venres, 8 de febreiro de 2013

** Filetes de polo con congumelos


SANXENXO. Mary Camiña
Colaboradora de A Lareira Máxica


En outono, cando nenos e maiores volvemos á rutina do día a día, cando as follas das árbores van mudando de cor, e o tempo comeza a fluir de forma diferente, sempre me gustou camiñar polos nosos montes, oír, con cada paso, o triscar das follas que van formando parte da alfombra amarela-marrón-alaranxada que pisan os nosos pés, recollendo os froitos que os montes nos dán: castañas, noces... Acabo de descubrir varios grupos de fermosos fungos, cunha pinta realmente apetitosa e cos que se me ocurren unha e mil maneiras de cociñalas, pero, por desgracia, non distingo as comestibles das penzoñentas, así que, a fume de carozo, como se nunha escura noite de lúa nova a mesmiña Santa Compaña que perseguira, corro para a casa, saco o coche do garaxe e póñome rumbo ao supermercado máis próximo, que está a uns catro ou cinco quilómetros. Lástima que na taberna do Cortés non haixa cogumelos...

Polo camiño vou repasando os ingredintes que preciso para facer a receita que, de súpeto, polo monte adiante, me inspirou: “Filetes de Polo con Cogumelos”.

Os filetes de polo xa non os necesito mercar, xa que os teño adobados de pola mañá cedo, co seu sal, allo e perixel, tiña pensado poñelos á prancha para os maiores e empanalos para os nenos, acompañalos dunha ensalada e patacas fritidas e listo, pero ese paseíño polo monte fíxome cambiar de idea. Xa que estamos no outono vou aproveitar para facelo notar na mesa á hora de xantar, ao principio os nenos sempre reviran o fuciño pero despois non deixan nunca nada no prato.

Necesito tamén: unha cebola grande , vale, non hai problema, témola no cabaceiro, este ano tivemos realmente un bo ano de cebolas; 250grs.de Cogumelos, eso sí que non teño, é unha mágoa non saber distinguilos, pero non me arrisco, a prudencia nestes casos é o primordial, mira tí que si por un par de fungos perdes a vida.., non, non, que vida, que eu saiba, só che hai unha e eu respétoa moito, sexa miña ou dos demáis. Vale, por onde ía?. Ah, sí,..., preciso tamén un dente de allo, lástima que este ano os allos da nosa leira son cativiños, pero como teñen mellor sustancia non hai máis que falar, ao cabaceiro a por él; vou necesitar tamén sal, e aceite de oliva, se mal non recordo, ainda queda; e por último zume de limón; vale, pois diso tamén temos na casa, xa que o limoeiro que prantamos hai cinco ou seis anos está a dar uns froitos ben fermosos, necesita os seus coidados, pero merece a pena.

Pois ben, así que só necesito os cogumelos, a verdade que esto de ter un cachiño de terra onde pór as túas propias patacas, froitas e verduras axuda moito nestas épocas de crise. Polo menos, o tempo que se está na casa sen traballo pódese aproveitar para cultivar, certo é que é preciso moitísimo traballo e dedicación, ter en conta moitas cousas e depéndese moitas veces do tempo, ... Síntoo polos da cidade que realmente o deben estar a pasar moi mal...Nós, polo menos podemos envasar ou facer mermeladas ou ben conxelar os excedentes da tempada e imos tirando...

Bueno, xa cheguei ao supermercado, para aproveitar a viaxe, vou levar algunha cousiña máis que me pode facer falta durante a semana que ven, como pasta e arroz, fariña..., así non me sinto tan mal por coller o coche tan só para mercar uns cogumelos; normalmente aproveito a saída co coche para ir a varios sitios que me queden de camiño e aproveitar ao máximo o percorrido,...

Ufff!, qué caro está todo!!! E despois da subida do I.V.E., a ver quén chega a fin de mes sen tirar dos aforros, se é que quedan...

Unha vez na casa, dispoño tódolos ingredientes no mesado da cociña limpos e listos para comezar a preparación deste prato de outono. Acabo de darme conta de que me falta un: o viño branco. Menos mal que miña sogra sempre nos trae algunha botelliña de albariño, uhmmm! Non acostumamos beber viño a diario, así que sempre hai algún de reserva.

Collo un cazo ancho poño a pochar en aceite de oliva a cebola, o allo e o perixil ben picadiños. Mimá! Había ben tempo que unha cebola non me facía chorar tanto, perdín a conta das veces que parei de picala cebola ao non ver nada por mor das bágoas que me inundaban os ollos. E que maneira de picar...

Namentras, fileteo os cogumeloes e engádolles o zume do limón para que non se oxiden, así quedarán douradiños e non oscuros...

Xa está pochada a cebola co allo e o perixil, así que lle engado os cogumelos co limón e salamos ao gusto..., e a cocer a fogo lento... isto recórdame a unha canción de Roxana: “ A fuego lento tu mirada...”. Sí, éche boa idea, vou pór a radio...

Ben, pois a pasalos filetes de polo pola prancha..., douradiños, selándoos para que queden xugosos, iso de selalos é pór a prancha ben quente e pasar os filetes así volta e volta, dourándoos, quedando feitos por fóra e non por dentro, rematarase de facer cos cogumelos...
Pois iso, poñemos nunha fonte de forno, unha capa de cogumelos, unha capa de filetes e voltamos a cubrir cos cogumelos, engadímoslles medio vasiño de viño branco (cando digo medio vasiño, refírome a un vaso de servir o viño non de servila auga...). Metemos no forno e deixamos facer pouco a pouco (180-200ºC) ata que se doren.

UHMMM!, qué ben arrecende!!! Encántanme os olores do outono...

Vou aproveitar para facer uns pementos e un pouco de arroz que acompañarei con salsa de tomate caseira, do que envasei a semana pasada..., aproveitarei para asar tamén unhas castañas xa que o forno está encendido, realmente, a mín non me gustan demasiado, pero aos meus pequenos encántalles,... así que bos deixo para rematar este xantar de outono e próximamente vos confiarei cómo se prepara un bizcoito de chocolate con noces do máis saboroso...

Que aproveite!!!


.....................................................................................................................................

[OBSERVACIÓN: O artigo está escrito cando aínda era outono]


0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :