xoves, 25 de xuño de 2020

** Uso educativo de A Lareira Máxica

Navegando por internet atopei este artigo adicado ao lapis. Escribino hai moitos anos. ¿Onde estaba? Pois colgado dentro do espazo Abalar, da Consellería de Educación. Alí hai actividades que permiten apoiar ou reforzar as tarefas do alumnado. No seu día, alguén me pediu o meu permiso para empregar o artigo para fins educativos, pero que estivese tranquilo porque figuraría de onde se quitou e quen o escribiu. Por suposto, dinlle o permiso. Con todo, non voltara saber se se empregara finalmente ou non. Hai uns días saín de dúbidas. Alí estaba publicado no espazo Abalar.

Alédome que os textos de A Lareira Máxica poidan ser empregados en labores educativas. Tamén me aledou comprobar que ao pé do texto ía a súa autoría. E non porque se trataran do artigo dun servidor, senón porque se nomeaba a fonte de onde se quitou e a autoría do texto. Estaría igual de contento se isto mesmo se fixera co artigo de calquera outra persoa. A ética e as normas legais esixen que así se faga, mais moitas veces isto non acontece. Por este motivo, e aínda que xa fose a súa obriga, quero darlle as grazas a esta persoa por cumprir e ter un bo comportamento ético. E tamén darlle os parabéns a esas persoas que buscan e confecciona as actividades de Abalar. É un labor sufrido e que esixe moitas horas de adicación.


ARTIGOS RELACIONADOS:

--> Oda ao lapis (publicado o 24-08-2011 en A Lareira Máxica)
--> Texto publicado en Abalar, Consellería de Educación da Xunta de Galicia
...........................................................

martes, 23 de xuño de 2020

** Posta de sol na Lanzada, Noalla


O sol báñase na praia da Lanzada, pouco antes de deitarse. A beleza da paraxe reláxao e a visita é obrigada. A mar está en calma. Esa mar tan complicada. Nas súas augas perderon a súa vida moitas persoas ao longo da historia. Os mariñeiros sábeno moi ben. O sol resístese a marchar. Gústalle Noalla e quédalle por visitar a ermida de A Lanzada, en Sanxenxo. Dáse o último chapuzón. No entanto, tingue de laranxa o ceo e a area e termina por derreterse no azul da auga. Todo un pracer para os sentidos.

...........................................................

mércores, 17 de xuño de 2020

** Os venres negros dos traballadores/as da Radio e da Televisión de Galicia

Seguro que moita xente non o sabe. Na RTVG existe algo que se chaman os “Venres Negros”, que o propio medio oculta nos informativos. Un grupo importante de profesionais que traballan na RTVG maniféstanse todos os venres vestidos con roupa negra. Isto acontece desde o 25 de maio de 2018. Denuncian a manipulación informativa da que é obxecto a RTVG. Ademais, reclaman o cumprimento da Lei de Medios aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor.

As principais cuestións que solicitan son a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento de Galicia e a creación do Consello de Informativos. A función deste último sería promover a obxectividade das novas e que non sexa partidista na elección e tratamento das novas. En RTVE xa existe.

En definitiva, os profesionais piden, basicamente, a independencia profesional do goberno de turno. ¿Por qué, entón, non se lles fará caso? ¿Por que non existe unha verdadeira independencia da RTVG, o único medio de comunicación público galego?

...........................................................

martes, 9 de xuño de 2020

** Sempre depende...

Pau Donés, compositor, cantante e líder de Jarabe de Palo morreu hoxe víctima dun cancro. Tiña só 53 años e levaba loitando coa enfermidade desde o 2015. D.E.P. Pau Donés. Entres os moitos éxitos de Jarabe de Palo, caben destacar: "La flaca" (curiosamente forma parte do primeiro disco en 1996, pero foi unha das cancións do verán de 1997), Depende (que tamén soou moito no de 1998) e Bonito (2003). Con todo, o grupo sacou ao mercado musical moitos discos entre 1996 e 2020.

En 2017, xa durante a súa enfermidade, e entre outras, publicou o seu single "Humo". Serviu de sintonía da serie "Estoy vivo" (protagonizada por Javier Gutiérrez, Alejo Sauras e Anna Castillo en TVE). As súas letras, un canto á vida. Non hai máis que escoitalo. O seu último disco estaba estaba previsto lanzarse en setembro deste ano. De feito, o 26 de maio saíra á luz o primeiro single: "Eso que tú me das". Nel dálle as grazas ás persoas que o axudaron na súa loita contra o cancro.

A canción que máis me gusta de Pau Donés e Jarabe de Palo é, sen dúbida, "Depende". Será porque era moi pegadiza e tamén por aquilo de ser galego. Depende. O que está claro é que os temas que el compuxo permanecerán connosco para sempre.







...........................................................

xoves, 4 de xuño de 2020

** A TVG con publicidade en castelán

A TVG creouse en 1985. Pasaron, pois, 35 anos. Ao principio toda a publicidade emitíase toda en castelán. Despois empezou a emitirse xa algunha en galego. Varias décadas despois a situación non mudou. Só que agora en lugar dunha canle autonómica pública tesmos dúas: a TVG e a G2. Non obstante, máis da metade segue emitíndose en castelán. Xa sei que hai intereses económicos detrás (o poder dos anunciantes).

Pregúntome: ¿un medio público non deberá apostar por emitir toda a publicidade en galego? ¿A mellor forma de defender o galego é esta? ¿Non é a difusión do idioma e da cultura galega un dos sentidos dun medio de comunicación galego público? ¿Canto tardará a TVG en emitir todos os anuncios comerciais no idioma galego?.

E xa que estamos ¿por qué os xornalistas da RTVG falan tan mal o galego?. De de todos é sabido que a meirande parte é castelán falante que só fala o galego cando traballa. Isto é respetable, pero quizais se debera valorar máis o coñecemento, léxico e fonética na contratación e promoción ra dos profesionais, así como a formación do idioma galego.

Falar mal o galego contribúe a que quen o escoite, como mínimo, se contamine e siga o seu exemplo. Exempolos son os pronomes mal colocados, castelanismos, hipergaleguismos, ….

...........................................................