domingo, 22 de setembro de 2013

** Historia estival de cabaliños de mar e calacús

Nalgunhas praias galegas pódense ver valados de madeira que delimitan o areal doutras zonas de dunas ou espazos naturais. Todo o mundo pensa que están aí postos para defender unha zona protexida e que as persoas non a invadamos co noso incivismo. Pero, en realidade, eses valados están aí para que os Petróglifos – cómpre non confundir cos gravados prehistóricos que todo o mundo coñece- aten os seus cabaliños de mar mentres van na procura de calacús.

Os Petróglifos mariños son uns seres diminutos, fortes e moi espelidos, que a principios do outono, cando xa as praias están desertas de veraneantes, soben cos seus cabaliños de mar desde as profundidades mariñas ata a praia, amarran os animais nestes valados e logo encamíñanse terra adentro e procuran os calacús máis feitucos e xeitosos nas hortas dos veciños humanos. Despois, lévanos, baléiranos e, da mesma maneira que algunhas persoas lles poñemos candeas para celebrar o Samaín, os Petróglifos enchen os calacús con escamas de cola de serea, que son moi luminosas e desprenden unha luz prateada moi brillante. A continuación, pola noite, levan á superficie da auga do mar estes calacús e convértenos nas estrelas que vemos no ceo.


Certo día, xa a finais de setembro, un Petróglifo que viña cargado con, polo menos, unha ducia de calacús que apañara nunha horta, atopouse con que, ao chegar de volta á praia para montar no cabaliño de mar e regresar ao océano, o animal xa non estaba atado no valado de madeira. O Petróglifo, que non quería deixar os calacús abandonados, decidiu convertelos en estrelas alí mesmo, na propia praia. Non obstante, como as escamas de sereas que levaba xa eran un pouco vellas, os calacús-estrela non lle quedaron moi perfectos e de alí a uns meses estas estrelas regresaron á praia onde foron feitas. O Petróglifo nunca máis puido amañalas, só engadirlle algunha escama máis e mandalas de volta ao ceo, pero ao ano seguinte, de novo, volveron á terra, á praia que as viu nacer.

O que non vos dixen aínda é que estes calacús-estrela foran feitos na praia da Lanzada, por iso desde este areal pódense ver as mellores estrelas fugaces do mundo, esas que foxen do ceo porque teñen vergonza de que as súas escamas de cola de serea non sexan tan perfectas.

Facede a proba unha noite de finais de verán desde a praia da Lanzada e se vedes por alí o cabaliño de mar que, coa súa trasnada, provocou a orixe das estrelas fugaces, dádelle unha aperta de parte miña.

.....................................................................................................................................
ESTRELA DE XULLO

3 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Mary Camiña dixo...

Simplemente... Xenial! Encantoume! Agora xa sei porque na praia da Lanzada se ven esas estrelas fugaces tan magníficas. A primeira vez que as vín foi en agosto do 1.993; xa choveu...
E falando de choiva: Por fín chegou a choiva a Sanxenxo!!!

Parabéns, Estrela de Xullo! Moi bo relato.

Saúdos!

Estrela de Xullo dixo...

Vaia... Moitas grazas! Creo que foi un día de inspiración.
Un saúdo.

Julio Torres dixo...

Quedei abraiado pois ó igual que Mary Camiña descoñecía o dos cabaliños de mar e os calacús. É un pracer ter tan bos colaboradores como todos e todas vós: Alvariño, Mary, Estrela de Xullo, Mariam, etc. Da gusto lervos. Moitas gracias!!!!

Por certo ¿que pasaría coa ave nocturna de nome Moucho?? Maniféstate que xa rematou o verán!!