martes, 13 de marzo de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...12 ao 18 de marzo


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao




marzo-12 1988 Primeiro número do xornal editado en Vigo, de información xeral, deseño innovador e considerable porcentaxe de edición en galego, Diario de Galicia.


marzo-13 1840 Nacemento en Lugo de Xoán Montes, autor da música do poema de Rosalía "Negra Sombra", presentado en Cuba en 1892. Importante músico galego.
marzo-13 2003 Falece en Madrid Lois Tobío, activo defensor da lingua galega, xurista e redactor, entre outros, do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia no ano 1931.


marzo-14 2007 O Parlamento galego aproba unha proposición non de lei para solicitar do goberno que a lingua galega compute como mérito para ser funcionario municipal, tal como acontece xa en Cataluña e no País Vasco.


marzo-16 1887 Nace en Oza (A Coruña) o narrador e escritor José Francisco Lesta Meis, autor da novela Estebo. marzo-16 2007 Sinatura do primeiro protocolo de colaboración entre os departamentos de Política Lingüística dos gobernos catalán, vasco e galego, para traballaren coordinadamente no avance do plurilingüismo no Estado español.


marzo-17 1935 Fúndase en Vilagarcía de Arousa a sección galega da Falanxe Española, que había ter consecuencias tan nefastas para a cultura e o idioma galego nas décadas seguintes, durante a ditadura franquista.
marzo-17 2007 Cidadáns franceses maniféstanse en Béziers baixo o lema «Anem! Per la lenga occitana! Òc!» (Vamos! Pola lingua occitana! Si!), en defensa do occitano, idioma minorizado polo Estado francés, e que practicamente carece de protección lexislativa.


marzo-18 1702 Data de bautismo, e probablemente de nacemento (de ser bautizado no mesmo día, como era habitual) de Diego Antonio Cernadas de Castro, o crego ilustrado coñecido como o Cura de Fruíme. Na partida de bautismo non se recolle expresamente ese extremo de se o nacemento foi nese mesmo día ou non. Varios historiadores galegos dan outras datas de nacemento, incluso de ano.
marzo-18 1925 Morre o arcebispo de Santiago e poeta en lingua galega Manuel Lago González, que nos Xogos Florais do ano 1891 pronunciou o discurso "Gabanza da lingua Galega".
marzo-18 1951 Créase a Casa de Galicia das Palmas de Gran Canaria.





É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).

0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :