luns, 29 de outubro de 2007

** “I have a dream” by Alvariño

I

Todos os meus bolígrafos decidiron morrer ó mesmo tempo. Ó mellor trátase do suicidio colectivo dos membros dunha secta e non me dera conta. Claro, os bolis debían ser os adeptos e a pluma estilográfica o seu gurú. Pode ser, se algo aprendín na vida é que todo, absolutamente todo, ata o máis imposible, pode suceder. A realidade supera á ficción constantemente. Debe ser o final dunha etapa, estamos asistindo a un importante cambio de era, xa non se levan os pantalóns de campá, volveu o pantalón pitillo. ¿Qué máis volvera? Non me atrevo a prognosticalo. Todos os meus bolis debían odiar os pantalóns estreitos e non soportaron o seu regreso, eso foi o que debeu suceder. A estilográfica está mal pero chegou ó hospital con vida. Mañá téñena que operar, seica lle teñen que facer un by-pass. O médico díxome que estea tranquilo, que a pluma é forte e que ten moitas posibilidades. Espero que se salve, espéroo polos cartuchos de tinta, non debe haber peor cousa que ser cartucho de tinta sen pluma, qué ía ser deles. Teño dúas caixas e moitas páxinas en branco.


II

A pluma salvouse, volveu á vida. A tinta Rotring Brillant color negro bule outra vez polo seu interior. A súa punta de iridio deslízase con suavidade por este papel branco, lixeiramente satinado. Gústame o tacto destes folios, arrecenden ben. Xa está, xa teño o que preciso. Agora soamente me falta poñerme ó choio. Hoxe non vai poder ser, cousas da vida. A actualidade manda, teño que traballar un pouco e estudiar uns asuntos. Xa vedes, o outro día non tiña un bolígrafo na mesilla de noite que escribira ben e hoxe, que teño esta fantástica pluma na man, non teño tempo. Definitivamente, a vida non hai quen a entenda. Dóeme o lombo, escribir na cama de postura ergonómica ten pouco.

...Ampliar/recoller resto do relato [ +/- ]




    III

    Hoxe si, á terceira vai a vencida: teño papel, teño pluma, teño tempo e teño algo que contar. ¡Alá vou!
    “Non hai mal que por ben non veña”. Este dito oínllo unhas mil veces á miña veciña Maruja. É unha optimista nata. Non digo eu que todo o malo traia algo bo, que eu optimista solo son o xusto. Máis ben penso que o mal, que por definición é un acontecemento negativo, non desexado e doloroso, tamén pode, paradóxicamente, ter algún aspecto positivo. Moitas veces, ata que ves que algo importante pode desaparecer non reaccionas. Polo menos, a min pasoume. ¿Débense contar os soños nas páxinas dun blog?

    -Depende.

    Gústanme as respostas á galega, máis vou deixar de lado as intrigas e vouvos contar un soño. Si hoxe puidera venderlle a miña alma ó demo, si tivera alma e si existise o trasno, quizais o fixese. O malo que ten venderlle a alma ó demo e que nunca cha devolve. Ten que ser unha decisión moi meditada, neste tema a precipitación soamente pode acarrear problemas. Como vos ía dicindo, por este soño pensaríao, empezaría a meditar. Collería un papel e faría dúas listas, á esquerda enumeraría os ¨contras¨ e á dereita escribiría os ¨pros¨. Ós cinco minutos teríao claro: ¨¿dónde hai que firmar don Belcebú?¨

    O meu soño é un soño de inverno, dunha tarde gris, fría e chuviosa. De cristais mollados e vento furioso. Non sei si seguir contando, non sei si será prudente, dígoo porque os soños que se contan case nunca se cumpren. Demasiado tarde, a miña incontinencia verbal é infinitamente máis grande que a miña prudencia.

    Con tantas reformas educativas non sei moi ben como quedaron os horarios dos rapaces. No meu colexio sempre líamos pola tarde. Era unha obsesión daqueles tempos e daquel colexio. Agora as cousas cambiaron e a maioría dos cativos len fatal. Compróboo de vez en cando, na misa, cando os nenos len os evanxeos, ¡qué espanto!, dan ganas de fuxir. Por suposto, o libro de lectura era o meu preferido, e alí, no meu colexio, unha tarde de inverno, tiven que ler algo que me chegou ó corazón. Logo, pouco a pouco, funme enterando de que existía o oficio de contar e a min pareceume o máis fermoso do mundo. En COU entrevistounos un orientador.

    -¿Qué é o que máis che gusta Alvariño?
    - Contar contos, todos diferentes e con moitos personaxes.
    -Dadas as túas aptitudes o mellor para ti vai ser que estudies dereito.
    -Si o di vostede... –respondín eu obediente e resignado.

    Aquel orientador tíñao moi claro: ós de letras, dereito; ós de matemáticas, enxeñerías; e ós de ciencias, medicina. Despois de moitos anos o meu soño sigue a ser o mesmo: estar do outro lado dos cristais empañados, fóra, baixo a chuvia, achegarme ás ventás da escola e escoitar e, desta vez, oírme na voz dalgún cativo.

    Estes días pasados, cando non sabía o que pasaba co blog, cheguei a pensar que podía desaparecer ou converterse nun blog abandonado. Sentín que perdía algo importante, un sitio onde compartir un relato, un sitio onde seguramente alguén me ía ler. Pareceravos unha chorrada, pero ó mellor agora, neste sitio e neste momento, estase empezando a facer realidade o meu soño e todo volo debo a vós.





RELATO ELABORADO POR: Alvariño
Colaborador habitual de A Lareira Máxica

7 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Anónimo dixo...

Góstame como escribes.

Anónimo dixo...

Qué verde era o meu alien! A viñeta gustoume, aínda que salgo un chisco desfavorecido ¡ja ja!

Anónimo dixo...

Alvariño ¿tienes novia? Si eres como escribes ya tardas en darme tu móbil.

Me encanta como escribes Alva.

Anónimo dixo...

Ooooohhhh, que bonito.
Eu non vou facer como Jessica e pedirche ningún número, so che vou pedir que cando publiques en papel escrito (non en pantalla de pc) o teu primeiro libro, nos avises para facer cola diante da primeira libraría e mercalo.
A verdade é que comparto o último que dis, o de facer disto unha "profesión" xa son palabras maiores, pero a lareira danos a oportunidade de ir experimentando. A Lareira é algo así como unha escola de entrenamento, e a xulgar polo que se vai vendo aquí, Alvariño, eu diría que ti vas ben encamiñado. Non o digo so eu, dino os teus lectores en xeral.
En calquera caso, ti segue escribindo, máis alá de quen o poida ou non ler.

Alvariño dixo...

¿Qué sería de Jessica? Oxalá volverá algún día.

Julio Torres dixo...

Vaia, gustoume releer este relato de Alvariño neste día de choiva. Boto en falta a Jessica, Frei, As de Ouros, Drosophylum e algunha persoa máis.

Por certo, relendo tamén os comentario de Jessica, sen palabras Alvariño....

Saúdos Máxicos

Julio Torres dixo...

Por certo, a opinión de María ten moita, moitísima razón. Temos en Alvariño un GRAN ESCRITOR. Unha mágoa que a estas alturas ningunha editorial lera en A Lareira Máxica os seus relatos tan seus porque, modestamente, penso que son moi bos e venderíanse ben.

ALVARIÑO: non te desanimes e sigue escribindo así de ben. E cónstame que a máis dun lector do blog lle gusta cómo escribes.