Teño un veciño ecoloxista, reciclador do imposible e experto en enxeñerías varias. O meu veciño é un xenio, a súa particularísima maneira, claro está. Avelino, que así se chama, sempre atopa unha forma innovadora, e barata, para facer calquer tarefa. A el non lle tira para atrás nada. Se algo lle envexo é a súa iniciativa para resolver calquer problema que se lle presente.
Á veciñanza, danos mostras do seu inxenio constantemente, e non é que queira presumir dos seus coñecementos, non, é un home modesto. A el o que de verdade lle gusta é compartir ideas e intercambiar experiencias. Nunha palabra, falar. Non é mal veciño, polo menos, non o foi ata que se lle dou polo cultivo de verduras e hortalizas en invernadero. O do invernadero foi unha ocorrencia da pasada primavera, cando se lle disparou o colesterol. Con tanta carne…
Ve-lo Artigo completo....
En fin, hoxe quero adicar este artigo ás súas innovacións procedementais no campo da “Metodoloxía terapéutica das obstrucións intestinais porcinas”. Parece un tema sesudo, pois todo llo debe Avelino ó seu afán aforrador. Porque sí, para que negalo, é moi tacaño.
Unha mañá de Agosto, a sogra de Avelino, que se chama Herminia, pero a que todos coñecemos por doña Rogelia… Non é por amolar, é que realmente a señora Herminia é un clon de doña Rogelia, a de Mari Carmen e os seus bonecos. Recapitulando, unha mañá de agosto, doña Rogelia comprobou que o porquiño dos seus ollos, aquel que alimentara cada día dende que era un bacoriño, aquel que mimaba e coidaba con tanta adicación, aquel ó que lle dicía sempre unhas palabras agarimosas,… estaba ¡tirado no cortello! Estaba enfermo, sen dúbida. Non lle fixo caso a comida, desprezou a auga con follas de col e fariña de millo, co bo comedor que era, que comía todo canto lle botaba na maseira: mazás cun anaco podre, tonas de pataca, sobras de cocido,…, o que fora. O porco era un auténtico triturador. Doña Rogelia alarmouse e contoulle a novidade ó Avelino.
A mediodía, o veterinario visitou ó animal. O seu diagnóstico foi claro: empacho. O tratamento aínda máis claro: enema. Total, que o porco estaba “atascado”. Os días de agosto son longos, e doña Rogelia non veranea en Sanxenxo, polo que tivo tempo dabondo para empachar ó porco coas sobras da Nuestra Señora. Son catro días de festa na parroquia e como se fai tanta comida…, porque eso sí, “os días da festa ten que sobrar de todo que o resto do ano xa se pasa como se pasa”, que a Avelino non lle gusta o derroche pero tamén sabe cumprir cos seus convidados.
O veterinario escribeu nun papel a prescripción e Avelino foi á farmacia. Volveu como foi.
- E logo, ¿non tiñan o medicamento? - preguntou doña Rogelia ansiosa.
- Sí que o tiñan, e que… e que…pareceume algo caro, e ó mellor non lle fai nada e o porco morre…, e tendo a sulfatadora no cuberto…- xustifícouse Avelino.
Avelino enxaugou a vella sulfatadora coa mangueira que tiña na horta. Cando lle pareceu que a máquiña acadara un nivel de asepsia suficiente, botoulle un par de litros de auga no fondo e enroscoulle a tapa. Despois foi ó seu cuarto, abreu o primeiro caixón da mesilla de noite e sacou un tubo de vaselina del. Con ela lubricou ben o pulverizador da sulfatadora. O animal estaba enfermo e non lle quería causar sufrimentos innecesarios. Cando tivo todo preparado cargou a sulfatadora ó lombo e díxolle a doña Rogelia:
- Herminia, veña comigo.
Doña Rogelia, seguindo as instruccións de Avelino, achegoulle ó fociño do porco a maseira mediada de fariña de millo, o seu manxar favorito, para tentar distraelo mentras Avelino operou por detrás. Con bastante facilidade introduceu o punta do pulverizador da sulfatadora no sitio requerido, logo, un pouquiño máis para dentro. Nisto, coa man dereita moveu arriba e abaixo a palanca da presión da sulfatadora e coa outra man accionou a manilla do pulverizador para que o líquido se verquera onde se tiña que verquer. E non se sabe se foi polo gusto que lle dou ó animal, se foi polo poder terapéutico da lavativa administrada coa sulfatadora “Matabi”, ou se foi polos efectos positivos dos restos do Sulfato de Cobre na flora intestinal, que o animal, ós dez minutos da intervención, aliviouse.
Coa primeira lúa do mes de novembro, seguindo a tradición de tódolos anos, acabouse o reinado no cortello. Un sábado cedo, na casa de Avelino, fixeron a matanza. Ós sete días, fixeron chourizos. Aquelas tripas doloridas do verán acabaron no cocido. Todo gracias a sulfatadora, que senón quen sabe…, porque Avelino comprar solo compra o moi imprescindible, e a lavativa non era prioritaria. Por suposto, tirar non tira nada, que todo pode facer falta.
Rosa García
Esta obra está baixo unha licencia de Creative Commons.
-------------------------------------------------------
Relato feito e remitido por: Rosa García
Colaboradora de A Lareira Máxica