Gústame o outono, moito. Eu tamén teño gañas de outono Os colores do outono non teñen rival. O outono, que para moita xente é unha estación triste e melancólica, regálanos unhas imaxes dunha beleza extraordinaria, soamente comparable coa beleza da primavera.
Alégrame a chegada do outono, é tempo de comezar actividades, tempo de estrear zapatos e xerseis. Isto ten que ser unha reminiscencia da miña época de estudante, que foi longa, moi longa. Xa se sabe, somos dunha xeración “moi preparada”. É máis, sempre hai cousas novas que aprender.
O que máis me gusta do outono é dar un paseo pola tarde e pisar as follas secas ó meu paso. O sol, nesta estación, é manso e agradécese, nada que ver co sol castigador do verán. Se chove non importa, pódese quedar na casa e disfrutar dunha conversa a carón dun té ou dun café ben quentiños. Sempre hai unha película por descubrir ou un libro por terminar. A chuvia peta no cristal da ventá, da igual, hoxe non hai que saír. So me falta unha lareira de verdade, menos mal que alguén tivo a idea de crear esta lareira virtual. Quentar, o que se di quentar, quenta pouco; pero máxica, o que se di máxica, si que é. Ten a maxia de todos os sonos que se forxaron á beira do lume nunha noite de inverno.
O ciclo da natureza repítese outra vez máis, as árbores despréndense da súa vestimenta para facerlle fronte o inverno espidos. Na próxima primavera, alá polo mes de marzo, han de florecer e volveremos a deleitarnos coa sinxela beleza dunha póla cuberta de floriñas. As mimosas son as máis adiantadas e xa florecen antes, en febreiro. Seino ben, ei de pasar un mes tusindo pola culpa do seu polen.
UN RELATO ESCRITO POR:
AlvariñoColaborador habitual de
A Lareira Máxica