luns, 19 de agosto de 2013

** Bico

Podemos ler en A sombra do vento, unha obra do escritor americano Patrick Rothfuss, o seguinte fragmento: “Despois sentamos nunha pedra, cos pés na auga e gozando da mutua compañía mentres descansabamos. Compartimos unha mazá; fómola pasando e fómoslle dando dentadas por quendas, o cal, se nunca bicaches a ninguén, é case como beixarse”.


Quen así fala é Kvothe, o protagonista da obra citada, e a compañía á que fai referencia chámase Denna, unha moza da que Kvothe está namorado. Este ten que conformarse con “bicar” ou “beixar” a mazá, xa que a moza é inaccesible para el.

En galego temos tres palabras para referirnos a esta demostración de cariño: bico, beixo, e ósculo. A primeira, bico, procede do termo celta beccus, que significa “peteiro, bico”, de aí que un bico (entre outros significados) tamén poida ser a boca das aves. A seguinte palabra, beixo, procede do étimo latino BASIUM (e beixar de BASIARE), e do cal podemos ver a súa evolución noutras linguas románicas: beijo, beso, bacio, baiser... Por último, ósculo é un termo que se usa como cultismo nunha linguaxe xa moi coidada e específica.

Ademais destas dúas palabras para referirse aos bicos, oscula e basia, os romanos tiñan unha terceira, suavia; e distinguíanas segundo o seu carácter: os oscula era bicos de amizade, os basia de amor e os suavia de paixón.
Non obstante, hai quen pensa que os basia tamén se empregaron cun significado máis pasional, xa que o poeta latino Catulo (século I a.C.) mencionábaos nos seus poemas cando se refería á súa amada: “Vivamos, mea Lesbia, atque amemus (...) / Da mi basia mille, deinde centum, / dein mille altera, dein secunda centum, / deinde usque altera mille, deinde centum” que traducido sería algo como “Vivamos, miña Lesbia, e amemos (...) / Dáme mil beixos, logo cen, /despois outros mil e de novo outros cen, / despois mil máis, despois outra vez cen”

En calquera caso, ósculos, bicos ou beixos sempre serán benvidos.

.....................................................................................................................................
Estrela de Xullo

3 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Mary Camiña dixo...

Recoñezo que nunca fun moi "biqueira", quizáis porque na miña familia eran todos un pouco "toxos"; pero hei de recoñecer que, co tempo, aprendín a dar e recibir bicos, ósculos e beixos...
Gustoume moito esta "etimoloxía". Gracias Estrela de Xullo.
Saúdos.

Estrela de Xullo dixo...

Grazas a ti, Mary Camiña, por o leres. Alégrome moito de que che gustase.
Un saúdo.

Julio Torres dixo...

Interesante o que nos contas sobre os bicos que, ademais, son moi saudables sexan cales sexan.

Carpe Diem