luns, 23 de xaneiro de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe... 23 a 29 de xaneiro


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao



23 xaneiro 1918 Créase a Asociación de Prensa de Ourense, da que forman parte xornais que incorporan a nosa lingua nas súas páxinas.

26 xaneiro 1826 Nace en Lugo Manuel Soto Freire, un dos principais editores galegos do século XIX.
26 xaneiro 1957 Ángel Aller láiase, en carta dirixida ó propio autor Blanco Amor, do feito de que a obra A esmorga topase coa oposición da censura franquista (polo que se acabaría publicando no exilio americano en 1959). 01xaneiro-26 1972 Créase o Instituto de Estudos Ourensáns Padre Feijoo, que leva o nome dun dos Ilustrados galegos que máis defensa fixo do idioma galego.

27 xaneiro 1924 Comeza a editarse en Vigo o xornal El Pueblo Gallego, que contou coas colaboracións de moitos escritores galegos e galeguistas, entre eles Xulián Magariños Negreira, que era o correspondente de El Pueblo Gallego na comarca barcalesa.
27 xaneiro 1978 O xornal en galego A Nosa Terra, o único da democracia redactado integramente na nosa lingua ata a aparición d'O Correo Galego, comeza a súa nova andaina en Galicia, despois da etapa americana de posguerra da cabeceira co mesmo título.
27 xaneiro 1999 Falece en Salamanca o escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, con 88 anos, quen tamén cultivou (aínda que moi minoritariamente) escrita en galego. Un dos seus estudosos máis salientables é o profesor de Logrosa, José Antonio Ponte Far.

28 xaneiro 1731 Realízase a primeira sesión da chamada Academia Literaria Compostelá, que tiña de presidente a Pablo Mendoza de los Ríos.
28 xaneiro 1841 Fúndase a Academia Literaria de Santiago, da que son socios constituíntes o xornalista galeguista Antolín Faraldo e os seus irmáns.
28 xaneiro 1930 Morre o poeta vangardista rianxeiro Manuel Antonio, un dos autores do manifesto ¡Máis alá!.
28 xaneiro 1950 Publícase o derradeiro número do Suplemento del Sábado de La Noche, que tras a longa paréntese de silencio da posguerra comezara a incorporar o idioma galego nas súas páxinas.

29 xaneiro 1899 Nace o escritor Rafael Dieste en Rianxo.



É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).

Trátase de irmos seguindo día a día o presente ano 2012 e compartillando acontecementos relevantes, relacionados coa lingua e a cultura de Galicia, ó longo dos tempos. Así queremos contribuír con esa campaña que puxo en marcha RADIOFUSIÓN e que leva por nome VITAMINAS PARA O GALEGO!, axudando así a poñer en valor a nosa cultura cunha voz propia, no medio da polifonía das culturas do mundo.

0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :