luns, 26 de marzo de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...26 de marzo ó 1 de abril


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao






marzo-27 1893 Curros Enríquez é homenaxeado nun acto en Madrid e recibe unha coroa de loureiro de prata pola súa creación literaria. No acto recita o poema «Na apertura do Centro Gallego».
marzo-27 1897 Falece en Pantón (Lugo) o editor e colaborador de prensa Manuel Soto Freire.
marzo-27 1947 Falece en Viveiro o que fora un dos poetas galegos clave na transición do século XIX ó XX: Antonio Noriega Varela.


marzo-28 1809 Deixan de oírse en Vigo os sons da lingua francesa dos invasores napoleónicos, pois nesta data son definitivamente derrotados e expulsados da cidade olívica.


marzo-29 1936 Fúndase en Santiago a Asociación de Escritores de Galicia.
marzo-29 1961 Falece en Bos Aires «O poeta de Meira» (Avelino Díaz), escritor e animador cultural no mundo da emigración galega.
marzo-29 1985 Inicia as súas emisións regulares a Radio Galega, o que supuxo un impulso fundamental na difusión e promoción do idioma propio de Galicia.


marzo-30 1777 Morre na súa parroquia o ilustrado galego, bo defensor da nosa lingua, Diego Antonio Cernadas de Castro, o Cura de Fruíme (Lousame).
marzo-30 1871 Data do nacemento na Coruña de Manuel Banet Fontenla, avogado, economista e notario. Foi un dos fundadores da Real Academia Galega e publicou varios escritos no noso idioma.
marzo-30 2007 Nesta data presentouse en Navia (Asturias) o Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia, que pon de manifesto que o que se fala nesa zona xeográfica é basicamente unha variante dialectal do galego.


marzo-31 1901 Fermín Bouza Brey, xuíz de profesión, poeta en galego e cofundador do Seminario de Estudos Galegos, nace en Ponteareas.
marzo-31 1908 Chega á Coruña, desde a Habana, o barco cos restos mortais de Manuel Curros Enríquez.
marzo-31 1918 Nace en Ourense a mestra de primaria e poeta Pura Vázquez.
marzo-31 1928 Falece na Coruña o escritor Evaristo Martelo Paumán.
marzo-31 1941 As Mocidades Galegas de Bos Aires publican o Discurso dito por Castelao na demostración que lle ofreceu o Centro Galego, no salón «Prince George's Hall» o día 18 d'agosto de 1940.
marzo-31 1950 Tras moitos problemas no seu traballo de profesor, sen dúbida pola súa condición de defensor do galego, membro do PG na Segunda República e usuario deste idioma, Ramón Otero Pedrayo gaña por oposición a Cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago.


abril-01 1864 Nace en Ferrol Aurelio Ribalta Copete, que cultivou o idioma galego, foi animador cultural do galeguismo en Madrid e defensor da ortografía fonética.
abril-01 1917 Primeiro número na Coruña do xornal católico, rexionalista e independente El Ideal Gallego.
abril-01 1997 Primeiro número de Tabeirós Terra, xornal cultural da Estrada (Pontevedra).


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).

0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :