venres, 21 de marzo de 2014

** Funcionarios

Un funcionario público é un señor ou unha señora que, moitas veces detrás dunha mesa ou ao outro lado do teléfono, te atende, informa, asesora... sobre os máis diversos temas relacionados coas distintas administracións. Por suposto, hai moitas clases de funcionarios, pero case sempre os asociamos a esta idea que acabo de apuntar.

Moita xente non ten unha boa opinión dos funcionarios/as. O máis probable é que pensen que son maleducados, vagos, descoidados, amargados, ineptos..., que pasen unha hora –ou máis! – tomando o café ou lendo o xornal, cando non usando esa “hora” para ir ao salón de peiteado, a facer a compra ou aproveitando para pasar polo ximnasio.


É posible que haxa funcionarios destas características - servidora coñeceu algúns persoalmente - pero tamén é verdade que moitos outros traballadores públicos son excelentes persoas e mellores profesionais.

Por exemplo, hai uns días tiven que facer unhas xestións nun rexistro da propiedade dunha cidade galega e o traballador que me atendeu, fíxoo con tal xentileza e paciencia que saín do rexistro totalmente reconciliada co funcionariado. Explicounos absolutamente todo con detalle, acordábase do meu caso cando volvín o segundo día e, no último, cando por fin fun levar a derradeira documentación que me faltaba, vai e dáme as grazas! El a min! “Pois xa está todo, moitas grazas!” Así me dixo, e cónstame que trataba a todo o público da mesma forma.

Por iso, cando un funcionario pon mala cara, non explica ben as cousas e saes con máis dúbidas e problemas que cando entraches, habería que preguntarse tamén como é esa persoa na súa vida privada. Porque profesionais bos e malos e persoas boas e malas hainos en todas partes. Ou non?


...........................................................

Estrela de Xullo

4 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Mary C.V. dixo...

Totalmente de acordo, Estrela de Xullo. O que máis molesta, creo eu, é que a un funcionario en particular, cando non fai ben o seu traballo cara ao público, e sempre e cando non sexa unha falta cara á Administración Pública, non pode ser despedido coma os demáis traballadores. Iso, polo menos é o que dí a Lei, pódeselle cambiar o choio pero non pode ser despedido, e isto ten unha razón de ser: independente do partido político que esté no Goberno, el@s son os responsables de que o sistema burocrático funcione e as leis sexan aplicadas, cousa que moita xente ignora, e por isa mesma razón é polo que non é tan fácil despedilos, para que non chegue o responsable da Administración Pública de turno e manipule ao seu antollo quén traballa para el e quen non, atendendo aos seus propios intereses.
Eu valoro o bo traballo realizado polas persoas, sexan funcionarios ou non. E cando encontras a unha persoa responsable, sexa no ámbito público ou privado, é estupendo.
A verdade é que, hoxe en día, é frecuente encontrarse funcionarios moi capacitados debido á súa formación e moi amables e educados, polo mesmo motivo. Saúdos.

Estrela de Xullo dixo...

Si, coñezo a algúns outros funcionarios e funcionarias cumpridores do seu traballo e excelentes profesionais. Non sei de onde lles virá a sona de vagos aos funcionarios púbicos... Saúdos.

Julio Torres dixo...

Coido que moitas veces os empregados públicos son inxustamente tratados. En tódolos traballos hai xente máis ou menos traballadora e implicada. Ó igual ca ti Estrela de Xullo tamén me teño atopado bos empregados públicos e iso agradécese, como se agradece se a persoa que te atende nunha tenda é agradable e che axuda e non so tenta venderche o que sexa a toda costa. Ou tamén se un fontaneiro, un albanel ou un electricista son cumpridores traballadores. En tódolos lugares hai de todo.

Por certo, tan pronto como poida tentarei escribir un artigo no que se diferencie entre empregado público e funcionario. A modo de adianto direi que os funcionarios son empregados públicos, pero non tódolos empregados públicos son funcionarios. Erroneamente nos medios de comunicación utilízase a palabra funcionario cando se debería falar de empregado público. Tal é a confusión que a xente acaba non diferenciando o todo da parte, e gran culpa é dos medios de comunicación...

Un saúdo e moitas gracias pola túa colaboración Estrela de Xullo

Julio Torres dixo...

Mary Camiña: levas razón no que dis. A independencia é algo que diferencia ós empregados públicos do resto de traballadores. Se os empregados públicos estivesen todos postos "a dedo" non serían nin independentes nin obxectivos. E ollo: na admon hai diferentes clases de empregados públicos. Tan so os funcionarios e estatuarios con praza non poden ser despedidos, pero hai moitos empregados públicos que sí poden ser despedidos mesmo tendo unha oposición aprobada e con praza. Iso tampouco o sabe moita xente.

Hai persoas que coñezo que me teñen dito de que porqué non se explica ben todo isto. E os dous comentarios deste artigo é parte desa explicación, que tan pronto como poida explicaréivolo o mellor posible.

Un saúdo e moitas gracias polo teu comentario Mary