domingo, 11 de marzo de 2012

** A aliteración doS SonoS


SANXENXO. Julio Torres

Suave e sibilinamente sixilosa susurráballe sempre os seus pensamentos sen saber que soían ser certos. Despois arrepentíase ó decatarse das súas equivocacións. Soas, na oscuridade, as súas bágoas espían máis un espíritu senlleiro e desconsolado. Un ser que escorregaba sobre os medos alleos e saltaba para salvalos. Contradictorias verbas e incoherentes prácticas tinguidas do sangue das candeas amarelas erguidas na mesa. Coas mareas subidas bañábase ansiosa e con elas baixas escapaba detrás das gaivotas. Significados difusos. Confusión. Dúas horas despois detíase pois os folgos precisaban vitaminas. Sentada no descampado as súas forzas desafiaban ós cortos soños profundos. Neles os mariñeiros pescaban nas barcas e as mulleres cosían as redes. Sintonía na desunión. As augas tranquilas e quedas. Todos estaban sans e salvos. Sobraban os minutos. Nuns segundos espertaba desperezándose sobre as herbas, consciente e confusa tras a silenciosa sesta. Sí, un sono vestido co disfraz de pesadelo.

11 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Alvariño dixo...

Tiven unha intoxicación alimentaria que tamén me debeu deixar tocadas algunhas neuronas. Non logro entender o significado profundo deste texto. É fermoso, si, pero teño a sensación de que se me escapa algo moi importante. Algo que está oculto detrás das palabras, un mensaxe encriptado.

Mary C.V. dixo...

Ufff! Menudo susurro... máis eses que palabras... Un efecto moi peculiar. Gústame.

Mary C.V. dixo...

Ao levantarme esta mañá, veume á cabeza este relato..., ese susurro de soños perdidos disfrazados de pesadelos... Esa foi a miña clave para desencriptalo relato... Por fin o vin claro, moi claro..., e ainda me gustou máis...

Alvariño dixo...

O relato é unha preciosidade, está claro.A primeira frase é fantástica, unha verdadeira onomatopeia do susurro. Supoño que cada frase terá o seu sentido, a súa ubicación exacta e oportuna. A min escápaseme algo, penso que ó mellor o pesadelo está na realidade, o pesadelo é o que hai ó despertar.
Con todo, creo que é un relato moi complexo. Ó mellor solo coñece o seu verdadeiro significado o autor e os lectores soamentes facemos unha interpretación persoal.
¡Saúdos!

Julio Torres dixo...

Gracias Alvariño. Gracias Mary.
Sinto dicir que non o fixen con ningún significado oculto. A idea era escribir un texto no que so houbera palabras con s, agás os artigos e preposicións, vamos que as palabras, verbos e adxectivos levaran todos unha s e procurando non repetir as palabras. Non sei se o conseguín, pero confeso que o meu traballo me levou. A medida que o ía facendo, vin que estaba todo un poco deslabazado e dinlle forma de sono. Non ten mensaxe oculto, aínda que sí é certo que hai veces que soñamos cousas raras. E falando de durmir, vivan as sestas españolas que en 20 minutos te deixan como novos.

O dito, moitas gracias.

Ah, e nestes tempos que estou moi ausente (o texto xa estaba feito hai tempo) quero agradecerlle a Patri a súa axuda nestes tempos que un non ten moito tempo para o blog pois outras prioridades centran a miña atención.

Tamén aproveito para animarvos a enviar os vosos artigos, pois so hai un par deles pendentes, se non me trabuco.

Saúdos máxicos

Julio Torres dixo...

Iso sin contar un no que está traballando O Moucho e que está moi enraizado coa realidade segundo teño entendido.

Alvariño dixo...

