOS TENSOS QUE VIVIMOS TAMPOUCO SON NADA OPTIMISTAS NIN REPOUSADOS PARA A LECTURA E PARA O MERCADO EDITORIAL.


En fin: lembremos nesta noite ("escura e bretemosa"...) dúas citas dos clásicos:
* "Se preto da biblioteca tendes un xardín xa non vos faltará de nada" (Marco Tulio CICERÓN). 106 a.C.- 43 a.C.. Escritor, orador e político romano.
* "Sempre imaxinei que o Paraíso sería algún tipo de biblioteca" (Jorge Luis BORGES). 1899-1986. Escritor arxentino.

sábado, 14 de xaneiro de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...(do 14 ó 22 Xaneiro)


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao



14 xaneiro 1931 Vicente M. Risco escribe no xornal vigués El Pueblo Gallego: «A galeguización da escola aínda ha costar traballo cando Galiza seña autónoma».

15 xaneiro 1880 Primeiro número de El Zumbido, periódico semanal aparecido en Noia.
15 xaneiro 1910 Primeiro número de Acción Gallega, revista quincenal, voceiro do movemento agrarista homónimo, impulsada por Basilio Álvarez, o crego e líder agrario de Beiro (Ourense).
15 xaneiro 1978 Primeiro congreso da organización nacionalista Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), no que se aprobaron o programa e os Estatutos, e que fora creada no curso 72/73 na Universidade de Santiago para impulsar a entrada do galego no ensino.

16 xaneiro 1994 Ve a luz Lecer, primeiro caderno dominical estable en idioma galego, inserido nas páxina d'O Correo Galego.

18 xaneiro 1903 Preséntase oficialmente na Coruña a Escola Rexional de Declamación, poñendo en escena a obra ¡Filla…! de Galo Salinas.
18 xaneiro-18 2002 Falece o escritor padronés Camilo José Cela, premio Nobel de Literatura, que cultivou tamén (inda que só ocasionalmente) a lingua galega na súa escrita.

19 xaneiro 1899 Nacemento en Ourense de Sebastián Martínez-Risco Macías, que foi presidente da RAG en 1960.
19 xaneiro 1930 Nace en Parada de Moreda (O Courel) o poeta Uxío Novoneyra.
19 xaneiro 1931 A Real Academia da Historia emite un informe sobre a orixe e significado da bandeira galega.

20 xaneiro 1994 Xosé Neira Vilas presenta a tradución ó galego d'O Camiño de Santiago, orixinal do escritor cubano Alejo Carpentier.

21 xaneiro 1900 Nace en Maceda (Ourense) Fernando Quiroga Palacios, primeiro cardeal de Compostela que celebrou unha misa en lingua galega.
21 xaneiro 1908 Manuel Lugrís Freire participa noutro mitin no que utiliza, novamente, o galego, o que segue a ser sorprendente para moitos, polo pouco habitual, nesa época. Xa o fixera antes, o 6 de outubro de 1907.
21 xaneiro 1980 Falece en Compostela o xornalista vilalbés Xosé Luís García Mato, quen ás veces empregou o pseudónimo «O Guedelliñas».

22 xaneiro 1856 Nace en Lugo Aureliano J. Pereira, escritor, xornalista e político do Rexurdimento. Ás veces atópase este nacemento incorrectamente datado en 1855.
22 xaneiro 1932 Ve a luz Faro villalbés, publicación quincenal que lles dará cabida a informacións e colaboracións en galego.


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).


Trátase de irmos seguindo día a día o presente ano 2012 e compartillando acontecementos relevantes, relacionados coa lingua e a cultura de Galicia, ó longo dos tempos. Así queremos contribuír con esa campaña que puxo en marcha RADIOFUSIÓN e que leva por nome VITAMINAS PARA O GALEGO!, axudando así a poñer en valor a nosa cultura cunha voz propia, no medio da polifonía das culturas do mundo.

sábado, 7 de xaneiro de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...(Do 1 ó 11 de xaneiro)


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao



EFEMÉRIDES. TAL DÍA COMA HOXE...


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).


Trátase de irmos seguindo día a día o presente ano 2012 e compartillando acontecementos relevantes, relacionados coa lingua e a cultura de Galicia, ó longo dos tempos. Así queremos contribuír con esa campaña que puxo en marcha RADIOFUSIÓN e que leva por nome VITAMINAS PARA O GALEGO!, axudando así a poñer en valor a nosa cultura cunha voz propia, no medio da polifonía das culturas do mundo.



