Amosando publicacións coa etiqueta actualidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta actualidade. Amosar todas as publicacións

domingo, 1 de febreiro de 2026

** Vai chover carallo!!

Estes días viralizouse un vídeo dunha canción moi simpática e divertida. É bastante pegadiza e chea de ritmo. Non deixa de ser senón retranca galega. Fala, como non, de que non para de chover. Descoñezo a súa autoría. Dubido se o grupo se chama "Te lo digo cantando" ou este nome soamente é unha etiqueta nas redes sociais. Se alguén o sabe, por favor, que nolo diga.

Sexa de quen sexa, dá no cravo. Xa que chove, polo menos divertirse. E que mellor que facelo cunha canción tan chea de humor e que tamén di algunha verdade que outra. Nos dous minutos e medio que dura non parar de rir, e rir nos tempos nos que estamos é ouro puro. Así que, se non a escoitástedes aínda, subide os altavoces e prestádevos a contaxiarvos da súa alegría.

Por certo, tamén hai versión en castelán, pero un servidor prefire a galega. A fin de contas fala sobre Galicia e que mellor que cantalo no noso idioma. Ademais, dicir carallo en galego é unha expresión moi pero que moi enxebre (por non dicir que polisémica).




..............................................................
Unha opinión de Julio Torres

sábado, 31 de xaneiro de 2026

** A choiva infinita

A choiva non nos deixa. A choiva segue, segue, e segue. Emulando as famosas pilas dunha coñecida marca comercial (que duran e duran). Humidade, frío fúndense nun enemigo físico contra o que debemos loitar armados de calor e abrigo. O inverno fixo perder a guerra a Napoléon na súa conquista de Rusia. Por algo sería. O tempo, ese ser indómito.

En pleno século XXI, ano 2026, cando estamos no ecuador do inverno, parece que xa leváramos catro meses nel. O corpo pídenos sol, claridade e non as intempestades da fría estación. E non,non se albisca a luz ao final do túnel. A primavera parece unha ilusión, un illote no medio do mar cada vez máis amplo e denso.



Se vos fixades, os veráns son de altísimas temperaturas e os invernos son fríos e moi húmedo. Os invernos son como os de antes, cando as familias se sentaban ao pé dunha lareira para entrar en calor e secarse. O cambio climático, ese fenómeno negado por moitos/as, chegou para quedarse. E isto non pinto nada ben. Nada. Está ben que chova ou que faga sol, pero os estremismos nunca foron bos. A mesura é unha virtude. Pero o novo tempo non entendela dela.

Namentres, debecemos porque o sol decida quedar connosco, que alugue as nosas casas por unha boa tempada e que non só veña soamente de visita de cando en cando. No seu pedra, papel e tixeira particular a choiva vence ao sol. Terá cambiar de pilas o sol, e poñelas de verdade para triunfar diante da intensa choiva.

A persoa que non se consola é porque non quere. Por iso, máis que nunca, confiamos naquel dito popular: nunca choveu que non escampara. Ou iso ou construír unha nova arca de Noé. Ninguén mellor que o gran humorista gráfico Luis Davila (sen til) para inmortalizar este duro inverno no que xa parecemos peixes, ou cando menos reptís anfibios.
Nestes momentos, cómpre ter paciencia e que o humor non nos abandoe!!


...............................................................................
Un artigo de Julio Torres

martes, 20 de xaneiro de 2026

** Mabel Montes: unha xornalista de raza

O 20 de xaneiro, coñecedor el da triste novo do seu pasamento, amencía chuvioso e ventoso. Un día negro, moi negro, moitísimo. Un martes que, a media mañá, deixoume totalmente xiado cando unha amiga me comunica que morreu Mabel Montes. A querida e gran xornalista da Radio Galega e da TVG (ou como se chame agora, que diría ela). Desde o 2012 era unha das persoas que daba o tempo no medio autonómico. Non me estrana que o tempo estivese tan alterado. Choraba a súa morte.

Mabel era unha excelente profesional, traballadora incansable, rigorosa, modesta, implicada na defensa da profesión, do público, do galego, da cultura, un 10 como persoa, humana, positiva, con exquisito sentido do humor galego, portadora dun amplo sorriso, todo iso e máis recollido nunha MAGNÍFICA MULLER. Características nas que coinciden todas e todos. Así era Mabel.

Coñecina en 1996 na antiga facultade de xornalismo de Mazarelos da USC, un ano que compartín traballo de grupo dunha materia optativa con ela, con Araceli Gonda, Xandra Tedín, Maite Silva, Susana González e César Carracedo. Un servidor non era do seu curso, pero a acollida foi moi boa. Grazas!!, Debo recoñecer que non falei moitas veces con Mabel, pero caíame xenial. Ás grandes persoas distinguinse polas cousas pequenas. Mabel destilaba humanidade e empatía nas súa verbas, valores en vías de extinción na sociedade actual.

Cando traballaba no tempo da Tvg -antes de que a cambiaran forzosamente para a Radio Galega- enviáballe fotos para publicar polo Whatsapp do programa, tanto a Mabel como aos seus compañeiros Diego, Noelia e Ana Celia. Conversaba con ela de vez en cando. Sempre moi agradable, atenta e familiar. Gustáballe saber do contexto da foto. Rigorosa e metódica. Moi ben feito!! Na despedida o seu alegre CHAU!!

A nota simpática foi no 2023 cando se estreou a peli "Voy a hacerme viral" da que era guionista Araceli Gonda (grande amiga de Mabel e outro encanto de persoa, por certo). Púxolle o nome de Mabel Montes á protagonista: Blanca Suárez. Un detalle moi bonito de Araceli.

Como xornalista son firme defensor do bo facer. Polo tanto, síntome moi orgulloso dos e das compañeiros e compañeiras que defenden a liberdade, a pluralidade informativa e o servizo público na RTVG. Mabel era unha desas defensoras. Participaba nos venres negros, esa xusta manifestación de protesta que os/as traballadores/as da RTVG levan adiante tódolos venres desde hai case 8 anos. 400 venres para ser exactos (cumpridos precisamente o día do 50 cumpreanos de Mabel, o pasado venres 16 de xaneiro). Inxustamente, esa honesta implicación acaboulle custando o seu traslado da Tvg a Radio Galega primeiro e logo a cancelación do seu programa Atmosféricos na Radio Galega. De igual xeito foron bastantes compañeiros/as castigados que pasaron tamén da tele á radio ou viceversa. Agora máis que nunca: moitísimas forzas e que a vosa loita non morra.

Tanto onte como hoxe revisei moitas novas da súa morte en numerosos medios de comunicación galegos e nacionais (incluso na revista Hola edición on line!!). Aledoume moito comprobar que a súa morte deixou unha profunda pegada e que era moi aprezada e querida polo seu bo facer. Non me estrana e síntome orgulloso do seu recoñecemento. Meréceo. Ougallá se implemente un premio que leve o seu nome. Aí queda a petición para quen a poida recoller.

Remato: o meu sentido pésame a súa familia, amizades e compañeiros/as de traballo. Descansa en Paz estimada Mabel. Foi un pracer terte coñecido. GRAZAS por todo amiga. Botarémoste moitísimo de menos. A túa lembranza permanecerá para sempre. O mundo sería moito mellor se na sociedade houbese máis mabeles.

P.D.: Maldito cancro que xa nos últimos anos se levou por diante a varias amizades miñas: María, Mary, Araceli, Nacho ou Mónica, entroutras. D.E.P.


..............................................................................................................................................

Un artigo-homenaxe de Julio Torres adicado á memoria de Mabel Montes

..............................................................................................................................................


