** As porcentaxes que xogan ó despiste
Houbo un tempo no que se as gasolinas e gasóleos subían unha peseta (para os máis novos: sería menos dun céntimo actual) xa era motivo de apertura dos telexornais e informativos. Hoxe xa poden incrementarse cinco céntimos dun día para outro, que non será motivo para principiar programa algún. Pero non so é iso, de hai uns anos para aquí en lugar de falarse de que suben ou baixan tantos céntimos, so se fai referencia á porcentaxe de subidas ou baixadas. Dame a sensación de que se quere enganar á poboación para que pense que suben menos os carburantes. Afortundamente a xente -polo menos unha gran parte- non se deixa enganar facilmente. Deberíase falar de céntimos e non de porcentaxes que xogan ó despiste. A imaxe que ilustra este artigo foi tomada hai case un ano. Nembargantes, as cousas non mudaron. As informacións séguense dando de xeito interesado para que non cunda o pánico.
Por certo: cando se din prezos sempre se da a media estatal ou a de Madrid, pero en Galicia sempre son máis caros. E é que en Galicia, paradoxicamente, é unha das comunidades cos soldos máis baixos de España pero a que ten un custe máis alto dos combustibles. ¿Enténdeo alguén?
A información sobre os prezos dos carburantes, como acontece cos datos do paro, préstase a manipulacións e maquillaxes que tenden a restarlle importancia a cousas que sí a teñen, e mesmo a sacar unha nimiedade positiva de tremendas cifras e datos negativos. Cómpre non deixarse enganar...
...........................................................
Julio Torres