Amosando publicacións coa etiqueta Medios de Comunicación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Medios de Comunicación. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de xuño de 2020

** Os venres negros dos traballadores/as da Radio e da Televisión de Galicia

Seguro que moita xente non o sabe. Na RTVG existe algo que se chaman os “Venres Negros”, que o propio medio oculta nos informativos. Un grupo importante de profesionais que traballan na RTVG maniféstanse todos os venres vestidos con roupa negra. Isto acontece desde o 25 de maio de 2018. Denuncian a manipulación informativa da que é obxecto a RTVG. Ademais, reclaman o cumprimento da Lei de Medios aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor.

As principais cuestións que solicitan son a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento de Galicia e a creación do Consello de Informativos. A función deste último sería promover a obxectividade das novas e que non sexa partidista na elección e tratamento das novas. En RTVE xa existe.

En definitiva, os profesionais piden, basicamente, a independencia profesional do goberno de turno. ¿Por qué, entón, non se lles fará caso? ¿Por que non existe unha verdadeira independencia da RTVG, o único medio de comunicación público galego?

...........................................................

xoves, 4 de xuño de 2020

** A TVG con publicidade en castelán

A TVG creouse en 1985. Pasaron, pois, 35 anos. Ao principio toda a publicidade emitíase toda en castelán. Despois empezou a emitirse xa algunha en galego. Varias décadas despois a situación non mudou. Só que agora en lugar dunha canle autonómica pública tesmos dúas: a TVG e a G2. Non obstante, máis da metade segue emitíndose en castelán. Xa sei que hai intereses económicos detrás (o poder dos anunciantes).

Pregúntome: ¿un medio público non deberá apostar por emitir toda a publicidade en galego? ¿A mellor forma de defender o galego é esta? ¿Non é a difusión do idioma e da cultura galega un dos sentidos dun medio de comunicación galego público? ¿Canto tardará a TVG en emitir todos os anuncios comerciais no idioma galego?.

E xa que estamos ¿por qué os xornalistas da RTVG falan tan mal o galego?. De de todos é sabido que a meirande parte é castelán falante que só fala o galego cando traballa. Isto é respetable, pero quizais se debera valorar máis o coñecemento, léxico e fonética na contratación e promoción ra dos profesionais, así como a formación do idioma galego.

Falar mal o galego contribúe a que quen o escoite, como mínimo, se contamine e siga o seu exemplo. Exempolos son os pronomes mal colocados, castelanismos, hipergaleguismos, ….

...........................................................

sábado, 13 de xullo de 2019

** Cousas que pasan...

O ano pasado foi un ano de perdas materiais: primeiro a do o meu correo electrónico e, pouco despois, a do número de teléfono "de toda a vida". Nada grave, pero si moi molesto, pero son cousas que pasan... Coido que se botara a lotería primitiva ata me tocaba o bote...

Con todo, o pior foi que, por un lado, estas perdas involuntarias propiciaron a de bastantes contactos telefónicos e electrónicos vinculados e, por outro,ter que cambiar o meu novo número de móbil en moitas entidades públicas. Nin vos imaxinades. Por sorte, o mal trago xa está superado. Iso si, ao principio ata tivo algún beneficio: despois de anos e anos non recibía chamadas de spam comercial no meu novo número de teléfono! Esa alegría antispam durou soamente uns meses, pero foi algo. Non todo ían ser malas novas.

Así que tede coidado e non perdades nin teléfonos nin contas de correo electrónicos.

Carpe diem

sábado, 15 de setembro de 2018

** Manipulación Vs liberdade de expresión nos medios

A liberdade de expresión é un dos dereitos que recolle a Constitución de 1978. Para a xente nova pode parecer un dereito máis, que apenas custou conseguilo, e non darlle a gran importancia que posúe. Os xornalistas sabemos ben o pilar importante que supón para a nosa profesión

Porén, tamén é indispensable para calquera persoa. Hai varias décadas, cando non había democracia, a liberdade de expresión non existía como tal. Como todo nesta vida, soamente se pode apreciar o que se ten cando antes non se tivo, ou cando antes se tivo e agora non.