ENLACE: Páxina de Mabel na rede social X (encántame)

martes, 13 de febreiro de 2024

** Co humor de Davila, lévase mellor

...........................................................

mércores, 17 de xuño de 2020

** Os venres negros dos traballadores/as da Radio e da Televisión de Galicia

Seguro que moita xente non o sabe. Na RTVG existe algo que se chaman os “Venres Negros”, que o propio medio oculta nos informativos. Un grupo importante de profesionais que traballan na RTVG maniféstanse todos os venres vestidos con roupa negra. Isto acontece desde o 25 de maio de 2018. Denuncian a manipulación informativa da que é obxecto a RTVG. Ademais, reclaman o cumprimento da Lei de Medios aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor.

As principais cuestións que solicitan son a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento de Galicia e a creación do Consello de Informativos. A función deste último sería promover a obxectividade das novas e que non sexa partidista na elección e tratamento das novas. En RTVE xa existe.

En definitiva, os profesionais piden, basicamente, a independencia profesional do goberno de turno. ¿Por qué, entón, non se lles fará caso? ¿Por que non existe unha verdadeira independencia da RTVG, o único medio de comunicación público galego?

...........................................................

martes, 9 de xuño de 2020

** Sempre depende...

Pau Donés, compositor, cantante e líder de Jarabe de Palo morreu hoxe víctima dun cancro. Tiña só 53 años e levaba loitando coa enfermidade desde o 2015. D.E.P. Pau Donés. Entres os moitos éxitos de Jarabe de Palo, caben destacar: "La flaca" (curiosamente forma parte do primeiro disco en 1996, pero foi unha das cancións do verán de 1997), Depende (que tamén soou moito no de 1998) e Bonito (2003). Con todo, o grupo sacou ao mercado musical moitos discos entre 1996 e 2020.

En 2017, xa durante a súa enfermidade, e entre outras, publicou o seu single "Humo". Serviu de sintonía da serie "Estoy vivo" (protagonizada por Javier Gutiérrez, Alejo Sauras e Anna Castillo en TVE). As súas letras, un canto á vida. Non hai máis que escoitalo. O seu último disco estaba estaba previsto lanzarse en setembro deste ano. De feito, o 26 de maio saíra á luz o primeiro single: "Eso que tú me das". Nel dálle as grazas ás persoas que o axudaron na súa loita contra o cancro.

A canción que máis me gusta de Pau Donés e Jarabe de Palo é, sen dúbida, "Depende". Será porque era moi pegadiza e tamén por aquilo de ser galego. Depende. O que está claro é que os temas que el compuxo permanecerán connosco para sempre.







...........................................................

xoves, 14 de maio de 2020

** Entre soños e realidade

Soñei que isto non era certo. Soñei que me quedara durmido e que tivera un pesadelo. Soñei que ninguén morrera. Soñei que ao espertar todo sería diferente. Soñei que a clase política por fin remaba xunta nunha soa dirección, sen cores e sen atrancos. Mais daquela, daquela xa abrira os ollos...

...........................................................
Julio Torres

sábado, 14 de decembro de 2019

** Unha canción de 1989 na lembranza

Esta canción foi escrita e cantada por Javier Portugués, Portu, excompoñente de Modestia Aparte e ao que no 2020 veremos como integrante do xurado na vindeira edición de Operación Triunfo, xunto a Nina, Natalia Jiménez (de La Quinta Estación) e Javier Llano (xornalista). Neste directo do ano 2015 canta esta balada xunto con Fernando López, o vocalista de Modestia Aparte. Nos 80 e nos 90, cantaba todas as cancións Fernando, agás unhas poucas -entre elas ésta- que interpretou Portu,o batería do grupo madrileño. "Ojos de hielo" será sempre unha das cancións míticas. El foi un dos integrantes de Modestia Aparte na súa primeira época (1987-1992) e moitas das cancións eran composicións súas. Modestia empezou a ser coñecida con este tema en 1989. Grandes Modestia Aparte! Por certo, agora Portu é produtor musical e por el pasaron/pasan artistas como Rozalén, Andrés Suárez ou Efecto Mariposa, entre outros moitos e colaborou con artistas como Joaquín Sabina ou Rosana.


