Amosando publicacións coa etiqueta Saboreando..... Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Saboreando..... Amosar todas as publicacións

martes, 24 de setembro de 2013

** Marmelada de pera

Xa sei..., prometera a receita do bizcoito de chocolate con noces, pero pareceume máis oportuno, dada a época do ano en que estamos, darvos a receita para facer mermelada; xa que me parece unha forma estupenda de aproveitar os remanentes (excesos) de producción de froitas que poidamos ter nas nosas hortas ou para esa froita que xa se nos pasa un pouco no froiteiro e non damos comido...

Utilizo unha receita que se basea no “doble cocido”, é dicir, faise en dúas fases; o resultado é boísimo e ademáis máis económico.


Os ingredientes son, neste caso un quilo de azúcar por cada quilo de pera xa limpa, sen rabiño, nen pepitas nen pel, e o zume de medio limón, xa que contén o antioxidante natural por excelencia: o ácido cítrico.

Unha vez limpas as peras (tamén se pode facer con mazás, albaricoques, nectarinas, pexegos, fresas,ameixas, neste último caso non se lle sacaría a pel), póñense a fogo lento xunto con uns 50 ml de auga para que se cozan. Aos dez minutos de comezar a ferver engádeselle o azúcar e pásaselle a batidora. Vólvese colocar no lume e reménxese cunha espátula ou culler de madeira ata pasados 3 minutos dende que volve a ferver.

Déixase repousar, e ,ao día seguinte, ponse de novo ao lume a fogo lento sen deixar de remover, unha vez que comece a ferver, cóntase 5 minutos e xa está listo para pór nos tarriños de cristal.

Non se tapan de inmediato, senon que hai que deixar os tarriños destapados nun sitio fresco e seco ata que forme unha costra de azúcar por riba, entón estarán listos para tapar e conservar durante un ano enteiro.

O ano pasado fixen mermelada de nectarina e de ameixa vermella con este sistema e ainda estamos a disfrutar do último tarro. Este ano tocoulle ás peras porque nen houbo ameixas nin nectarinas que sobraran...

Acabo de preparar uns tarriños e está... ummm, rica, rica...

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña

venres, 8 de febreiro de 2013

** Filetes de polo con congumelos


SANXENXO. Mary Camiña
Colaboradora de A Lareira Máxica


En outono, cando nenos e maiores volvemos á rutina do día a día, cando as follas das árbores van mudando de cor, e o tempo comeza a fluir de forma diferente, sempre me gustou camiñar polos nosos montes, oír, con cada paso, o triscar das follas que van formando parte da alfombra amarela-marrón-alaranxada que pisan os nosos pés, recollendo os froitos que os montes nos dán: castañas, noces... Acabo de descubrir varios grupos de fermosos fungos, cunha pinta realmente apetitosa e cos que se me ocurren unha e mil maneiras de cociñalas, pero, por desgracia, non distingo as comestibles das penzoñentas, así que, a fume de carozo, como se nunha escura noite de lúa nova a mesmiña Santa Compaña que perseguira, corro para a casa, saco o coche do garaxe e póñome rumbo ao supermercado máis próximo, que está a uns catro ou cinco quilómetros. Lástima que na taberna do Cortés non haixa cogumelos...

Polo camiño vou repasando os ingredintes que preciso para facer a receita que, de súpeto, polo monte adiante, me inspirou: “Filetes de Polo con Cogumelos”.

Os filetes de polo xa non os necesito mercar, xa que os teño adobados de pola mañá cedo, co seu sal, allo e perixel, tiña pensado poñelos á prancha para os maiores e empanalos para os nenos, acompañalos dunha ensalada e patacas fritidas e listo, pero ese paseíño polo monte fíxome cambiar de idea. Xa que estamos no outono vou aproveitar para facelo notar na mesa á hora de xantar, ao principio os nenos sempre reviran o fuciño pero despois non deixan nunca nada no prato.

Necesito tamén: unha cebola grande , vale, non hai problema, témola no cabaceiro, este ano tivemos realmente un bo ano de cebolas; 250grs.de Cogumelos, eso sí que non teño, é unha mágoa non saber distinguilos, pero non me arrisco, a prudencia nestes casos é o primordial, mira tí que si por un par de fungos perdes a vida.., non, non, que vida, que eu saiba, só che hai unha e eu respétoa moito, sexa miña ou dos demáis. Vale, por onde ía?. Ah, sí,..., preciso tamén un dente de allo, lástima que este ano os allos da nosa leira son cativiños, pero como teñen mellor sustancia non hai máis que falar, ao cabaceiro a por él; vou necesitar tamén sal, e aceite de oliva, se mal non recordo, ainda queda; e por último zume de limón; vale, pois diso tamén temos na casa, xa que o limoeiro que prantamos hai cinco ou seis anos está a dar uns froitos ben fermosos, necesita os seus coidados, pero merece a pena.

Pois ben, así que só necesito os cogumelos, a verdade que esto de ter un cachiño de terra onde pór as túas propias patacas, froitas e verduras axuda moito nestas épocas de crise. Polo menos, o tempo que se está na casa sen traballo pódese aproveitar para cultivar, certo é que é preciso moitísimo traballo e dedicación, ter en conta moitas cousas e depéndese moitas veces do tempo, ... Síntoo polos da cidade que realmente o deben estar a pasar moi mal...Nós, polo menos podemos envasar ou facer mermeladas ou ben conxelar os excedentes da tempada e imos tirando...

Bueno, xa cheguei ao supermercado, para aproveitar a viaxe, vou levar algunha cousiña máis que me pode facer falta durante a semana que ven, como pasta e arroz, fariña..., así non me sinto tan mal por coller o coche tan só para mercar uns cogumelos; normalmente aproveito a saída co coche para ir a varios sitios que me queden de camiño e aproveitar ao máximo o percorrido,...

Ufff!, qué caro está todo!!! E despois da subida do I.V.E., a ver quén chega a fin de mes sen tirar dos aforros, se é que quedan...

Unha vez na casa, dispoño tódolos ingredientes no mesado da cociña limpos e listos para comezar a preparación deste prato de outono. Acabo de darme conta de que me falta un: o viño branco. Menos mal que miña sogra sempre nos trae algunha botelliña de albariño, uhmmm! Non acostumamos beber viño a diario, así que sempre hai algún de reserva.

Collo un cazo ancho poño a pochar en aceite de oliva a cebola, o allo e o perixil ben picadiños. Mimá! Había ben tempo que unha cebola non me facía chorar tanto, perdín a conta das veces que parei de picala cebola ao non ver nada por mor das bágoas que me inundaban os ollos. E que maneira de picar...

Namentras, fileteo os cogumeloes e engádolles o zume do limón para que non se oxiden, así quedarán douradiños e non oscuros...

Xa está pochada a cebola co allo e o perixil, así que lle engado os cogumelos co limón e salamos ao gusto..., e a cocer a fogo lento... isto recórdame a unha canción de Roxana: “ A fuego lento tu mirada...”. Sí, éche boa idea, vou pór a radio...

Ben, pois a pasalos filetes de polo pola prancha..., douradiños, selándoos para que queden xugosos, iso de selalos é pór a prancha ben quente e pasar os filetes así volta e volta, dourándoos, quedando feitos por fóra e non por dentro, rematarase de facer cos cogumelos...
Pois iso, poñemos nunha fonte de forno, unha capa de cogumelos, unha capa de filetes e voltamos a cubrir cos cogumelos, engadímoslles medio vasiño de viño branco (cando digo medio vasiño, refírome a un vaso de servir o viño non de servila auga...). Metemos no forno e deixamos facer pouco a pouco (180-200ºC) ata que se doren.

UHMMM!, qué ben arrecende!!! Encántanme os olores do outono...

Vou aproveitar para facer uns pementos e un pouco de arroz que acompañarei con salsa de tomate caseira, do que envasei a semana pasada..., aproveitarei para asar tamén unhas castañas xa que o forno está encendido, realmente, a mín non me gustan demasiado, pero aos meus pequenos encántalles,... así que bos deixo para rematar este xantar de outono e próximamente vos confiarei cómo se prepara un bizcoito de chocolate con noces do máis saboroso...

Que aproveite!!!


.....................................................................................................................................

[OBSERVACIÓN: O artigo está escrito cando aínda era outono]


mércores, 9 de maio de 2012

** Saboreando: Milanesa de polo con crema de porros


SANXENXO. Mary Camiña

Esta receita tráeme un especial recordo dos meus anos como estudiante universitaria en Vigo, compartía piso con tres compañeiras, e con dúas delas compartía tamén receitas. Non sei cal delas, Susana ou Diana, ma pasou, pero sí sei que aprendín moitísimo de cociña neses dous anos que compartimos piso.

Teño que decir tamén que ésta non é a receita orixinal, cambieille algúns dos ingredientes, sobre todo por mor do intestino, que cando se pon tonto é único.

Tamén quero deixar constancia, que ainda que a receita orixinal se fai con peituga de polo fileteados, podemos usar calquera outra ave de corral, digamos, por exemplo, pato, galo , pavo..., xa me entendedes, non sí?
Adícolle a receita a tódolos lector@s de "A Lareira Máxica" aos seus colaborador@s, aos seus administrador@s e, especialmente, a tódal@s nen@s que nalgún momento da súa vida foron atacad@s por algunha ave de corral, para que así teñan a oportunidade de obter " vinganza" na mesa...

Esta receita vouna dar sen cantidades fixas, só mediante proporcións, así, cada quen pode axeitala á cantidade de comensais que teña. por outra banda, é recomendable que tódolos ingredientes sexan da nosa zona, pois teñen un saborciño único; eu teño a gran sorte de contar dunha pequena horta que fai as ledicicias do noso paladar...., ummm, inigualable. Os que non teñades esa sorte, sabedes que hoxe en día nas prazas de abastos e algúns supermercados teñen unhas verduriñas e carnes fresquiñas que quitan o sentido... E senón, sempre queda, para os que poidan, ir á aldea, ...

Para comenzar, poñeremos en adobo as peitugas de ave filateadas con allo, sal e perixel, se non temos perixel podemos sustituilo por orégano, que ademáis é bo para os resfriados...

Preparamos a crema de allo-porros (como dín os galegistas, pois na miña casa sempre se chamaron puerros...). Para preparar a crema necesitamos: a mesma cantidade, en volumen, de puerros que de cebola; sal, aceite de oliva, pimienta, e nata líquida para cociñar ( a receita orixinal utiliza iogur natural, pero ao meu intestino antóllaselle un tanto ácido e non o tolera, recomendo a nata porque fai que a crema sexa máis cremosa; eu fagoa con leite desnatado que é o único que de momento tolero ben e ademáis axuda a que este prato teña menos calorías, o resultado é algo menos cremoso pero cáseque igual de rico).

Nunha sartén, (tamén vale un cazo), poñemos o aceite necesario para pochar a cebola e os puerros, máis vale que poñamos de menos que de máis, xa que os dous ingredientes soltan o seu propio líquido, salamos ao gusto e engadimos un pouquiño de pimienta ( da que prefirades). Cando xa está pochada, poñemos todo no vaso da batidora, ou ben no mesmo cazo, e pasámoslle a batidora engadindo a nata pouco a pouco hasta obter unha crema suave e homoxénea, nin moi líquida nen moi espesa, coa consistencia dunha natilla. Reservamos a crema.

Pasamos a preparar as milanesas de ave nunha sartén con aceite quente. Para os que nunca fixeron milanesas, e para os demáis tamén, coidado co aceite que cando está quente queima e moito, e produce unhas queimaduras moi dolorosas e malas de curar. Tamén podemos usar en vez de milanesas, os filetes á prancha, non é tan rico, pero é unha boa opción para as persoas ás que nos preocupa os excesos, ben por problemas de saúde ou por seguimento dalgunha dieta en especial...

Pasamos os filetes polo ovo, despois polo pan rallado e á sartén. Hai quen pasa primeiro o filete por fariña, despois polo ovo e finalmente polo pan rallado, persoalmente as milanesas non me gustan tan "empanadas", supoño que será cuestión de gustos..., deixovolo á vosa elección. Preparamos un prato cunha servilleta de papel e poñemos as milanesas xa feitas enriba, así absorberanos o exceso de aceite. Mentras facemos as milanesas, poñemos a quentar o forno a 250 ºC.