Ollo. Nos medios de comunicación a liberdade de expresión non debería confundirse coa obxectividade. Para que haxa obxectividade ten que haber liberdade de expresión, pero que haxa liberdade de expresión non implica obxectividade. De feito, case ningún medio de comunicación é obxectivo, cando debería selo, ou polo menos tender a selo. Case sempre ten intereses, nomeadamente políticos. Por algo se di que os medios de comunicación son o cuarto poder. E abofé que así é. ¿Ou alguén se atreve a dicir o contrario?.



A ética require contrastar información e non ser parciais ou disfrazar novas. Debera imperar este noble valor e non o amarillismo nin o partidismo (sexa da parte que sexa). Sexamos realistas: non é así. Os medios de comunicación deben informar pero informar con rigor, seriedade e tentar se imparciales. Son moitos os profesionais que traballan en medios onde lles din o que deben ou o que non deben de publicar, ou de que deben ou non deben falar, ou o tempo ou o espazo que lle deben dar a cada noticia. A manipulación existe. Está aí. Hai xente sen valores que se aproveita da súa posición e das necesidades alleas para manipular. Xogan co medo e coas represalias aos profesionais. Iso é indigno. Seguramente os colexios de xornalistas poderían escribir un libro sobre iso.

O tema é serio, non é baladí. ¿Qué nos toca a nós como lectores, televidentes, oíntes?. Pois non crernos todo o que nos din. Procurar contrastar o que nos contan. O que deberían facer os xornalistas pero que non realizan porque non queren, non lles interesa, ou, simplemente, porque non lle deixan… Iso si, tampouco pensemos que é só culpa dos xornalistas… E chapeau para aqueles xornalistas que, podendo facelo, dimiten porque teñen principios e valores alleos ao titiritismo. Por desgracia, as circunstancias persoais e familiares de cada un, non sempre permiten abandoar un traballo.

Acostumémonos a non fiarnos do primeiro que lemos, vemos ou escoitemos. Non sexamos persoas hipnotizadas e idiotizadas. Procuremos recabar outras versión, informarnos en varios medios e despois quitar as nosas propias conclusións. E aínda así, podemos non obter tódalas versión que existen. Hai que atopar puntos de vistas contrarios, empaparnos do que din e logo reflexionar. Non nos creamos o primeiro que nos din. Non deixemos que pensen por nós. Porque iso é o que se pretende. Non sexamos loros, pensemos. Por algo temos cerebro. Porque temos cerebro, ¿ou non?...

...........................................................

JULIO TORRES
Editor de A Lareira Máxica

sábado, 20 de maio de 2017

** Películas sen liñas de crédito finais

Xa está demasiado estendida a práctica televisiva de cortar as liñas de crédito finais das películas. Sei que poden duran varios minutos, pero é unha parte máis da cinta.

Esta moda principiou nas televisións privadas (sobre todo Tele 5) na década dos 90 e TVE adoptouna desde hai uns anos. Non comparto que tan pronto remata a imaxe da película apenas se deixen uns segundos para estas liñas, onde sae información dos actores e demais persoas que interviron na película dunha ou doutra forma, ademais doutra información (como pode ser, por exemplo, a música que se utilizou). Considero que debían deixarse enteiras, tal e como se fai no cine.

Doutro lado, paréceme lamentable que TVE recolla unha mala praxe das teles privadas. Suponse que unha televisión pública non debería entrar nisto e respetar as liñas de crédito finais. Digo eu que para iso e unha televisión pública. Pero claro, tampouco é a única práctica nada ética de TVE, pois tamén burla a normativa de non poñer publicidade cunha inxente cantidade de patrocinadores, que medran cada vez máis, e que non son senón publicidade demasiado descuberta. É penoso todo isto...