.....................................................

domingo, 8 de decembro de 2019

** Con humor a choiva lévase algo mellor

Máis choiva e máis choiva no país de nunca escampar. Afortunadamente, o debuxante gráfico Luís Davila (que non Dávila ollo!) sempre nos arranca un sorriso coas súas viñetas cheas de humor que, case sempre, están á última no tocante á actualidade. Subo unhas cantas que son boísimas.


sábado, 14 de xullo de 2018

** ¿Festas en Galicia? Para nada...

O gran Luís Davila sempre dá no clavo. Outra cousa non, pero festas en Galicia hai á esgalla. Enumeralas sería laborioso, aínda que moitos lugares repitan bastantes. Mariscos, peixes, cocido, callos (en verán tamén), pan, viños, etc. Sobre todo no verán, pero tamén durante o ano. En Galicia é case máis difícil atopar unha agulla nun pallar que un concello sen unha destas festas típicas...

Así pois, toca divertirse e comer e beber ben. Iso si, con sentidiño, que logo...


sábado, 30 de xuño de 2018

** A catedral branca

Logo de moitos anos en obras, por fin, a Catedral de Santiago se independizou das estadas (andamios para os que non entenden o idioma galego). Hoxe subo a A Lareira Máxica esta foto que quitei desde a alameda. Está un pouco ampliada. Nela pódese ver o lavado de cara e corpo que experimentou o templo. Nin a xente máis vella lembra que estivera tan branca. Xa estabamos moi acostumados a esa cor verdosa e oscura... Iso si, dáme que a obra barata, barata non debeu ser...




domingo, 29 de xaneiro de 2017

** Os muros e os valados da vergoña

Parece mentira que en pleno século XXI aínda haxa xente que pense que é necesario levantar muros para separar países ou comunidades. Se isto, por riba, pasa nun país como Estados Unidos que pretende ser o referente do mundo enteiro (e non o é, por suposto), pois aínda pior. É triste, moi triste, que haxa dirixentes como Donald Trump que estean convencidos dos beneficios dun muro que separa Estados Unidos con México. Xa sei que non é o único muro. Calquera deles supón un derrota da democracia e do respeto á convivencia.


Aínda me lembro daquel 9 de novembro no que, por fin, se derrubou o muro de Berlín e se puxo así fin a unha separación das dúas Alemanias que durou 28 anos. Case nada. Foi un día alegre. Parecía que as cousas empezaban a cambiar no mundo, pero os fantasmas do pasado voltan na era das tecnoloxías. Parece mentira, canto máis avanzamos nunhas cousas, retrocedemos noutras. Ou, noutros casos, non avanzamos.


Iso si, insisto, non é o único muro. Fagamos un pouco de memoria. Outros non son muros propiamente, pero veñen a ser algo moi parecido: o valado de Ceuta e Melilla, sen ir moi lonxe. O malo é que non é a única...


Os muros e as guerras non conducen a nada. O diálogo, o respeto, a democracia e a liberdade, si. O dito, triste, moi triste, que haxa xente que pense que facendo muros se avanza ou se protexe a un país.

...........................................................

sábado, 29 de outubro de 2016

** Un outono amarelo brilante


O outono sobrevoa un ano máis as nosas vidas. Un outono, este, algo diferente. Traveso, moi traveso, pero feitiño. Ata o de agora foi de voda co sol e coas altas temperaturas. Unha combinación explosiva que remata agora. As árbores un ano máis tinguen primeiro as súas follas de amarelo ou vermello e logo quédanse sen cabelo. Para a primavera voltaralles medrar. A estampa podería ilustrarse con centos de fotos. En A Lareira acércovos tan só unha mostra. O frío entra con novembro, unha época idónea para comer as castañas e entrar en calor. Pero sempre con precaución. Non vaia ser… Lembrade que os excesos sempre se pagan...
...........................................................

sábado, 17 de outubro de 2015

** Nacho Mirás, por sempre Rabudo. D.E.P.

O pasado venres espertaba cunha terrible e malísima nova que acontecera o xoves a última hora da tarde: a morte de Nacho Mirás. Nacho loitou contra Casiano, nome co que bautizou ao cáncer que lle diagnosticaron a finais de 2013. A partir de aí transformou o seu blog, rabudo.com, nun auténtico diario dunha persoa que loita contra esa grave enfermidade. Cun bo número deses artigos publicou un libro: "El mejor peor momento de mi vida", un título co que aproveita para dar as grazas a tódalas miles e miles de persoas que o animaron a superar a súa enfermidade. O seu blog e o seu libro convertiuse en todo unha fonte de apoio para xente que, coma el, padecía cancro. E el deu un gran exemplo coa súa excelsa loita.


A Nacho coñecino por casualidade cando empezaba nisto dos blogs, alá por maio de 2006. Foi un gran referente e eran moi habituais as miñas visitas ao rabudo.com. É unha gozada ler a un pedazo xornalista que, ademais, escribe divininamente. Nacho definíase como un contador de historias, de historias das cousas pequenas. Eu sempre lle dicía que eran as que importaban. E abofé que así é. Lembrarémolo sempre como un xornalista de raza, un auténtico xornalista. Os seus artigos e o seu libro permanecerán para sempre. Xa quixeran moitos chegarlle a sola do pé.


Sobre Nacho Mirás escribín tres veces en A Lareira Máxica e os comentarios del en A Lareira Máxica eran todo un honor. E máis aquel artigo que me adicou no seu blog como agradecemento. Sorprendemeume e fíxome moita ilusión. Non facía falta, pois todo o que escribín escribino porque el merecíao. Sempre me chamou a atención a súa cercanía e bondade. De igual xeito o seu gran amor polo traballo e o ben que dominaba a arte de escribir: as súas letras entrelazadas nos artigos pelexaban por esculpir verdadeiros textos literarios, coidadosamente mesturados de ironía galega. Todo para pintar un cadro de grandes cousas pequenas. Cando parecía que as historias de Nacho non se podían mellorar, sempre sacaba unha mellor no seu blog. E no xornal, as súas entrevistas aos luns no xornal La Voz de Galicia eran o mellor. Grandiosa esa "Cara B" na contraportada do xornal dos luns. Non me cansarei de dicilo: os seus artigos e entrevistas están moi ben escritos, son coma os anxos. De igual modo tamén o lembrarei por ser un gran redactor multimedia total.


Fixo hoxe xusto un ano asistín a un espectáculo doutros dous cracks, neste caso do mundo do humor, aos que admiro: Carlos Blanco e Luís Davila. Non imaxinei que Nacho estaría alí, pero así era. Cando rematou puiden coñecelo en persoa. Foi unha gran alegría pois nunca ata ese momento tiveramos a oportunidade de falar fisicamente (si a través dos nosos respectivos blogs e grazas ás novas tecnoloxías e redes sociais puidemos forxar unha boa amizade). Xamais esquecerei o 17 de octubre de 2014. Ese día fundímonos nun abrazo pois a alegría era dobre: eses días Nacho gañáralle unha batalla a Casiano. Foi todo un detallazo que fora buscar a Carlos Blanco para que logo quitase un selfie dos tres xuntos: Nacho, Carlos e un servidor. E porque Luís Davila estaba ocupado firmando libros que senón íamos saír os catro. Pouco faltou para que Nacho o fora buscar pois sabía que tamén o admiraba. A foto do selfie que nos quitou Nacho gárdoa como ouro en paño. A xente que me coñece ben sábeo. Esa noite foi inesquecible e é tan só unha pequena mostra do boa persoa, da modestia e da cercanía que desprendía este amigo.


Casualidades do destino, xusto un ano despois Nacho foi incinerado. Cruel morte que Nacho en absoluto merecía. Era moi novo, contaba tan só 44 anos. O meu pésame á súa muller, a xornalista Ainhoa Apestegui, aos seus fillos Ane e Mikel, aos seus pais Pepe e Toñita, e a toda a súa familia. Aínda lembro aquela noite de 2006 no que lle entregaron o Premio Galicia de Comunicación e que el llo adicou á súa familia. Era imposible non emocionarse ao facerlle a adicatoria. Un gran ser humano Nacho.