Quedo aliviado ó saber que non ten un mensaxe oculto, así xa non lle teño que dar máis voltas ó conto. Soamentes me queda unha dúbida, se non ten mensaxe oculto, ¿qué raios lle atopou Mary C.V.?, ¿qué era eso que lle daba un plus de beleza ó texto?
Julio, cada día escribes mellor, de verdade. Vas in crescendo, rapaz.
Eu teño varios artigos no cartafol mental. A saber: un de consumo, outro de filosofía, (de eco-filosofia para ser máis exactos), outro de memoria fotográfica, e outro de gula. Teño que poñerme ó choio...

Mary C.V. dixo...

Hola a todos,a primeira vez que lin o texto só pensei:"Qué forma máis simpática de facer un relato só con palabras que soan a susurro"(por mor das eses. Pero así como o volvín a ler e reler, tamén me pasou como a Alvariño, que pensei que se me escapaba algo...Digamos que a miña mente e o meu subsconxiente son así de enrabesados e complexos como o relato que escribiu Julio. Encontreille algo que non podo describir de forma clara, como para que o poidades entender sen estar dentro da miña cachola. Así que queda pendente a explicación ... Quizais o único que che podo decir por agora, Alvariño, é que, ainda sen saber moi ben por qué, cando espertei esa noite acordoume o relato e pensei detidamente nel e na semellanza que ten coa miña forma de soñar... Por momentos, neses soños é como se me perdese, como se saltase dun lugar a outro sen encontrarse un sentido, unha lóxica,... ese desacougo, pero ao mesmo tempo esa sensación de liberdade, de non ter que estar atada a unhas regras... ese rumor que remata nun doce susurro e nunha noite de descanso..., é decir un sono (porque foi reparador), pero en forma de pesadelo, xa que foi algo inquietante e desordenado. Creo que é a gran capacidade de imaxinar e enlazar cousas desenlazables nun só relato, igual que nos meus soños... Non sei se quedou moi claro... Un saudo.

Alvariño dixo...

Mary C.V., gustoume a túa interpretación. Polo que vexo, leo, estamos perante un relato complexo que da lugar a lecturas moi interesantes. Penso que é o típico relato ante o que so caben dúas posturas: ou o lees e o esqueces nada máis rematar ou o tes que ler e reler porque ten algo que atrapa. A min foi o que me pasou, pensei que era unha especie de puzzle con significado para quen lograra recompoñer a figura que se esconde nese revoltixo de frases.
Dinos o autor que non foi a súa intención darlle ó seu texto unha mensaxe determinada, que máis ben é un xogo puramente esteta. Non sei..., non é que non o crea, é que nada é porque sí. Penso que sempre hai unha razón, consciente ou inconsciente, nas nosas creacións.

Mary C.V. dixo...

Estou completamente dacordo contigo, Alvariño. Eu tampouco creo que as cousas sucedan porque sí, e polo tanto, tampouco creo que cando nos poñemos a escribir, ainda que nolo parezca, saian relatos sen significado ningún, simplemente non nos damos conta de que no máis fondo do noso ser sí se lle diu un significado tras unha forma un tanto encriptada, coma tí dís.

O Moucho dixo...

Uff. Vaia. Xa pensaba que eu cada vez non entendía nada e que cada vez era mais corto. O que me imaxinaba. O relato non é relato. Ó final resulta que é unha chea de oracións e frases montadas de forma excepcional pero que non teñen que ter un sentido global. Son oracións que simplemente soan ben. Bravo Julio, pois tes unha capacidade coas palabras que me da envexa. Si chegas a ser un deses artistas fantoches, dirías calquera cousa que engalanara é confundira mais a xente, e esta ante a arte exposta diría (sin entender nada, claro): "Ah, claro, ten razón." Pero como afortunadamente Julio non é un fantoche, él desvela o porque desta curiosa e inconexa, pero fermosa composición de palabras. Encantame como escolles as palabras. Para non ter sentido todo, ó leer o texto completo parece poesía e algo melancólico e misterioso. Gracias Julio por esta composición e a túa honestidade á hora de revelar o porqué desta composición fermosa pero sen sentido.