Era unha vez un raposo que era vexetariano. Tíñalle certa tírria a un galo moi fachendoso e argalleiro que vivía cerca, pero xa canso de que se terminara burlando del, argallou unha forma de saírse por unha vez coa súa; así que acercouse un día, cando estaba na póla dunha árbore e díxolle:
- Mira, galo, estou farto de estar sempre a rifar contigo, recoñezo que ti es máis listo ca mín, así que, se che parece ben, quero que fagámolas paces.
- E por que me hei de fiar de ti? Es capaz de paparme nun descoido...
- Va! Tí xa sabes que o fago para facerte rabiar, que eu sonche vexetariano. Mira, ho!, para que vexas que estou a falar en serio, invítote a comer mañán na miña casa...
- Bueno, sexa logo...- dixo o galo sen se fiar moito.
Ao día seguinte, o galo preséntase na casa do raposo, con moita prudencia. Non as tiña todas con él, ainda que cheirar cheiraba a cereais... Á porta da casa estaba posta unha mesa con dous cubertos e unha tarteira enriba.
- Benvido, galo! Como fai un bo día puxen a mesa fóra, non che importará?
- Que me vai importar! Iso mesmiño che ía propoñer eu.
O raposo levantou a tapa da tarteira e repartíu dúas cullaradas de papas de centeo con trigo quentes
para cada un. O raposo púxose a comer con gran afán, pero o pobre do galo, como tiña peteiro e non boca apenas puido comer.
- E logo, galo, non tes fame? Mira que están boas estas papas. Ummm- relamíase o raposo.
- E que, hoxe almorcei moito e non che teño fame...- decía o galo disimulando, xa que si que estaban ben boas as condenadas...
Na cara do raposo víase que o fixera adrede e o galo marchou todo cabreado, pensando para sí que xa lla pagaría, rirse así del.
Ao cabo duns días, voltan encontrarse o galo e o raposo.
- Bos días, raposo- dille o galo.
- Bos días, gustáronche as papas do outro día?- contestoulle o raposo con retranca.
- Si, oh! Gustaron, mágoa que estivera xa farto. É o que che ten isto de estar sempre convidado a tantas festas e comilonas.
- Vai! Non che sabía eu que tiveras tantos convites.
- Pois si, mira por onde, acabo de ser convidado a unha voda.
- Unha voda?- interesouse de seguido o raposo.
- Pois si, éche unha voda moi especial, disque vai ser a “voda do ano” pola abundancia de manxares e lambetadas, que ata trouxeron un cociñeiro extranxeiro especialista en todo tipo de grans e verduras.
- Hoooo! Que sorte tés- díxolle cos ollos fóra do sitio e relaméndose- quen puidera ir.
- Agora que o penso, a miña invitación é para dous, se queres vir...
-
E levaríasme contigo?
- Como non hei levarte co boas que estaban as papas do doutro día?, sería ser mal amigo. Pero hai dúas condicións para poder ir á voda, que non sei eu...
- Xa sabía eu que o dicías por dicir, que non queres que vaia contigo..., co que me custou facer as papas...
- Bueno, algo se poderá facer ao respeto... A primeira condición é ir limpo coma unha patena e traxeado, a outra é..., esto xa é máis complicado...
- Díme! Non ha ser para tanto!
- E que... a voda é no ceo!
- Como? No ceo? Ti estás tolo!
- Si, no ceo, prepararon un gran cumio dunha montana onde só se pode ir voando, para que os animais carnívoros non poidan chegar a ela, pero, claro..., coma ti es vexetariano pois non lles importará que vaias.
- E como vou chegar aló arriba se eu non teño ás?
- Ufff!, pois vai ser un problema si, …, se ainda pesases algo menos...
- Eiii! Estasme a chamar gordo?
- Non, ho! É que se estiveses máis fraco, igual podía contigo e podíate levar agarrado nas patas...
- Pois se é por iso, non te preocupes, cando é a voda?
- Para a semana que ven.
- Pois para a semana que ven podería pesar cinco quilos menos, será suficiente?
- Podería, pero mellor que sexan seis quilos menos.
- Feito! Quedamos logo para a semana. E moitas gracias!
Alá foi o raposo todo contento por ser convidado a unha voda de tan altos voos. Pasou toda a semana facendo exercicio e dieta para perder os quilos pactados, pensando que semellantes manxares ben valían a pena tal sacrificio. Chegado o día, sen embargo, só perdera catro quilos e medio, ainda así víase moito máis lixeiro, así que pensou que o galo ven podería con el.
- Vaia, vaia! Que elegante estás!- díxolle o galo.
- A que se me ve máis lixeiro e delgado?
- Pois sí, pero ainda así, non sei eu se poderei contigo.
- Si que podes, se es un galo forte e grande- retrucou o raposo, sen deixar de pensar nos grandes manxares que os agardaban.
- Buemo, pois imos aló. Agárrate ben ás miñas patas que alá imos! E non mires para baixo!
E o galo saíu voando co raposo colgado das patas. Xa levaba subido bastante, cando deixou cair disimuladamente, un pouco de manteiga polas patas abaixo e o raposo comezou a escorregar.
- Oe, ti! Deixa de suar tanto que estou esvarando!
- E que pesas moito, para mín que non adelgazaches todo o que acordamos.
- Ai! Ai! Que esvaro! Baixa, baixa!
- Xa vou, xa vou...
- Date presaaaaaaaaaaa....
E o raposo caíu. Ía polo aire pensando que, cun pouco de sorte, caía nunha meda de palla, pois alá abixo vía como uns campesiños colocaran todo o trigo en medas e dispoñíanse a mallalo. Pero así como se ía acercando, foise dando conta que xusto ía caír na eira onde estaban a mallalo trigo. Entón o raposo fíxose unha promesa a si mesmo.
- Se desta me salvo e non morro, xuro que, por moi bos manxares que teña, non quero saber máis de vodas no ceo, eu quedo en terra.
..........................................................................................
RELATO RECOLLIDO POR:
Mary Camiña