** ¿Delirium tremens? Non, cogumelos velenosos
Teño a miña alma de blogger un pouco tocada, será que me gusta demasiado a vida real. Necesito recargar as pilas. Non sei cánto tempo me vai levar, poden ser días, poden ser semanas, un mes, un par de meses..., non teño nin idea.
Este blog é coma un tren, un tren que xamais chega a un destino concreto, un tren sempre en movemento. Algúns pasaxeiros soben e fan un longo traxecto, daquela ALM é para eles coma se fora o transiberiano ou o orient express. Outros collen o tren para facer unha viaxe curta, coma miña tía Florentina cando vai a praia a Vilagarcía no TRD. Uns disfrutan da súa primeira viaxe, outros son viaxeiros veteranos. Todos os medios de transporte teñen usuarios variopintos. Hai de todo, eso é o máis bonito. O tren da Lareira tira para diante sempre. Vaise facendo coñecido, ten usuarios asiduos, pasaxeiros que deixaron para sempre o Castromil e lle colleron gusto o seu tra-ca-tra-ca. Eu necesito descansar. Xa queda lonxe o día que me subín a este tren. Foi todo por casualidade. Na Estación de Ferrocarril de Santiago hai un parking que frecuento. Un día, cando ía recoller o meu coche oín os pitidos dun tren achegándose. Dende o alto da escalinata vino chegar. Era un tren fermoso, parecía antigo mais non fumeaba, recordoume o tren que sae ó principio da película Memorias de África. Quedei un pouco desconcertado, qué facía aquel tren en Santiago, de onde saíra, ó mellor era unha nova atracción turística e eu non me enterara. Entrei na Estación e achegueime ó anden. Sentía curiosidade, pensei que ó mellor baixaba del Meryl Streep. Dos vagóns non baixou ningún pasaxeiro. Xa se sabe, en Santiago a choiva é arte e aquel día facía sol. Soamente baixou o maquinista, recordoume a un vello coñecido meu. O tren era precioso. Sen pensalo moito subín, non sei por qué pero pensei que aquel tren tiña que pasar por Kenia. Por África non pasamos, pero fixen unha viaxe longa e bonita. Gustoume moito, coñecín xente estupenda, moi faladora. Visitamos moitos lugares, moitas cidades, pero o que máis me gustou foi que neste tren tamén se contan historias longas e fermosas. Ó primeiro escoitábaas fascinado e así que fun coñecendo ós demais pasaxeiros tamén empecei a participar nas longas veladas que se fan no vagón comedor. Paseino moi ben. Non vin a Karen Blixen, pero moitas veces sentín que o seu espírito estaba entre nós. Ultimamente atópome un pouco cansado, todo empezou cunha mala dixestión que acabou en cagarría, creo que foi por culpa duns cogumelos. Dende a indixestión sinto molestias no abdome. Teño que repoñerme, por eso decidín volver a miña casa. Onte chegamos a Roma, hoxe visitei San Pedro e ás dez da noite subín ó avión que me vai levar a Madrid. Pronto estarei en Santiago. Non sei si estarei intoxicado, pensei que xa non era capaz de escribir, alégrame comprobar o contrario. Estou malo pero creo que me vou poñer ben pronto.
Alvariño
UN RELATO DE: Alvariño
Gran colaborador de A Lareira Máxica
3 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :
Alvariño: Recarga as pilas, pero non tardes demasiado, porfa. Sen ti estamos orfos. Sería unha perda irreparable. Eres un dos pilares desta ALM. Ponte bo axiña e coidadiño cos cogomelos, que sonche perigosos. Seino porque o meu home un día colleu unha intoxicación e como chiaba coa dor!
Xa sei que me repito moito, pero como me gusta o que escrebe este Alvariño.
O artigo de hoxe, e o simil que fas entre A Lareira e o mundo dos trens paréceme alucinante. Neste artigo supéraste a ti mesmo e paréceme incríble que non te prantexes (se non o fixeches xa) publicar algo. (Con publicar refírome a en formato libro, xa sei que isto tamén e un xeito de publicar).
Encantoume o teu relato, qué bonita viaxe.
Que te recuperes pronto.
Publicar un comentario