Amosando publicacións coa etiqueta contos arredor de A Lareira Máxica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contos arredor de A Lareira Máxica. Amosar todas as publicacións

sábado, 31 de maio de 2014

** O mestre, o carniceiro e o burro

Noutros tempos, os nenos estaban na escola todos mesturados, e tiñan un só mestre, según soubesen os libros íannos pasando de curso.
O carniceiro e o taberneiro dunha pequena aldea eran amigos e tiñan os fillos no mesmo nivel, ata que, por sorprendente que parecera, o fillo do taberneiro, ainda que non era moi estudioso que digamos, pasou de nivel e o do carniceiro non.
Unha tarde, na taberna, o carniceiro estaba a falar do tema co taberneiro:

-Oe ti, como é que o teu fillo pasa de curso e o meu non? Dende cando é máis listo ca o meu?
-Home! Parece mentira que non o saibas, é que o meu está indo a clases particulares co mestre- díxolle chiscando un ollo- claro que, sempre se lle deixa caer un pequeño agasallo polo traballo que fai co rapaz en horas extra..., tí xa sabes.
-Non, non sei.
-Tranquilo, que eu explícocho e xa verás como o fillo che pasa de curso.

Dito e feito, o carniceiro foi falar co mestre e esa mesma semana comezou coas clases, a ver se nese último trimestre conseguía pasar coa axuda delas.

Tódalas semanas ía o carniceiro co seu fillo montados no burro a xunto do mestre dar un par de clases extra; e tódalas semanas o carniceiro leváballe un pequeno agasallo en mostra de agradecemento: unha ristra de chourizos, un pequeño lacón, unha cacheira, uns quilos de costelas da agulla,..., e o último día antes das notas: un xamón.

Chegou o día das notas e o fillo do carniceiro sae do colexio todo contento, non só pasaba de curso senon que sacara sobresaínte en todo... O carniceiro achégase ao mestre e dille con certa retranca:

-Vaia! Pois sí que che son boas as súas clases, Sr. Mestre.
-Mira se son boas, que se chegan a durar tres semanas máis, apróvoche ata ao burro.

...........................................................
SANXENXO. Mary Camiña

venres, 12 de xullo de 2013

** Contos populares arredor de A Lareira Máxica (nova sección): O raposo e os cans

Estaba un día un home no monte cargando un carro de estrume para os animais, era tarde, xa cáseque a hora de comer, e laiándose dixo:
 Ai!, que tarde é!, e eu ainda sen terminar, hoxe non como...

O raposo, que andaba por alí, ao oír falar de comer, interesouse e foi xunto do home:

- Bos días,home, que problema tés?
 Bos días, raposo. Nada, que xa vai ser hora de comer e aínda teño o carro sen cargar.
 Se queres, axúdoche eu...
 E farías iso por min?
 Claro, pero..., que me das a cambio?
 Bueno...-dixo o home cabilando- teño catro galiñas vellas no corral, se me axudas son túas.
 Vale.

O home mailo raposo cargaron o estrume no carro, e o raposo acompañou ao home para que lle fixera a entrega do prometido.

Ao chegar cerca da casa díxolle o home:
 Mira, tí quedas aquí, cólloche as galiñas e velas buscar cando te chame.
 Vale.

O raposo, que non se fiaba, achegouse pouco a pouco á casa e oíu ao home discutir coa súa dona.

 Que vas facer coas galiñas?-dixo a muller.
 Vou metelas nun saco que prometinllas ao raposo por axudarme a cargalo carro.
 Como? Para que se avicie e despois veña buscar máis...Diso nada! Era o que che faltaba! Bótalle os cans, bótalle os cans!
 Pero muller, se eu prometinlle as galiñas, …, ademais son vellas...
 Érache boa! Co bo caldiño que fai unha boa galiña vella... Diso nada! Bótalle os cans!Bótalle os cans!
 Pero muller...
 Nin pero muller nin rabo de gaitas: Bótalle os cans! Bótalle os cans!

E o home, todo apenado xa que lle prometera as galiñas ao raposo que tanto lle axudara, colleu os cans e meteunos no saco.
Ao que saíu, veu ao raposo ao lexos e chamou por él:

 Raposo! Vente! Ven coller as galiñas que están no saco.
 Ai, non! Bótamas de lonxe, que as pillo mellor...
 Vente, oh! Ven buscalas galiñas... que se chas boto de lonxe poden escapar!
 Galiñas serán, pero cheiranme a can... Bótamas dende aí que xa as collo!!!

O home abriu o saco e saíron os cans correndo e ladrando. O raposo, que xa oíra a conversa, púxose a correr todo canto lle daban as súas patas. Para que os cans perderan o seu rastro, meteuse por entre os toxos e as xestas, cando creu que xa os perdera de vista foi cara o seu tobo, e refuxiouse nel. Todo canso e aínda co susto no corpo decía así:

 Ai, miñas patiñas! Ai miñas patiñas bonitas! Que grazas a vós non me paparon os cans.
 E eu? E eu? E eu qué?- díxolle o rabo
 Ti? E ti? Ai!, tí gran cochino! Ti que ías engargallándote nas silvas e nos toxos!!!




.....................................................................................................................................
SANXENXO. Conto narrado por Emilia Bouzada e recollido por Mary Camiña