...........................................................

domingo, 24 de abril de 2016

** Lembranza nos Premios Mestre Mateo

Da cerimonia de entrega dos Premios Mestre Mateo voume lembrar sempre non dos premios que se entregaron nin da película que tivo máis estatuíllas, senón da lembranza que tiveron do amigo Nacho Mirás, que finou vítima dun cancro en octubro de 2015. O seu recordo emocionoume.


Dúas imaxes de Nacho ilustraron a súa memoria: el de neno tocando a gaita e outra da súa época de blogger apoido sobre unha sinal de madeira (que é a mesma que acompaña este artigo como xa o fixera tamén en ALM 0 15-04-2008). Esta última imaxe durou bastantes segundos e foi unha merecida homenaxe a este xenio de xornalismo.

Pasaron algo máis de 6 meses da súa morte, pero a súa figura endexamais se olvidará. Gran persoa e gran xornalista. Puñetero Casiano que o levou... Alá onde esteas, amigo Nacho, o teu recordo sempre estará connosco. E na ALM tamén, amigo.

...........................................................
Julio Torres

domingo, 6 de marzo de 2016

** Javier Gómez, aquel home do tempo da Sexta...

Mira que boto en falta esa forma tan humorística de dar as novas do tempo de Javier Gómez, ese xornalista metido a home do tempo ocurrente e gracioso que deu o tempo en La Sexta ata o ano 2011. Despois fichou por "Al Rojo Vivo" e agora por "La Sexta Columna", na mesma cadea. El mesmo recoñecía que tentaba facelo o máis entretido posible, aínda que ás veces non puidera ser entendido. A min gustábame. Polo menos, que as malas novas do tempo tiveran nos fixera rir...


sábado, 5 de marzo de 2016

** A casa de Bertín múdase

Bertín Obsborne non seguirá co seu programa "En la tuya o en la mía", tal como informa o xornal la Vanguardia. A pesar diso, emitiranse catro progrmas que xa ten gravados con Juan Y Medio, Bibiana Fernández, Pedro J. Ramírez e a súa muller, e outro con Lola Herrera. Cabe lembrar que algúns dos seus programas foron moi criticados. Dous deles foron o de Iler Casillas e Sara Carbonero, e o de Carmen Martínez Bordiu.

sábado, 21 de novembro de 2015

** Manipulaciòn informativa

Aconséllovos que leades este interesante artigo do xornalista Féliz Soria que, coma sempre, dá no allo. Titúlase:"Desconfíe de los portadores de la Verdad". Tomade nota, porque di algo que é moi certo.

sábado, 17 de outubro de 2015

** Nacho Mirás, por sempre Rabudo. D.E.P.

O pasado venres espertaba cunha terrible e malísima nova que acontecera o xoves a última hora da tarde: a morte de Nacho Mirás. Nacho loitou contra Casiano, nome co que bautizou ao cáncer que lle diagnosticaron a finais de 2013. A partir de aí transformou o seu blog, rabudo.com, nun auténtico diario dunha persoa que loita contra esa grave enfermidade. Cun bo número deses artigos publicou un libro: "El mejor peor momento de mi vida", un título co que aproveita para dar as grazas a tódalas miles e miles de persoas que o animaron a superar a súa enfermidade. O seu blog e o seu libro convertiuse en todo unha fonte de apoio para xente que, coma el, padecía cancro. E el deu un gran exemplo coa súa excelsa loita.


A Nacho coñecino por casualidade cando empezaba nisto dos blogs, alá por maio de 2006. Foi un gran referente e eran moi habituais as miñas visitas ao rabudo.com. É unha gozada ler a un pedazo xornalista que, ademais, escribe divininamente. Nacho definíase como un contador de historias, de historias das cousas pequenas. Eu sempre lle dicía que eran as que importaban. E abofé que así é. Lembrarémolo sempre como un xornalista de raza, un auténtico xornalista. Os seus artigos e o seu libro permanecerán para sempre. Xa quixeran moitos chegarlle a sola do pé.