(NOTA: Nesta primeira ocasión, para comezar, o texto é algo longo, porque collemos as datas todas entre os días 1 e 11 de xaneiro, pero de agora en diante iremos anotando estas EFEMÉRIDES. TAL DÍA COMA HOXE... nun seguimento case diario ó longo de 2012, e, polo tanto, máis breve).


EFEMÉRIDES (do 1 ó 11 de xaneiro)


1 xaneiro 1872 Nace en Varilongo (Xallas) o popular (na súa recepción e no tipo de galego que utiliza) poeta José Baña Pose, que asinaba os seus traballos como «Pepe de Xan Baña».
1 xaneiro 1922 Nace El Despertar Gallego, órgano periodístico da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, dirixido inicialmente por Antón Alonso Ríos.
1 xaneiro 1926 Primeiro número de A Fouce, subtitulado «periódico galego», que se publica en Bos Aires.
1 xaneiro 1986 España ingresa na UE. Aínda tería que pasar moito tempo (ata o 2006) antes de que o galego puidese ser utilizado no seo desta institución.
1 xaneiro 2002 O euro entra en vigor, non só en Galicia, senón como moeda única da maioría de Estados da UE. 01xaneiro-01 2012 O primeiro galego deste ano 2012 nace en Vigo e póñenlle por nome Xián.

4 xaneiro 1882 Publícase o primeiro número do xornal La Voz de Galicia, que progresivamente no tempo iría introducindo algúns artigos e noticias en galego.
4 xaneiro 1912 Nace Celso Emilio Ferreiro en Celanova. Neste ano 2012 Galicia homenaxea o centenario do nacemento deste poeta civil do século XX. Erradamente adoita citarse o día 6, data esta da inscrición no Rexistro Civil. 01xaneiro-04 1977 Publícase a Lei sobre a reforma do Rexistro Civil, que autoriza a que os nomes de pía estean en calquera das linguas do Estado.

5 xaneiro 1933 Publícase Adiante, semanario da Mocidade Galeguista de Celanova. 01xaneiro-05 1936 Falece en Santiago o escritor galego Ramón M.ª del Valle-Inclán (1866-1936).
5 xaneiro 1974 Falece na Guarda (Pontevedra) o fotógrafo de Allariz José Suárez Fernández, considerado como un dos grandes representantes da fotografía galega.
5 xaneiro 1976 Constitúese o Consello de Forzas Políticas Galegas como plataforma unitaria de partidos de dirección galega. Pide o recoñecemento oficial da lingua galega a todos os efectos.
5 xaneiro 2012 Falece na Coruña o polifacético artista e empresario, Isaac Díaz Pardo (1920-2012), alma mater do Grupo Sargadelos e de Edcs. do Castro.

6 xaneiro 1873 Nesta data nace en Taramundi (Asturias) un deses moitos escritores que utilizan na súa obra literaria o galego falado alén das nosas fronteiras administrativas: Conrado Villar Loza.
6 xaneiro 1926 Nace en Pontevedra Francisco Calvo Guerra, Xan das Canicas, un humorista que gravou varios discos con contos galegos.
6 xaneiro 1994 Número inicial d’O Correo Galego (que actualmente recibe o nome de Galicia Hoxe), primeiro xornal de publicación diaria que está integramente en galego. Na actualidade só existe Galicia Hoxe en edición dixital.

7 xaneiro 1893 Publícase en Pontevedra o primeiro número de Extracto de Literatura, revista humorística con bastantes colaboracións en lingua galega, fundada e dirixida por Enrique Labarta Pose e Gerardo Álvarez Limeses.
7 xaneiro 1912 Publícase na Habana o primeiro número de La Alborada, semanario bilingüe, castelán-galego, dirixido por Roberto Blanco Torres.
7 xaneiro 1950 Morre, no exilio de Bos Aires, Afonso Daniel Rodríguez Castelao.
7 xaneiro 1998 «Lley de política Lingüística de Catalunya», que en determinados aspectos é bastante máis taxativa cá galega no referente ó deber de uso do catalán nesa Comunidade.
7 xaneiro 2000 Falece en Madrid o debuxante, humorista e escritor en lingua galega José M.ª Pérez Forxán, que asinaba os seus traballos como Forxán. Nacera en Rons (Negreira) en marzo de 1925.

9 xaneiro 1950 É soterrado no cemiterio da Chacarita, no exilio de Bos Aires, Afonso Daniel Rodríguez Castelao.