A continuación, collemos unha fonte para forno, poñemos unha capa de crema, unha capa de milanesas e volvemos a cubrir con crema. Metemos no forno e gratinamos.

A estas suculentas milanesas acáelle ben un acompañamento de arroz en branco e unha ensalada, e comelas quentiñas.

Ainda que parece unha receita complicada, non o é en absoluto, dá máis pereza ler a receita que facelo, ademáis, o olorciño que desprende a crema cando se está gratinando é...ummm, sensacional.

Espero que vos guste e ...Bo proveito!!!

mércores, 25 de xaneiro de 2012

** SABOREANDO....Bizcoito de Laranxa


SANXENXO. Mary Camiña

Invítovos a preparar un bizoito, desos ricos, ricos e que nin teñen aditivos artificiais, nin grasas e por riba rico en vitamina C, que coa cantidade de resfriados que hai boa falta nos vai facer.

É moi sinxelo, só necesitamos 4 ovos, a poder ser desas galiñas que soen estar no rural, no corral das nosas avoas, e tamén no pasado: na nosa infancia; esas galiñas que sempre andaban a esperruñar e que se desfacían a cacarexos cada vez que poñían un ovo, como decindo "Aquí estou eu, unha galiña de verdade, que pon os mellores ovos do corral", e dalí a pouco cacarexaba outra que parecía retrucarlle:"Tí porás bos ovos pero mellor ca os meus non son". Ai!, que tempos aqueles, nos que ainda había ovos de verdade...Mimá! Xa cáseque falo como unha galiña... Pero sigamos coa receita.

Precisamos tamén 200 grs. de azucre, só o azucre, non fagades como o meu pequeno axudante, que a primeira vez que me axudou pretendía botarlle o papel da bolsa para que lle dese consistencia..., estos nenos... 125 grs. de fariña de trigo, desa mesma que venden en calquer supermercado e apta para o consumo humano, non me vaiades usar fariña de millo que por moi refinada que sexa non sae o bizcoito como ten que sair. E por último, unha laranxa, enteira, desas de zume, sen pepitas; a ver..., vale a de pepitas, pero entón teredes que sacarllas porque senon amarga.

Poñemos o forno a quentar, por riba e por baixo a 250 grados.
Collemos dous recipientes, nun botamos as claras dos ovos e noutro as xemas.
Reservamos as claras e sobre as xemas botamos o azucre, batimos con xeito, máis ben para non ensuciar moito, e engadimos a laranxa triturada; sí, triturada, toda, enteira, con monda e todo; se non tendes con qué triturala tamén vale engadir a monda relada e o zume. Remenxemos, sen bater, e reservamos.
Agora, cun batidor manual ou coa batidora, levantamos as claras. Ui! Perdoade, esto pode dar lugar a confusións, xa que os profanos da cociña igual intentan levitalas claras e non é iso. Refírome a que temos que batelas claras hasta que estén a punto de neve forte, é decir, que se poñan brancas, brancas, e que ao darlle volta ao recipiente as claras non caian; se vedes que van cair non sigades dándolle volta ao recipiente!, eu aviso, que despois non quero que me veñades decir que non dou ben as indicacións,...

Chegado a este punto, hai que engadir as claras xa a punto de neve ao preparado que tiñamos feito coas xemas, e mesturamos amodo para que o bizcoito quede esponxoso.
Como vedes non leva levadura nin en pó nin da outra, por iso vos dixen que era sen aditivos artificiais.

Por último, collemos un molde, fregámolo con manteiga, só pola cara de dentro!, e espolvoreámoslle un pouquiño de fariña.

Collemos a masa do bizcoito e botámola no molde. poñémolo no forno a 200 grados, encendido só por baixo. Estará listo cando ao espicharlle un escarvadentes, éste salga seco e sen masa pegada.

Sérvese frío e adornado cun pouqiño de azúcre moido.

Xa veredes como vos gusta, se cando o fagades, non vos sae esponxoso, non deixedes de volver intentalo, como cáseque todo nesta vida, para mellorar hai que seguir intentándoo, non darse por vencido.
Por certo, olvidáronseme dous ingredientes fundamentais, que o fagades con moito cariño e bo humor; as cousas así feitas sempre saben mellor.