mércores, 20 de maio de 2020

** A herdanza de Falcon Crest

Ollo!, a música dos 80 non foi a única con identidade e simbolismo propio. Na televisión dos 80 viron a luz míticas series como Dallas, Dinastía o Falcón Crest. Esta última tivo moitas tempadas ao longo desa década, aínda que despois foi perdendo interese (ás veces convén saber retirarse a tempo...). A intriga e o drama eran as súas señas de identidade, entremezcladas coa maldade e frialdade da matriarca: a ilustre Ángela Channing (interpretada pola actriz Jane Wyman, que estivo casada con Ronald Reagan entre 1940 e 1948), así como unha sintonía de entrada impoñente e maxestuosa, das que non se olvidan. Daquela, só estaba TVE e algún canal autonómico. Ver esta serie era cita case obrigada. Ata os Hombres G na súa canción "No,no, no" no ano 87 a mencionan na súa letra ("prefiero quedarme en casa viendo Falcon Crest").

Moito ser podería falar de Falcon Crest, de Ángela Channing, do seu fillo Richard Channing, do seu sobriño Chase Gioberty (daquela lembrábame a Juan Pardo...), Lorenzo Lamas (o neto e que foi famoso por anunciar colchóns en España -"Lorenzo Lamas, el rey de las camas"). E porqué non, de Chu-Li, o mordomo de Ángela. Non vou facelo aquí, pero na internet atoparedes abondosas referencias. Iso, si, Ángela era unha muller cruel, despiadada. De aí a expresión: eres poior que Ángela Channing. O que nunca puiden saber é se Ángela e J.R. (o malo de Dallas) terían futuro como parella, ou cal dos dous era pior como persoa. A resposta non é nada doada. Fixádevos da súa dificultade que ata sería máis fácil respostar se foi antes o ovo ou a galiña...

Por outro lado, Falcon Crest sentou precedente e dúas series españolas como a galega Rías Baixas, primeiro, e Gran Reserva despois, se inspiraron nela. Por certo, nas dúas estivo presente a actriz galega Ledicia Sola. Os tres culebróns teñen un denominador común: todas xiraban arredor de viñedos, dramas, mortes e intrigas. Case prefiro esas intrigas e non as de Sálvame e compañía...

Finalizo: é curioso, non lembro que se repuxera esta serie. Tampouco se trataría de repetila tanto como Verano Azul...


...........................................................

xoves, 14 de maio de 2020

** Entre soños e realidade

Soñei que isto non era certo. Soñei que me quedara durmido e que tivera un pesadelo. Soñei que ninguén morrera. Soñei que ao espertar todo sería diferente. Soñei que a clase política por fin remaba xunta nunha soa dirección, sen cores e sen atrancos. Mais daquela, daquela xa abrira os ollos...

...........................................................
Julio Torres

venres, 1 de maio de 2020

** 14 anos de A Lareira Máxica

O tempo avanza. Cúmprense nada máis e nada menos que 14 anos daquel 1 de maio no que a Lareira Máxica veu á luz. O ritmo de publicacións xa non pode ser o dos primeiros anos, pois existen outras prioridades. Pero, de cando en cando, irei publicando artigos. Un ano máis, quero agradecer a todas as persoas que, a pesar de todo, seguides visitando a Lareira Máxica, bucendo en artigos do pasado e utilizando os enlaces das columnas (todos eles actualizados). Este ano tamén quero acordarme de persoas que colaboraron nesta páxina con ideas, artigos e/comentarios e que xa non están entre nós. Grandes, boas e auténticas persoas, perdas irreparables. Non é un cumprido. É certo. Botásevos moito de menos. Moitas grazas por todo. Agradezo á vida, tervos coñecido. Descansade en paz.