11 xaneiro 1842 Primeiro número de El Recreo Compostelano, periódico bimensual ilustrado, inserido no movemento provincialista galego, dirixido por Neira de Mosquera.
11 xaneiro 1859 Nace o escritor Alfredo Brañas, líder do Rexionalismo, na vila de Carballo.
11 xaneiro 1934 Fúndanse as Mocidades Galeguistas de Lugo, agrupación política galeguista, que reivindica o noso idioma, da que vai ser elixido secretario o escritor Lorenzo Varela.
11 xaneiro 1982 Publícase o Estatuto de Autonomía de Asturias, que no seu artigo 4.1 di que «O bable gozará de protección. Promoverase o seu uso, a súa difusión nos medios de comunicación e a súa ensinanza...». Non foi así: esta lingua está hoxe moi minorizada

sábado, 3 de decembro de 2011

** A Frase Máxica sobre....saber educar


"La clave de una buena educación es crear hábitos, poner límites y querer mucho al niño"



Rocío Ramos-Paúl, "Supernanny"

mércores, 24 de agosto de 2011

** Oda ó lapis


SANXENXO. Julio Torres



Ó grito de: ¡¡¡profeee vou afiar o lapis!!!! levantabámonos axilmente do pupitre escolar e íamos quitarlle punta á nosa máquina de escribir na tenra e lonxana infancia, ó tempo que aproveitabamos para tomarnos un respiro. O lapis constituía un elemento primordial nos estuches escolares d@s cativ@s. O outro día volteille quitar punta a un lapis nº 2, o mítico nº2, coa seu círculo vermello coroando o insigne obxecto.

Cando xa che deixaban escribir “a boli” avanzabas un paso máis, mesmo parecía que cumpriras os tan ansiados 18 anos e o bolígrafo constituíra o elmento de transición da nenez á idade adulta. Ter boli e, sobre todo, escribir con el, era como ter moto en lugar de bicicleta, ou ter coche en lugar de moto, ou...

Seguramente hoxe @s cativ@s seguen usando o lapis, pero non tardan tanto tempo en dar ó salto ó líquido elemento derivado do petróleo. Non. Quizais sexa distinto o uso que lle conqueriamos hai uns anos ó actual. Pero voltemos ó lapis.

A afirmación exclamativa -outras veces reconvertida en interrogativa- con que iniciaba esta oda ó lápis repetíase nas mentes inquedas de moitos nenos e nenas dos 70 ou 80. Coa disculpa de afiar o trebello de madeira, iniciábase todo un ritual socializador de camiño á papeleira, lugar onde esmorecían as capas que o recubrían ata que afloraba a famosa punta do lapis. A papeleira era para @s nen@s o que un bar para os maiores. Nela aproveitábase para repasar a fin de semana, o recreo, e contar as máis variadas peripecias, namentres ó fondo seguía a clase como se o mundo vivise dúas realidades paralelas nun mesmo espacio físico. ¡¡Se os afilalápises falaran!!

Ir afiar o lapis esixía toda unha estratexia mínimante coidada: primeiro a de obter o permiso d@ profe, ser un máximo de dúas-tres persoas (dependía d@ profesor/a de turno), non dilatarse en exceso no curruncho da papeleira e, sobre todo, non falar moi alto, pois do contrario a volta ó pupitre era seguro, tiveras ou non a punta afiada. Incluso existía o risco de ser castigado mirando “pa parede” se falabas moito ou facías algunha trastada. Tanta era a importancia do lapis como elemento dinamizador entre @s cativ@s que eran moitos @s que se osaban falsear a saúde física do lapis e en troques de quitarlle unha punta, máis ben facían un playback con “afila” de por medio, aínda a risco de ser pillados. Eran os albores do play-back musical...

Sobre o lapis podería escribir moito. Sen ir máis lonxe no tocante ós distintos tipos de punta e, incluso, sobre os diferentes “afilas”, aínda que un modelo predominaba sobre os restantes. Daquela, coma hoxe, non eran perfectos, e sempre quedaba algunha que outra punta atascada. E é que a calidade do lapis en cuestión e non pasarse de “afiada” era básico. Logo, sempre podías perfeccionar a punta contra o lateral rugoso do “afila”. Aí poderían facerse tratados de puntas....

Actualmente aínda perduran, os afilas xa se modernizaron máis, pero as puntas seguen quedando atascadas no seu interior. Os máis modernos, teñen “afilas” eléctricos, que se alonxan un anaco do artesanal traballo de quitarlle punta á pizarra contida no lapis. O precio da modernidade, xa se sabe...

Non sei, non sei cómo está hoxendía o panorama escolar no relativo a este asunto de “vital importancia” no seu momento, pero hai cousas que permanecerán na memoria dos que algún día fumos cativ@s. O lapis e todo o seu entorno –“afila” e papeleira incluidos-, é unha desas cousas. Longa vida. E co voso permiso, voulle quitar punta ó lapis nº2 que teño ó lado do escritorio...

© Julio Torres