venres, 10 de xullo de 2009

** To be or not to be a gentleman

Ando perdendo o tempo co ordenador. Non sei si perdendo o tempo ou pasando o tempo. Teríamos que preguntarllo a miña profesora de lingua. Mellor non facelo. Esta muller era terrible. Mesmo o meu amigo Moucho, que é un home que anda a procura da súa media laranxa, había de fuxir dela. Non me estrañaría nada porque esta de media laranxa tiña pouco, éravos limón enteiro. Non teño gañas de cualificala. Aínda que, por outra parte, non sei por qué non ei de facelo. Bah..., non o fago. Paso, soamente estou aburrido e ese non é motivo suficiente para caer no insulto. Son un tipo elegante e estou por riba dese tipo de cousas. Teño que morderme a lingua. Pois iso, mellor ser elegante que acabar cuspindo flema.

Non sei..., non sei..., e que se non o digo podo estoupar. Noto que empeza a apertarme o pantalón e que se non o solto non quedo a gusto. ¡Qué dilema máis grande! A verdade, hai cousas que so teñen un nome. Non sei porque teño que comportarme coma un cabaleiro, ¿é ela una dama digna do meu silencio? Non, non o é, non, non, e requetenón. É máis: ¿é ela unha dama? Tetas tiña, iso sí, pero de aí a ser unha dama... A piques estivo de suspenderme, custoume máis aprobar lingua que o dereito procesal. E iso si que foi forte, moi forte, que o meu profesor de procesal foi un xuíz eclesiástico, don Manuel Calvo Tojo. Para aprobar procesal tivéralle que pedir axuda os santos da capela da Corticela. Portáranse ben, quitara un Notable. Con lingua non lles pedira axuda, daquela simpatizaba co budismo. Quitei un aprobado, un milagre tamén.


...Ampliar/recoller resto do artigo [ +/- ]


    Seguro que non o creedes, pero inda ando a voltas coa limpeza do trasteiro. Lévame o seu tempo por dous motivos: o noso trasteiro é grande e estaba bastante cheo. Certo é que levo o traballo con moita calma. Estes días andei revisando as caixas dos apuntes. Atopei algunhas cousas curiosas. Unha delas é unha foto antiga dos meus antepasados nas Américas, ten unha dedicatoria por detrás e está fechada no 1920. Na miña familia debémoslle moito a América, concretamente a Arxentina. É xusto recoñecelo. Cando conecte o portátil ei de escanear a foto. Agora non podo porque este ordenador non se entende co trebello multifunción. Non me preguntedes o motivo pero este pc so vai ben coa vella impresora hp. Deben ser unha das últimas parellas a proba de tentacións, sonlle absolutamente fieis un ó outro.

    Outra cousa interesante que atopei: un relato. Titúlase “El decano no padece claustrofobia”. Este relato debe ter uns 12 anos e fixo que me acordara da miña faceta “gamberra”. Veume de perlas, ó mellor ata consigo abandonar a liña “pena, penita, pena” dos meus últimos relatos. Gustoume especialmente este achado porque recoñezo os personaxes nos que me inspirei. Con un xa non teño trato, e co outro, co noso decano, o que é dicir “trato” nunca tiven moito. Ese si que era un tipo elegante, sempre vestido que parecía que ía de padriño nunha voda. Os seus traxes, todos estupendos e feitos a medida, dábanlle un aspecto de dandy que destacaba moito na nosa estartelada facultade ás 9 da mañá dun día calquera. O mellor pensades que a súa imaxe, un chisco fora de lugar, era o que máis nos chamaba a atención ós alumnos. Non, non era iso. Os seus puntos fortes eran, e supoño que seguirán sendo, a sorna galega e o sentido do humor. É unha desas persoas que non precisan da axuda da vestimenta para sobresaír, vai moi sobrado de intelixencia. Un gran tipo, si señor, un auténtico gentleman.

    En non, eu de gentleman teño a intención pero fáltame case todo o demais. O meu problema é que me gusta chamarlle as cousas polo seu nome e algunhas cousas, xa se sabe, teñen un nome feo, desagradable, noxento. Así van xurdindo as palabras tabú, esas que non se poden nin nomear. De tan feas son hai que lles inventar un sinónimo que consiga paliar a súa carga ofensiva. O sistema é bo, cumpre a perfección o seu cometido, pero a cuestión é que se calo rebento e non sei cal e a palabra politicamente correcta para o cualificativo “cabrona”. Vou mirar o dicionario.

    Cabrón s. m. 1. Macho da cabra. 2. Aplícase como insulto á persoa que a xuízo doutra fai algo con mala intención para enfastiar a outro. 3. Marido ó que a muller lle é infiel, particularmente cando o consente.
    OBS. As acepcións 2 e 3 son de uso vulgar e fan que a palabra sexa mesmo tabú, incluso na primeira acepción. O dicionario, esa fonte inesgotable de sabedoría, deixoume como estaba. Non trae un sinónimo culto do substantivo cabrón, que nin sequera é adxectivo coma eu pensaba. Bueno, pois aí queda iso, o que queira entender que entenda, eu non vou caer na vulgaridade, eu son un aprendiz de gentleman.




RELATO ESCRITO POR: Alvariño
Colaborador habitual de A Lareira Máxica

2 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Julio Torres dixo...

Amigo Alvariño, encántanme os teus relatos tan realistas e con ese toque (solucións ós problemas que se prantexan nas túras historias,incluidas)que so ti lle sabes dar. Eres todo un gentleman. O do diccionario, solución total.

Por certo eu tiven unha profesora de lingua na facultade de xornalismo que considerou que merecía un aprobado en lingua galega oral. O que non sei entón é que idioma falo ben entonces, cando salvo moi raras excepcións falo en castelán. Xa se sabe que hai moitos teóricos da lingua que so saben andar cambiando a teoría e as palabras que se usan, para maior beneficio de editoriais. Digo eu: que non mareen á xente e que non cambien cada pouco as palabras. Que se agora abogado e con b e logo con v, que se se di libraría ou outras palabras raras onde as haxa que ninguén emprega nos pobos.

Nada que terei que facer caso a Alvariño, ser un cabaleiro, pensar nel e nos seus relatos (mágoa que non foses unha muller Alvariño pois namoras cos teus relatos!!) e non en Carme Hermida... Por suposto terei o diccionario á man por se hai que buscar algunha desas palabras impronunciables.

Iso si, sempre falarei en galego
(o único idioma no que falo habitualmente), a pesar de que so mereza a condición de aprobado en lingua galega oral...O mundo ó revés...

Alvariño dixo...

Julio, o mundo cambiou unha barbaridade nos últimos tempos. Agora, máis que dun home ou dunha muller a xente namorase dunha persoa. Todo é posible, sempre foi así, pero nos nosos días a sociedade é moito máis tolerante, máis aberta. En canto o de namorar cos relatos, recórdasme a Karen Blixen e a Dennis Finch Hutton, por algo Memorias de África é a miña película favorita. Pois iso, vasme ter que regalar unha pluma ou unha brúxula, se te atreves…
¡Mecachís!, xa me saleu a miña vena frívola, ¡moito me vou ter que controlar! Isto de ser un gentleman éche máis complicado do que parece e iso que inda non intentei facer o nudo da garabata. Menos mal que estamos no verán e agora visto informal, informal pero arreglado. Graciñas polo teu comentario e bo finde!