Sobre Nacho Mirás escribín tres veces en A Lareira Máxica e os comentarios del en A Lareira Máxica eran todo un honor. E máis aquel artigo que me adicou no seu blog como agradecemento. Sorprendemeume e fíxome moita ilusión. Non facía falta, pois todo o que escribín escribino porque el merecíao. Sempre me chamou a atención a súa cercanía e bondade. De igual xeito o seu gran amor polo traballo e o ben que dominaba a arte de escribir: as súas letras entrelazadas nos artigos pelexaban por esculpir verdadeiros textos literarios, coidadosamente mesturados de ironía galega. Todo para pintar un cadro de grandes cousas pequenas. Cando parecía que as historias de Nacho non se podían mellorar, sempre sacaba unha mellor no seu blog. E no xornal, as súas entrevistas aos luns no xornal La Voz de Galicia eran o mellor. Grandiosa esa "Cara B" na contraportada do xornal dos luns. Non me cansarei de dicilo: os seus artigos e entrevistas están moi ben escritos, son coma os anxos. De igual modo tamén o lembrarei por ser un gran redactor multimedia total.


Fixo hoxe xusto un ano asistín a un espectáculo doutros dous cracks, neste caso do mundo do humor, aos que admiro: Carlos Blanco e Luís Davila. Non imaxinei que Nacho estaría alí, pero así era. Cando rematou puiden coñecelo en persoa. Foi unha gran alegría pois nunca ata ese momento tiveramos a oportunidade de falar fisicamente (si a través dos nosos respectivos blogs e grazas ás novas tecnoloxías e redes sociais puidemos forxar unha boa amizade). Xamais esquecerei o 17 de octubre de 2014. Ese día fundímonos nun abrazo pois a alegría era dobre: eses días Nacho gañáralle unha batalla a Casiano. Foi todo un detallazo que fora buscar a Carlos Blanco para que logo quitase un selfie dos tres xuntos: Nacho, Carlos e un servidor. E porque Luís Davila estaba ocupado firmando libros que senón íamos saír os catro. Pouco faltou para que Nacho o fora buscar pois sabía que tamén o admiraba. A foto do selfie que nos quitou Nacho gárdoa como ouro en paño. A xente que me coñece ben sábeo. Esa noite foi inesquecible e é tan só unha pequena mostra do boa persoa, da modestia e da cercanía que desprendía este amigo.


Casualidades do destino, xusto un ano despois Nacho foi incinerado. Cruel morte que Nacho en absoluto merecía. Era moi novo, contaba tan só 44 anos. O meu pésame á súa muller, a xornalista Ainhoa Apestegui, aos seus fillos Ane e Mikel, aos seus pais Pepe e Toñita, e a toda a súa familia. Aínda lembro aquela noite de 2006 no que lle entregaron o Premio Galicia de Comunicación e que el llo adicou á súa familia. Era imposible non emocionarse ao facerlle a adicatoria. Un gran ser humano Nacho.


Foise un gran xornalista, un magnífico profesor, un mago das palabras entrelazadas, un contador de historias pequenas pero moi importantes, un fenomenal gaiteiro, un amante das vespas, unha gran persoa en definitiva: honesta, modesta, traballadora, humana, afectiva, e rabuda, un adxectivo co que a el lle gustaba definirse.


