viernes, 12 de julio de 2013

** Contos populares arredor de A Lareira Máxica (nova sección): O raposo e os cans

Estaba un día un home no monte cargando un carro de estrume para os animais, era tarde, xa cáseque a hora de comer, e laiándose dixo:
 Ai!, que tarde é!, e eu ainda sen terminar, hoxe non como...

O raposo, que andaba por alí, ao oír falar de comer, interesouse e foi xunto do home:

- Bos días,home, que problema tés?
 Bos días, raposo. Nada, que xa vai ser hora de comer e aínda teño o carro sen cargar.
 Se queres, axúdoche eu...
 E farías iso por min?
 Claro, pero..., que me das a cambio?
 Bueno...-dixo o home cabilando- teño catro galiñas vellas no corral, se me axudas son túas.
 Vale.

O home mailo raposo cargaron o estrume no carro, e o raposo acompañou ao home para que lle fixera a entrega do prometido.

Ao chegar cerca da casa díxolle o home:
 Mira, tí quedas aquí, cólloche as galiñas e velas buscar cando te chame.
 Vale.

O raposo, que non se fiaba, achegouse pouco a pouco á casa e oíu ao home discutir coa súa dona.

 Que vas facer coas galiñas?-dixo a muller.
 Vou metelas nun saco que prometinllas ao raposo por axudarme a cargalo carro.
 Como? Para que se avicie e despois veña buscar máis...Diso nada! Era o que che faltaba! Bótalle os cans, bótalle os cans!
 Pero muller, se eu prometinlle as galiñas, …, ademais son vellas...
 Érache boa! Co bo caldiño que fai unha boa galiña vella... Diso nada! Bótalle os cans!Bótalle os cans!
 Pero muller...
 Nin pero muller nin rabo de gaitas: Bótalle os cans! Bótalle os cans!

E o home, todo apenado xa que lle prometera as galiñas ao raposo que tanto lle axudara, colleu os cans e meteunos no saco.
Ao que saíu, veu ao raposo ao lexos e chamou por él:

 Raposo! Vente! Ven coller as galiñas que están no saco.
 Ai, non! Bótamas de lonxe, que as pillo mellor...
 Vente, oh! Ven buscalas galiñas... que se chas boto de lonxe poden escapar!
 Galiñas serán, pero cheiranme a can... Bótamas dende aí que xa as collo!!!

O home abriu o saco e saíron os cans correndo e ladrando. O raposo, que xa oíra a conversa, púxose a correr todo canto lle daban as súas patas. Para que os cans perderan o seu rastro, meteuse por entre os toxos e as xestas, cando creu que xa os perdera de vista foi cara o seu tobo, e refuxiouse nel. Todo canso e aínda co susto no corpo decía así:

 Ai, miñas patiñas! Ai miñas patiñas bonitas! Que grazas a vós non me paparon os cans.
 E eu? E eu? E eu qué?- díxolle o rabo
 Ti? E ti? Ai!, tí gran cochino! Ti que ías engargallándote nas silvas e nos toxos!!!




.....................................................................................................................................
SANXENXO. Conto narrado por Emilia Bouzada e recollido por Mary Camiña

6 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Alvariño dijo...

¡Qué raposo máis pailán! E logo, si oeu a conversa do home e a súa muller, por qué non se largou xa. E despois bótalle a culpa ó rabo... En fins, un raposo un chisco desorientado. Supoño que o conto terá algún tipo de moralexa que eu non pillo: non te fíes das promesas dun home casado, non fagas tratos cun fulano dependiente emocionalmente, cando algo non che convenza sae pitando, non fagas contratos verbais, esixe sempre que sexan por escrito, se pode ser ante Notario mellor,... Eu, para as moralexas son un desastre. O que me quedou claro é que ó raposo non lle doían as patas, sorte a súa.
¡Saúdos!

Julio Torres dijo...

Pois creo que é máis sinxelo que todo isto Alvariño: non hai que fiarse de calquera. Claro que o raposo, raposo é. Non pode ser tan listo como os humanos en teoría pois en teoría non pensa, senón que se move por instintos.

Un saúdo a tod@s. Carpe Diem



Alvariño dijo...

Bueno, o raposo deste conto de astucia anda moi xusto. É máis, ata parece un raposiño bo que foi traicionado por un home malo. A fin de contas, o raposo cumpleu co pactado e o home quedou coma un tipo falso que se deixou influenciar pola súa muller que, a fin de contas, é o personaxe máis negativo de toda a historia. Estes contos aparentemente inocentes agachan dentro deles un mundo.
Abúrrome moito, tendes que perdoar.

Estrela de Xullo dijo...

Creo que este conto encerra dúas moralexas: por unha parte, non fiarse ao cento por cento de ninguén e, pola outra, cadaquén debe valerse por si mesmo e debe saír das situacións apuradas como boamente poida. Concordo tamén coa visión que Alvariño propón da muller, en moitos contos populares galegos a muller é caracterizada como unha personaxe interesada, manipuladora...Non en todos!

E logo hai un montón de refráns que se poderían aplicar a esta historia: "O que non ten cabeza, ten que ter pés", "Un ollo no prato e outro no gato"...

Saúdos.

Mary Camiña dijo...

Moi bo apunte Estrela de Xullo. Este conto, en particular, contado dunha maneira máis alegre do que vos plantexades, era escoitado polos meus nenos e sempre rían a esgallo co reproche que lle facía o raposo ao seu rabo, sendo este o que menos fixera por salvar ao raposo era o que reclamaba a súa atención como protagonista, como decindo, "non te olvides de mín que eu tamén axudei". É un conto para nenos, así que me quedo coas conclusións deles. Ainda que os adultos que o escoitaban debían sacalas súas propias. Saúdos.

Abobo llove dijo...

how nice! our house story is so popular in our country.