** O Recuncho Literario.........(Nova sección)
Quixera agradecer a Mariam a proposta que me fixo dunha nova sección para este blog. Trátase dun espacio onde teñan cabida textos literarios da nosa literatura galega. Paréceme unha excepcional idea. Evidentemente so se publicarán pequenos fragmentos, coma o de hoxe. A idea é que sexan de escritores ou escritoras consagrad@s, xa que para os de "a pé" xa hai a posiblidade de enviar relatos curtos, como xa se ven facendo neste blog.
Aproveito para dicirvos que en A Lareira Máxica (A.L.M.) admito que tamén me enviades calquera artigo que, sen ser voso, vos guste. Iso si, se non é voso, tédesme que dicir de quen é ou onde o vístedes publicado. Ante todo ética. Non se pode apropiar un dun texto alleo e facelo pasar como seu. Iso si que non sería nada xusto.
E para inagurar esta nova sección que din en chamar: O Recuncho Literario, vou publicar un texto que nos enviou Mariam. É do tristemente desaparecido escritor galego Carlos Casares (aínda lembro aqueles pequenos artigos de opinión das cousas cotiáns que publicaba en certo xornal galego). Sen máis déixovos co relato.
...Ve-lo Artigo Completo
A rapaza do circo
El coñeceuna de casualidade. Unha tarde, a eso das seis, estaba sentado nun banco do xardín e advertiu que se lle achegaba unha rapaciña loura, de melenas longas, vestida cun pantalón short. Con acento francés preguntoulle ónde podería atopar un médico. Acompañouna. Polo camiño ela díxolle que era trapecista do circo e que seu pai -un antigo xendarme-, atopábase malo (pouca cousa: talvez unha mala dixestión), e que pedira que lle levaran un médico. El a penas falou. Ó chegar á clínica indicoulle: «Aquí». Ela deulle as gracias e invitouno a pasar pola taquilla, onde lle facilitaría un par de entradas prá función das oito.
Foi. Antes de subir ó trapecio, a rapaza, vestida de pescadora, cantou. Na metade da canción dirixiuse cara á butaca que ocupaba el e botoulle o sedal da cana, mentres lle dicía entre as risas de todos: «Pica, pica, pececito».
Volvéronse atopar ó día seguinte.Despois víronse tódolos días. Pasaban as tardes no río. Deitábanse na area. Enterrábanse. Nadaban. Ela faláballe de Marsella, da súa infancia. El pechaba os ollos e imaxinaba aquela rúa fronte ó porto, os barcos que Anne despedía cun pano branco dende a bufarda, a tía Françoise, Jules...
¿Como sería aquel Jules que lle dera o primeiro bico no portal?
-Era louro, coma min. E moi pencoso.
-¿Lémbraste del?
El tiña un sombreiro de palla sobre dos ollos pra tornar o sol. Volveulle preguntar:
-¿Lémbraste del?
Sentiu os labios dela que se po usaban nos seus. Foi coma un trallazo. Unha ledicia branca nacíalle dentro do corazón.
Despois bicáronse. Bicáronse moitas veces. E ela apoiou a súa cabeza no peito del.
Pronto correu a noticia de que se vían no río. Na casa rifáronlle. «¡O que me faltaba -dixera seu pai- un fillo titiriteiro».
Pero seguíanse vendo ás escondidas.
Hoxe os compañeiros de quinto desafiárono.
-A que non es home de subila pra aquí...
Non o dubidou. Asomouse á ventá e chamouna:
-¡Anne...!
Subiu. Recibiuna no hall e metéronse no laboratorio. Pecharon a porta por dentro e taponaron o buraco da pechadura cun cacho de papel. Os de quinto armaban barullo fóra. El ensinoulle as bolboretas, as pedras, os lagartos e as cobras metidos en formo!... Pediulle un alfinete e picouse nun dedo. Amosoulle o sangue a través do microscopio.
-¿Sabes unha cousa? -dixo da.
-¿Que?
-Que nos imos mañá.
Colleuná pola cintura e bicouna.E naquel intre chegou o director.
Cando saia será xa de noite e terase que ir prá casa sen vela, sen lle explicar, sen lle dicir o que ocorreu. E despois de cear dirá: «Quero ir ó circo». E o seu pai responderá: «Non». Entón irase á cama. E pensará: «Os vellos non saben». E os vellos (non tan vellos), na súa habitación nin sequera se lembrarán del e da francesiña Anne. E el ha tardar en durmir, pero durmirá. ¿Durmirá?.
Mañá ó se erguer, sentirase triste. Máis triste que ninguén. ¿E que será de Anne? Non a volverá ver. ¿Nunca máis? Nunca. Ergueuse moi cedo. Marchou correndo ó campo da feira. No sitio do circo só quedaba un redondel.
----------------------------------------------------------------
Fragmento estraído da obra Vento ferido
Do escritor Carlos Casares
(Sirva como unha homenaxe)
Foi remitido por: Mariam
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica
1 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :
¿Alguén se lembra do gato Samuel?
Publicar un comentario