Podería seguir escribindo moito sobre el, e todo sempre moi bo, pois abofé que o gañou... Voute estranar moitísimo Nacho. A modo de despedida, quero poñer en A Lareira Máxica unha das cancións que lle gustaba moito: "Runaway" de Del Shannon. Descansa en Paz, amigo Nacho. Foi todo un pracer terte como amigo. Como ben di o xornalista Félix Soria: "Nacho Mirás se ha convertido en un bien que muchos jamás olvidaremos". Como sempre, Félix dá no cravo.
...........................................................
Julio Torres



__________________________________________
ARTIGOS RELACIONADOS:

** 02-03-2007 Un blog moi literario + unha letra moi pegadiza
** 15-04-2008 O xornalista Nacho Mirás pecha o seu blog
** 15-04-2009 O xornalismo das historias pequenas



martes, 6 de outubro de 2015

** Luís Merlo ficha por "La que se avecina"

Luís Merlo era un dos personaxes de "Aquí no hay quien viva" (interpretou a "Mauri") que todavía non aparecera na súa serie sucesora: "La que se avecina". Pois ben, estes dias enterámonos que o actor madrileño vai estar na vindeira tempada. Outra incorporación será a de Miguel Rellán. Pola contra, vanse da serie Luís Miguel Seguí ("Leo") e María Adánez ("Rebeca"). Esta última foi outra das que estivo nas dúas series.

Coido que ao final senón todos os máis destacados estiveron nalgún capítulo. Dos máis destacados de "Aquí no hay quien viva" soamente Daniel Guzmán (agora metido a director de cine e que facía de escritor de cómics e que foi o primeiro noivo da "pija"), Diego Martín (que facía de fillo de pai rico e que foi o segundo mozo da "pija") ou Loles León non apareceron en "La que se avecina". Parece ser que existen conversas con Loles León, para que sexa outra das incorporacións.

¿Que novidades haberá máis nesta próxima tempada? Todo ao seu tempo...

domingo, 23 de agosto de 2015

** ¿Cal é a ideoloxía dos medios de comunicación?

Cando nos informamos debemos ter sempre presente que a información nunca vai ser obxectiva, se ben hai nuns medios que se nota moito máis ca noutros. No artigo (alleo a A Lareira Máxica) "Quién manda en los medios de comunicación" podedes atopar un listado de medios de comunicacións e das súas posibles ideoloxías. Resulta moi interesante a súa lectura.


Lembrade que sexa cal sexa o medio nunca se debe tomar como verdade absoluta o que nel se diga. Cómpre comparar o que se informa nos diferentes medios, ter en conta as ideoloxías que os sustentan e logo extraer as nosas conclusións. Sempre hai que contrastar ben a información e non deixarse levar polo primeiro que vemos, oímos ou lemos.

venres, 26 de xuño de 2015

** Cancelan para todos la 2

TVE deixará de emitir a partir de xullo o programa divulgativo "Para todos la 2" ao parecer pola súa baixa audiencia. Oi programa emítese polas mañás na segunda cadea e repítino polas tardes sobre as 19:00 horas. Para os que nunca vístesde o programa, convídovos a que o fagades na web de RTVE ou premendo no enlace do principio da noticia.

É unha moi mala nova logo de 5 anos de emisión. Coido que era do pouco que era interesante na tv. O programa está presentado por Juanjo Pardo e Marta Cáceeres e contén entrevistas con persoas do mundo da cociña, dietética, psicoloxía, filosófía, educación, música, literatura e moitos outros ámbitos. Información de interese.

Por desgraza, xa se sabe que o que non dá audiencia non é rendable para as cadeas. O que non se entende é que esta cadea chámase TVE, unha tv pública e non é unha tv privada. Viva Gran Hermano e os realities que forman e informan...

mércores, 26 de novembro de 2014

** Magnum

Magnum foi unha das series míticas alá polos anos 80 e unha das primeiras que puidemos ver na TVG. Coido que aquelas dobraxes ó galego coas frases míticas de Higgins: "Oh meu Deus!!"ou "Zeus, Apolo" (cando chamaba polos cans) ou as divertidas tramas nas que se vía envolto Thomas Magnum (Tom Sellek) marcaron unha época. E a sintonía de entrada é inconfundible...