Foise un gran xornalista, un magnífico profesor, un mago das palabras entrelazadas, un contador de historias pequenas pero moi importantes, un fenomenal gaiteiro, un amante das vespas, unha gran persoa en definitiva: honesta, modesta, traballadora, humana, afectiva, e rabuda, un adxectivo co que a el lle gustaba definirse.


Podería seguir escribindo moito sobre el, e todo sempre moi bo, pois abofé que o gañou... Voute estranar moitísimo Nacho. A modo de despedida, quero poñer en A Lareira Máxica unha das cancións que lle gustaba moito: "Runaway" de Del Shannon. Descansa en Paz, amigo Nacho. Foi todo un pracer terte como amigo. Como ben di o xornalista Félix Soria: "Nacho Mirás se ha convertido en un bien que muchos jamás olvidaremos". Como sempre, Félix dá no cravo.
...........................................................
Julio Torres



__________________________________________
ARTIGOS RELACIONADOS:

** 02-03-2007 Un blog moi literario + unha letra moi pegadiza
** 15-04-2008 O xornalista Nacho Mirás pecha o seu blog
** 15-04-2009 O xornalismo das historias pequenas



martes, 6 de outubro de 2015

** Luís Merlo ficha por "La que se avecina"

Luís Merlo era un dos personaxes de "Aquí no hay quien viva" (interpretou a "Mauri") que todavía non aparecera na súa serie sucesora: "La que se avecina". Pois ben, estes dias enterámonos que o actor madrileño vai estar na vindeira tempada. Outra incorporación será a de Miguel Rellán. Pola contra, vanse da serie Luís Miguel Seguí ("Leo") e María Adánez ("Rebeca"). Esta última foi outra das que estivo nas dúas series.

Coido que ao final senón todos os máis destacados estiveron nalgún capítulo. Dos máis destacados de "Aquí no hay quien viva" soamente Daniel Guzmán (agora metido a director de cine e que facía de escritor de cómics e que foi o primeiro noivo da "pija"), Diego Martín (que facía de fillo de pai rico e que foi o segundo mozo da "pija") ou Loles León non apareceron en "La que se avecina". Parece ser que existen conversas con Loles León, para que sexa outra das incorporacións.

¿Que novidades haberá máis nesta próxima tempada? Todo ao seu tempo...

mércores, 25 de marzo de 2015

** Pedro Reyes

O humorista Pedro Reyes deixounos. Hoxe moitos medios lembran a súa figura e traxectoria. Recordo cando saía en La Bola de Cristal (1984-1988) con Pablo Carbonell, a súa parella artística por aquel entón. Eles dous protagonizaban "La Cuarta Parte" neste mítico programa.

A súa fala, o seu bigote e o seu pelo, xunto coa súa forma de facer humor son incondubibles (aínda me lembro en "No te ríes que es peor, a comezos dos anos 90, onde era un fixo, xunto con outros compañeiros del como Marianico el Corto ou o Sr. Barragán). 53 anos. Abofé que morre moi novo Pedro Reyes. DEP.

Remato cunha vídeo lembranza e tamén o artigo que escribín no seu día sobre La Bola de Cristal. Por certo, que non sei porque pero un actor que me lembra a el, en parte, é Alex O´Dogherty. ¿Será pola súa forma de falar e porque ambos son andaluces? É posible.




...........................................................

martes, 23 de decembro de 2014

** Cos mellores desexos

Aínda que non son o Rei, por noveno ano consecutivo e coa chegada destas entrañables datas, quero desexarvos ós e ás colaboradores/as e seguidores/as de A Lareira Máxica un Nadal, así como un 2015 moi bo no que a felicidade vos asolague en tódolos aspectos e áreas da vida. Moitas grazas por estar sempre aí.

De igual xeito quixera ter unha lembranza moi especial para aquelas persoas que non o están pasando ben por motivos de saúde, traballo, etc. O mesmo para as que perderon a seres queridos. Este días días constitúen unha durísima proba polo que conlevan as ausencias dos que xa non están connosco.

Dúas últimas cousas:
1- O Nadal non debe ser consumismo e regalos, senón unha época para pasar en familia, na compaña dos seres queridos e dos bos amigos. O verdadeiro regalo son as persoas que nos aprecian e ás que nos apreciamos.
2- O espírito navideño está moi ben, pero de pouco vale instauralo agora se o resto do ano o abandoamos. Debemos adoptalo os 365 días do ano. Non só no Nadal.

....................................

Julio Torres

venres, 19 de decembro de 2014

** Os 25 anos de Floreano

Floreano,o personaxe do humorista gráfico Gogue, cumpre 25 anos connosco. De aspecto moito maior e coa súa inconfudible boina, Floreano é un bo amante do viño e da xoldra. Longa vida a Floreano e longa vida ó humor gráfico galego con debuxantes gráficos tan bos como Davila, Gogue ou o Carrabouxo, entre outros. Rir sempre é bo para a saúde, pero non sempre é doado. Grazas!!

....................................................
Julio Torres

xoves, 11 de setembro de 2014

** O vermello xa non é sinónimo de éxito

O vermello parece que cotiza á baixa. O Ferrari de Fernando Alonso cada vez corre menos, presidente dese equipo vermello dimite onte. E tamén onte a ÑBA, a selección española, a vermella, caeu eliminada nos cuartos de finais do Mundial de baloncesto que se disputa en España. A mellor selección que nunca tivo España caeu sorprendentemente eliminada logo dun partido malísimo no que nunca estivo dentro. Atrás queda aquel Mundial que gañaron no 2006, poucos meses despois do nacemento de A Lareira Máxica.

E falando de vermella, o equipo de España de fútbol tamén está en horas baixas, logo de quedar eliminada na primeira fase do Mundial de fútbol de Brasil no mes de xuño deste ano. Outro magnífico combinado que dificilmente se repetira e que conquerira en 2010 o Mundial de fútbol de Sudáfrica. Agora está de renovación e figuras ilustres como Puyol, Xavi, Xabi Alonso ou Villa xa dixeron adeus á selección.


Lonxe queda aquel mes de agosto de 2010 no que chegamos a ser os vixentes campións do Mundial de fútbol e do Mundial e do de baloncesto, e no que, asemade, eramos os daquela actuais campións por seleccións da Eurocopa de fútbol, así como da Eurocopa de baloncesto. Catro títulos en catro competicións distintas, algo que estou seguro que xamais voltará a acontecer.

O dito, o vermello non vive os seus mellores momentos na actualidade. O globo vermello pinchouse ou, cando menos, perdeu aire...

...........................................................
Julio Torres

venres, 25 de xullo de 2014

** 25 de xullo: Galicia celebra o seu día

H oxe é o día de Galicia. Nos 8 anos que ten A Lareira Máxica acabo de decatarme de que nunca puxera o himno galego e Galicia posúe un himno cunha letra e unha música moi bonitas. O himno galego conxuga o poema "Os pinos" de Eduardo Pondal cunha composición musical de Pascual Veiga.O nome de Galicia non figura no poema, sendo substituído por fogar de Breogán. Foi interpretado por primeira vez en 1907 na Habana (Cuba).

Aínda que existen diversos vídeos, vouvos poñer dous: un é cantado e tamén subtitulado, e outro subtitulado, pero no que so se escoita a música. Anímovos a escoitalos enteiros. Non me diredes que non podemos presumir de himno!!. É 25 de Xullo, o día de Galicia. Festivo na nosa terra. Viva o galego, viva Galicia!!!

----------------------------------------------
Julio Torres


HIMNO GALEGO

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?


Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.


Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
máis sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, onde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.