martes, 13 de outubro de 2009

** Eco-amor

Xa vos falei un día do meu bonsai. Puntualizando, xa vos falei da vida e morte do meu bonsai. Miragres, que eu saiba, non fixo ningún. Estes días ando un pouco preocupado. Agora que sei que os bonsais non pode vivir dentro da casa, paseime ás begonias. As begonias son moito máis agradecidas que os bonsais, con quitarlle as flores murchas e collerlle o punto ó rego xa está. O tema do rego é moi importante, hai que proporcionarlles a auga que necesitan, nin moita nin pouca, soamente a suficiente para conservar certo grao de humidade na terra.

O motivo do meu desazón é que as miñas begonias colleron pulgóns. Polo visto, é unha plaga moi típica ds begonias. Na estantería do garaxe temos insecticida para plantas de interior mais non me gusta ter que recorrer á química. En Internet, nun foro de xardinería, atopei un remedio ecolóxico que me pareceu interesante. Seica o mellor para acabar cos pulgóns son as formigas. Por probar..., capturar un par de formigas non me resultou complicado. Polo menos, o remedio ten fundamento científico: introducir no hábitat afectado (maceta) un depredador (formiga) que controle (aniquile) a poboación de indesexables (pulgóns).

-Hala, para dentro da maceta e a fartarse.


...Ampliar/recoller resto do artigo [ +/- ] TRANQUILOS: ¡Non se abre nova ventana!


    Metín dúas formigas na maceta, dunha nunca máis tiven novas e outra apareceu morta. Díxenlle que se fartasen, nótase que unha delas tomou a indicación ó pe da letra, literalmente. Debeu morrer empachada. Estes días tiven un repunte da praga. Está controlada, pero creo que vai ser mellor que colla o bote do insecticida e me deixe de lerias.

    A estas alturas do relato de hoxe, seguramente pensaredes que este texto pouco ter que ver co título. Que impacientes me sodes... Pois si, si que ten que ver. Nunca oístes iso de que o amor é coma unha planta que hai que coidar cada día. Seguro que si. Pois, eu corroboro a veracidade do dito: o amor é moito máis fráxil que a planta máis birriosa que vos podades atopar. E tamén corroboro o contrario: o amor é moito máis forte que o carballo centenario máis grande que vos podades atopar. As dúas afirmacións son válidas. Pero, claro, cómo saber si estamos ante unha birria de planta ou perante un carballo.

    -Pola forma das follas -dixo o sabio.

    Boa observación, mais esta estratexia soamente é aplicable no mundo da botánica.Vou reflexionar un pouco: birria vs carballo, diferenzas e coincidencias. En coincidencias sinalo que ambas nacen máis ou menos igual: dadas unhas condicións axeitadas de temperatura e humidade, as sementes brotan. En diferenzas anoto a fortaleza. A birria non aguanta nada: se chove moito, podrece; se quenta moito o sol, seca; se hai xeadas, quéimanselle as follas. Ó carballo tamén lle afectan as cousas, que por algo é ser vivo e non pedra. Pero, ante a adversidade, o carballo, aínda que poña mala cara, saca forzas do fondo da alma e tira para diante. Pois, aínda que co bonsai non tiven sorte, inda entendo algo de plantas. De sentimentos, moito menos.

    A segunda reflexión de hoxe é sobre o amor a trancas e barrancas. A serie Doctor Mateo de Antena 3, a historia de amor de Mateo e Adriana é, para min, o típico exemplo do amor a trancas e barrancas, de encontros e desencontros. Con todo, a serie non me parece gran cousa. Se na temporada anterior tivo boa acollida sería porque a oferta da competencia inda era peor, non pola súa calidade intrínseca. Pero, qué pasa cos amores a trancas e barrancas na vida real, qué anticiparán.
    -Son o que son, e como son o que son non poden ser o que non son -dixo o sabio.
    Despois da valiosísima aportación do espontáneo, retomo o tema. Así, de repente, e sen pensalo moito, ocórrenseme 3 alternativas:

    1.-Tormenta, tempestade. Raios ocasionalmente.
    2.-Calma, bo tempo, estabilidade na atmosfera.
    3.-É aventurado predicir o tempo atendendo á forma das nubes.
    (Nota: podedes sinalar novas posibilidades ou elixir a vosa preferencia entre as opcións xa mencionadas).

    -Sabio, ¿ti qué dis?
    -Se temos en conta que o ser humano tropeza varias veces na mesma pedra, e xa que estamos nun caso de amor a trancas e barrancas, tormenta con raios. Se temos en conta a capacidade do ser humano para superarse a si mesmo e vencer obstáculos, en algúns casos, poderíase chegar a situacións de certa estabilidade. Aínda que, o único verdadeiramente científico, é que non se pode predicir o tempo atendendo soamente a forma das nubes. Nin aquí, preto de onde vive Santiago Pemán, nin en ningún lugar -dixo o sabio.

    O sabio sempre da na clave, non se lle escapa nada. Coma sempre, nesta vida, o tempo ten a última palabra.



UN RELATO ESCRITO POR: Alvariño
Colaborador habitual de A Lareira Máxica

2 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Julio Torres dixo...

O tempo din que é un bo sabio e que adoita recompensar o traballo realizado. Ougallá sexa así. O que está claro é que mesmo ó tempo hai que darlle, valga a redundancia, tempo. Xa que falamos de botánica, o tempo debe ser como unha pranta que precisa alimentarse e crecer antes de que lle saian as flores.

Alvariño, que te vexo eu con problemas de amores...Paciencia e moita sorte. Ougallá o tempo se porte moi ben contigo. Coido que o mereces. Sorte, amigo!!!

Saúdos máxicos
Carpe Diem

Mariam dixo...

Alvariño, gustoume o teu relato. Espero que se disipen pronto as tuas dudas. Con todo, creo que non deberías pensar tanto.