...........................................................
Julio Torres

sábado, 4 de outubro de 2014

** As porcentaxes que xogan ó despiste

Houbo un tempo no que se as gasolinas e gasóleos subían unha peseta (para os máis novos: sería menos dun céntimo actual) xa era motivo de apertura dos telexornais e informativos. Hoxe xa poden incrementarse cinco céntimos dun día para outro, que non será motivo para principiar programa algún. Pero non so é iso, de hai uns anos para aquí en lugar de falarse de que suben ou baixan tantos céntimos, so se fai referencia á porcentaxe de subidas ou baixadas. Dame a sensación de que se quere enganar á poboación para que pense que suben menos os carburantes. Afortundamente a xente -polo menos unha gran parte- non se deixa enganar facilmente. Deberíase falar de céntimos e non de porcentaxes que xogan ó despiste. A imaxe que ilustra este artigo foi tomada hai case un ano. Nembargantes, as cousas non mudaron. As informacións séguense dando de xeito interesado para que non cunda o pánico.


Por certo: cando se din prezos sempre se da a media estatal ou a de Madrid, pero en Galicia sempre son máis caros. E é que en Galicia, paradoxicamente, é unha das comunidades cos soldos máis baixos de España pero a que ten un custe máis alto dos combustibles. ¿Enténdeo alguén?


A información sobre os prezos dos carburantes, como acontece cos datos do paro, préstase a manipulacións e maquillaxes que tenden a restarlle importancia a cousas que sí a teñen, e mesmo a sacar unha nimiedade positiva de tremendas cifras e datos negativos. Cómpre non deixarse enganar...


...........................................................
Julio Torres

xoves, 31 de xullo de 2014

** ¿Quen ten o mando?

J. R. Mora deu no cravo debuxando esta viñeta de humor. Xa ten un tempo (cando antes do verán pecharon 9 canais da TDT) pero non deixa de ser actual. As tornas non sempre son o que parecen e nesta imaxe reflíctese de xeito maxistral. So resta por preguntar: en realidade ¿quen ten o mando?...

Lembrade que podedes acceder á bitácora de humor gráfico de J.R.Mora a través de "A Eira dos Blogs" en A Lareira Máxica. Visita moi aconsellable ó seu blog.
...............................
Julio Torres

venres, 27 de xuño de 2014

** O verán de 2014 voltará ser azul...

Tve voltará a repoñer este ano a mítica serie Verano Azul, a cal lembramos en A Lareira Máxica no seu día para saber qué acontecera cos seus protagonistas e qué facían no ano 2006 . TVE fixo pública hoxe esta nova, se ben non comunicou data de inicio de emisión. Soamente se sabe que será por La 2. Chanquete, Tito, Piraña, Javi, Pancho, Desi, Bea, Quique e Julia están de volta. Nos principios da década dos 90 chegouse a reemitir varias veces. A útima no ano 95. Xa pasaron 19 anos desde entón. A primeira vez que se botou foi en outono de 1981. Case nada...

..........................................................
Julio Torres

sábado, 12 de outubro de 2013

** Infomativos tripitidos ó unísono

Hai cousas que non se entenden. É o caso de TVE que a partir de setembro decidiu dar en directo os seus informativos tanto en La 1 coma no canal TVE en Hd e tamén no de Canal 24 horas. Os tres de xeito simmultaéneo. A opción en HD pois pódese aceptar: que as persoas que teñen un televisor con HD poidan ver un informativo en alta definición, aínda que a alta definición non implique necesariamente unha alta calidade do contido...

O que é a todas luces incompresible e que tamén se vexa en directo nunha terceira vía: O Canal 24 horas. Ata hai pouco víanse os telediarios en diferido no 24 horas cunha media hora de retraso. Iso era moi comprensible: unha oportunidade de visionalo para que as persoas que non poden velo a unha hora véxano noutra. Agora non, agora non se pode ver en diferido senón emiten ós telediarios en directo á mesma hora en TVE e no Canal 24 horas a un tempo (e tres se contamos o de HD). Absurdo. Para facer iso mellor que deixen o telediario no Canal 24 horas e boten en La 1 outra programación (incluso poden botar man do archivo histórico de TVE para encher ese oco, a custo cero ou case cero). Xa se sabe que o sentido común é o menos común dos sentidos...

.....................................................................................................................................
Julio Torres

martes, 6 de agosto de 2013

** Cúmprense hoxe 15 anos daquel 6 de agosto de 1998...

Hai 5 anos publicaba un artigo no que relataba a miña experiencia de prácticas como xornalista en Radio Voz Vigo no verán de 1998. Daquela, e trala publicación do artigo, varias foron as persoas que me pedían un audio meu pois saían tódalos compañeir@s cos que estiven pero non a voz dun servidor. Non quixen poñelo. Dábame un pouco de reparo.

5 anos despois sí vou subir un pequeno fragmento dos titulares. O outro día repasando as miñas grabacións daquela época atopeime co meu estreo coma presentador principal dos informativos. Foi tal día coma hoxe hai 15 anos. Era un 6 de agosto e facía moitísima calor na cidade. Tanto era o traballo que so puidemos ir media horiña á praia logo de xantar. Dada a singular efeméride que se cumpre hoxe, será a primeira vez que se escoite a miña voz en A Lareira Máxica. Tamén vos advirto que non foi precisamente a miña mellor locución. Desde aquí aproveito para mandarlles un novo saúdo a tódol@s persoas coas que tiven o gusto de traballar. Pasa o tempo, pero é imposible olvidar a tan boa xente. ¡¡Moitas gracias amig@s!!




.....................................................................................................................................
SANXENXO. Julio Torres

xoves, 13 de xuño de 2013

** Un adeus a un grande: "Pico"


SANXENXO. jULIO tORRES

Hai noticias tristes, desas que nunca gustaría dalas. A morte dun dos grandes do humor galego, o actor Xosé Manuel Olveira "Pico" (apodo afectuoso co que era moi coñecido na escena galega) é unha mostra. Teatro, cine e televisión, un medio éste último onde chegou a ser moi coñecido por series como "Pratos Combinados" (facía de avogado), "Mareas Vivas" (estivo nas dúas primeiras tempadas intepretando a un cura que ó final se quedaba en cadeira de rodas), e máis recentemente en "Padre Casares", na que daba vida ó bispo. Tamén foi presidente da Asociación Galega do Audiovisual.

Coido que o vin unha vez por Santiago. Non o coñecía, pero deixa tras de si unha aurea de persoa campechana e boa, amais de ser un gran profesional. E niso coinciden os seus compañeir@s de profesión, e non agora que morreu, senón xa de antes. O último recoñecemento foi na entrega dos Premios Mestre Mateo. Aínda que coido que non estaba premiado recibiu o apoio dos sesu compañeir@s de profesión. Ese día non recordo qué actor o nomeou e falou que o estaba pasando mal a nivel de saúde. A ovación de ánimo e apoio foi grande. Un recoñecemento non so son os premios senón o sentirse querido e respetado pola xente e, en especial, polos seus amig@s e polos compañeiros de profesión.

Nunca olvidarei o seu sentido do humor e o moito que nos fixo rir. Gracias por tódolos bos momentos que nos fixestes pasar.

Non é a única morte de persoaxes famosos e tamén respetados e apreciados pola xente. A nivel nacional hai poucas semanas morreron o gran Alfredo Landa, e tamén o presentador e dobrador Constantino Romero, dúas grandes figuras do cine e da televisión, cada un no seu eido. Descansen os tres en paz.


.....................................................................................................................................
ENLACE: Entrevista do xornalista Nacho Mirás a Xosé Manuel Olveira "Pico" publicada na Voz de Galicia o 02/02/2009 na sección "La Cara B" (contraportada)