** Efemérides. Tal día coma hoxe...(Do 1 ó 11 de xaneiro)
NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao
EFEMÉRIDES. TAL DÍA COMA HOXE...
É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).
Trátase de irmos seguindo día a día o presente ano 2012 e compartillando acontecementos relevantes, relacionados coa lingua e a cultura de Galicia, ó longo dos tempos. Así queremos contribuír con esa campaña que puxo en marcha RADIOFUSIÓN e que leva por nome VITAMINAS PARA O GALEGO!, axudando así a poñer en valor a nosa cultura cunha voz propia, no medio da polifonía das culturas do mundo.
(NOTA: Nesta primeira ocasión, para comezar, o texto é algo longo, porque collemos as datas todas entre os días 1 e 11 de xaneiro, pero de agora en diante iremos anotando estas EFEMÉRIDES. TAL DÍA COMA HOXE... nun seguimento case diario ó longo de 2012, e, polo tanto, máis breve).
EFEMÉRIDES (do 1 ó 11 de xaneiro)
1 xaneiro 1872 Nace en Varilongo (Xallas) o popular (na súa recepción e no tipo de galego que utiliza) poeta José Baña Pose, que asinaba os seus traballos como «Pepe de Xan Baña».
1 xaneiro 1922 Nace El Despertar Gallego, órgano periodístico da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, dirixido inicialmente por Antón Alonso Ríos.
1 xaneiro 1926 Primeiro número de A Fouce, subtitulado «periódico galego», que se publica en Bos Aires.
1 xaneiro 1986 España ingresa na UE. Aínda tería que pasar moito tempo (ata o 2006) antes de que o galego puidese ser utilizado no seo desta institución.
1 xaneiro 2002 O euro entra en vigor, non só en Galicia, senón como moeda única da maioría de Estados da UE. 01xaneiro-01 2012 O primeiro galego deste ano 2012 nace en Vigo e póñenlle por nome Xián.
4 xaneiro 1882 Publícase o primeiro número do xornal La Voz de Galicia, que progresivamente no tempo iría introducindo algúns artigos e noticias en galego.
4 xaneiro 1912 Nace Celso Emilio Ferreiro en Celanova. Neste ano 2012 Galicia homenaxea o centenario do nacemento deste poeta civil do século XX. Erradamente adoita citarse o día 6, data esta da inscrición no Rexistro Civil. 01xaneiro-04 1977 Publícase a Lei sobre a reforma do Rexistro Civil, que autoriza a que os nomes de pía estean en calquera das linguas do Estado.
5 xaneiro 1933 Publícase Adiante, semanario da Mocidade Galeguista de Celanova. 01xaneiro-05 1936 Falece en Santiago o escritor galego Ramón M.ª del Valle-Inclán (1866-1936).
5 xaneiro 1974 Falece na Guarda (Pontevedra) o fotógrafo de Allariz José Suárez Fernández, considerado como un dos grandes representantes da fotografía galega.
5 xaneiro 1976 Constitúese o Consello de Forzas Políticas Galegas como plataforma unitaria de partidos de dirección galega. Pide o recoñecemento oficial da lingua galega a todos os efectos.
5 xaneiro 2012 Falece na Coruña o polifacético artista e empresario, Isaac Díaz Pardo (1920-2012), alma mater do Grupo Sargadelos e de Edcs. do Castro.
6 xaneiro 1873 Nesta data nace en Taramundi (Asturias) un deses moitos escritores que utilizan na súa obra literaria o galego falado alén das nosas fronteiras administrativas: Conrado Villar Loza.
6 xaneiro 1926 Nace en Pontevedra Francisco Calvo Guerra, Xan das Canicas, un humorista que gravou varios discos con contos galegos.
6 xaneiro 1994 Número inicial d’O Correo Galego (que actualmente recibe o nome de Galicia Hoxe), primeiro xornal de publicación diaria que está integramente en galego. Na actualidade só existe Galicia Hoxe en edición dixital.
7 xaneiro 1893 Publícase en Pontevedra o primeiro número de Extracto de Literatura, revista humorística con bastantes colaboracións en lingua galega, fundada e dirixida por Enrique Labarta Pose e Gerardo Álvarez Limeses.
7 xaneiro 1912 Publícase na Habana o primeiro número de La Alborada, semanario bilingüe, castelán-galego, dirixido por Roberto Blanco Torres.
7 xaneiro 1950 Morre, no exilio de Bos Aires, Afonso Daniel Rodríguez Castelao.
7 xaneiro 1998 «Lley de política Lingüística de Catalunya», que en determinados aspectos é bastante máis taxativa cá galega no referente ó deber de uso do catalán nesa Comunidade.
7 xaneiro 2000 Falece en Madrid o debuxante, humorista e escritor en lingua galega José M.ª Pérez Forxán, que asinaba os seus traballos como Forxán. Nacera en Rons (Negreira) en marzo de 1925.
9 xaneiro 1950 É soterrado no cemiterio da Chacarita, no exilio de Bos Aires, Afonso Daniel Rodríguez Castelao.
11 xaneiro 1842 Primeiro número de El Recreo Compostelano, periódico bimensual ilustrado, inserido no movemento provincialista galego, dirixido por Neira de Mosquera.
11 xaneiro 1859 Nace o escritor Alfredo Brañas, líder do Rexionalismo, na vila de Carballo.
11 xaneiro 1934 Fúndanse as Mocidades Galeguistas de Lugo, agrupación política galeguista, que reivindica o noso idioma, da que vai ser elixido secretario o escritor Lorenzo Varela.
11 xaneiro 1982 Publícase o Estatuto de Autonomía de Asturias, que no seu artigo 4.1 di que «O bable gozará de protección. Promoverase o seu uso, a súa difusión nos medios de comunicación e a súa ensinanza...». Non foi así: esta lingua está hoxe moi minorizada
0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :
Publicar un comentario