Amosando publicacións coa etiqueta colaboracións Estrela de Xullo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta colaboracións Estrela de Xullo. Amosar todas as publicacións

domingo, 22 de setembro de 2013

** Historia estival de cabaliños de mar e calacús

Nalgunhas praias galegas pódense ver valados de madeira que delimitan o areal doutras zonas de dunas ou espazos naturais. Todo o mundo pensa que están aí postos para defender unha zona protexida e que as persoas non a invadamos co noso incivismo. Pero, en realidade, eses valados están aí para que os Petróglifos – cómpre non confundir cos gravados prehistóricos que todo o mundo coñece- aten os seus cabaliños de mar mentres van na procura de calacús.

Os Petróglifos mariños son uns seres diminutos, fortes e moi espelidos, que a principios do outono, cando xa as praias están desertas de veraneantes, soben cos seus cabaliños de mar desde as profundidades mariñas ata a praia, amarran os animais nestes valados e logo encamíñanse terra adentro e procuran os calacús máis feitucos e xeitosos nas hortas dos veciños humanos. Despois, lévanos, baléiranos e, da mesma maneira que algunhas persoas lles poñemos candeas para celebrar o Samaín, os Petróglifos enchen os calacús con escamas de cola de serea, que son moi luminosas e desprenden unha luz prateada moi brillante. A continuación, pola noite, levan á superficie da auga do mar estes calacús e convértenos nas estrelas que vemos no ceo.


Certo día, xa a finais de setembro, un Petróglifo que viña cargado con, polo menos, unha ducia de calacús que apañara nunha horta, atopouse con que, ao chegar de volta á praia para montar no cabaliño de mar e regresar ao océano, o animal xa non estaba atado no valado de madeira. O Petróglifo, que non quería deixar os calacús abandonados, decidiu convertelos en estrelas alí mesmo, na propia praia. Non obstante, como as escamas de sereas que levaba xa eran un pouco vellas, os calacús-estrela non lle quedaron moi perfectos e de alí a uns meses estas estrelas regresaron á praia onde foron feitas. O Petróglifo nunca máis puido amañalas, só engadirlle algunha escama máis e mandalas de volta ao ceo, pero ao ano seguinte, de novo, volveron á terra, á praia que as viu nacer.

O que non vos dixen aínda é que estes calacús-estrela foran feitos na praia da Lanzada, por iso desde este areal pódense ver as mellores estrelas fugaces do mundo, esas que foxen do ceo porque teñen vergonza de que as súas escamas de cola de serea non sexan tan perfectas.

Facede a proba unha noite de finais de verán desde a praia da Lanzada e se vedes por alí o cabaliño de mar que, coa súa trasnada, provocou a orixe das estrelas fugaces, dádelle unha aperta de parte miña.

.....................................................................................................................................
© Estrela de Xullo

luns, 19 de agosto de 2013

** Bico

Podemos ler en A sombra do vento, unha obra do escritor americano Patrick Rothfuss, o seguinte fragmento: “Despois sentamos nunha pedra, cos pés na auga e gozando da mutua compañía mentres descansabamos. Compartimos unha mazá; fómola pasando e fómoslle dando dentadas por quendas, o cal, se nunca bicaches a ninguén, é case como beixarse”.


Quen así fala é Kvothe, o protagonista da obra citada, e a compañía á que fai referencia chámase Denna, unha moza da que Kvothe está namorado. Este ten que conformarse con “bicar” ou “beixar” a mazá, xa que a moza é inaccesible para el.

En galego temos tres palabras para referirnos a esta demostración de cariño: bico, beixo, e ósculo. A primeira, bico, procede do termo celta beccus, que significa “peteiro, bico”, de aí que un bico (entre outros significados) tamén poida ser a boca das aves. A seguinte palabra, beixo, procede do étimo latino BASIUM (e beixar de BASIARE), e do cal podemos ver a súa evolución noutras linguas románicas: beijo, beso, bacio, baiser... Por último, ósculo é un termo que se usa como cultismo nunha linguaxe xa moi coidada e específica.

Ademais destas dúas palabras para referirse aos bicos, oscula e basia, os romanos tiñan unha terceira, suavia; e distinguíanas segundo o seu carácter: os oscula era bicos de amizade, os basia de amor e os suavia de paixón.
Non obstante, hai quen pensa que os basia tamén se empregaron cun significado máis pasional, xa que o poeta latino Catulo (século I a.C.) mencionábaos nos seus poemas cando se refería á súa amada: “Vivamos, mea Lesbia, atque amemus (...) / Da mi basia mille, deinde centum, / dein mille altera, dein secunda centum, / deinde usque altera mille, deinde centum” que traducido sería algo como “Vivamos, miña Lesbia, e amemos (...) / Dáme mil beixos, logo cen, /despois outros mil e de novo outros cen, / despois mil máis, despois outra vez cen”

En calquera caso, ósculos, bicos ou beixos sempre serán benvidos.

.....................................................................................................................................
Estrela de Xullo

luns, 15 de xullo de 2013

** Viaxarei contigo


Contaxio de penas

poucos agarimos

quen dera apertarte

quen dera, meu amigo.


Coñecer o mundo

no que vives, vivo

en profunda ansia

de entrar e sentilo.


Collereiche as mans

sucias de aloumiños

e as pegadas mornas

seguindo o camino

deixarei ás portas:

pisa onde eu piso.


Se me ves lonxe

perdida do sitio

descifrando mapas

arredor do limbo,

non sintas o medo

porque te respiro

e malia a distancia

viaxarei contigo.


.....................................................................................................................................
© Estrela de Xullo (nova colaboradora de A Lareira Máxica)