luns, 2 de setembro de 2013

** Mentalidades


Un pouco frustrante a leria da mazá. Non sei ata que punto valerá a pena compartir unha mazá con alguén inalcanzable. O conformismo como opción vital non me chista. A rebeldía que levo dentro vaise facendo máis forte cada día que pasa e non me estrañaría nada acabar compartindo barricadas con Jorge Verstrynge. Eu animo a todos a disfrutar do feito de vivir.

Hoxe mesmo, pasei un rato moi agradable, 45 minutos, co técnico do quentador. Físicamente era unha especie de Michael Douglas, salvando as oportunas distancias. Tamén, un adicto ó sexo. Iso confirmeino, que mal pensados me sodes ás veces, mediante a análise grafolóxica que lle fixen a un pequeno texto que escribiu na factura. Ten que ser un traballo..., ¡todo o día coa mesma idea na cabeza! Os 50 teñen que ser terribles, supoño que é nesa década cando se vive a última xuventude.

Fai uns días, dicíame un coñecido, este creo que non é adicto a nada, "eu xa teño fillas de máis de 30 anos". El ten 59. Como si a idade biolóxica fora un freo, un obstáculo para ser feliz, como si se vira na obriga de reprimirse e resignarse á chegada dos netos. E iso botando cartos polas orellas. Supoño que o seu divorcio será dos moi caros. Será posible que algunhas persoas teñan tal apego os cartos. Porque adiccións non terá, pero namorado tampouco está. ¿Análise grafolóxico outra vez? Non, evidencia. Análise do comportamento.

Pois, mentres haxa consentimento, como diría outro coñecido meu. O caso é ser feliz e non facerlle mal a ninguén. Que uns se negan a madurar, que outros prefiren vivir unha vida de mentira,... supoño que serán eleccións, inconscientes ou non. A idade non me parece o factor clave, é máis unha cousa de mentalidade. A fin de contas, como dí a canción, “Winter has come for... todos nós”. Traducción libre.

.....................................................................................................................................
TEO. Mariam

domingo, 1 de setembro de 2013

** Felicidade nunha noite de verán

Moitas persoas se laian de non conseguir a felicidade e, se soubesen buscala e vela daríanse conta que a felicidade está dentro de nós, cada vez que tomamos unha decisión estámonos acercando ou distanciando máis dela.

A felicidade é causa de búsqueda día tras día. Pero, qué buscamos realmente? A felicidade é todo aquilo que nos fai sentir ben, a gusto connosco mesmos e en paz co resto do Universo.

Por sorte, o ser humano ten moitos sitios onde encontrala, dende o sorriso da persoa especial á que tanto queres e admiras, pasando polo traballo ben feito cada día ata o pracer de ver as estrelas en soedade en consonancia co Universo.


Esta noite non tiña sono, así que deixei ao meu compañeiro profundamente durmido e subín ao ático; abrín unha das ventanas do tellado, tumbeime e fitei para o ceo. Un ceo negro e cheo de diminutas estrelas que brillan sen parar. Xa sei que non todas son estrelas, que , ainda que nós non as poidamos distinguir a simple vista, algunhas que o parecen son en realidade galaxias enteiras; máis dunha vez o comprobei co noso pequeño telescopio.

E na paz da noite, co son do cantar dos grilos como música de fondo, deixei que o meu pensamento divagara entre mundos novos e vellos, entre estrelas que nacen e estrelas xa mortas das que ainda podemos ver os seus últimos raios; pensei no pequenos que somos na inmensidade do Universo, no maravilloso que é sentir e poder disfrutalo; do pequena que é a vida e o pouco que a veces se valora e se disfruta... E entón, pensei en dous amigos meus e o mero pensamento fíxome sorrir. “Carpe diem” dín os dous, e que razón teñen. Quizáis a felicidade tan só consista en vivir con intensidade todos aqueles momentos que te fan sentir ben... E na soedade da noite, sentinme acompañada por miles de persoas que buscan a felicidade en cousas tan pequenas e sinxelas como o estar alí, tumbada no chan e disfrutando da tranquilidade da noite, da inmesidade do Universo e os bos recordos.

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña


luns, 19 de agosto de 2013

** Bico

Podemos ler en A sombra do vento, unha obra do escritor americano Patrick Rothfuss, o seguinte fragmento: “Despois sentamos nunha pedra, cos pés na auga e gozando da mutua compañía mentres descansabamos. Compartimos unha mazá; fómola pasando e fómoslle dando dentadas por quendas, o cal, se nunca bicaches a ninguén, é case como beixarse”.


Quen así fala é Kvothe, o protagonista da obra citada, e a compañía á que fai referencia chámase Denna, unha moza da que Kvothe está namorado. Este ten que conformarse con “bicar” ou “beixar” a mazá, xa que a moza é inaccesible para el.

En galego temos tres palabras para referirnos a esta demostración de cariño: bico, beixo, e ósculo. A primeira, bico, procede do termo celta beccus, que significa “peteiro, bico”, de aí que un bico (entre outros significados) tamén poida ser a boca das aves. A seguinte palabra, beixo, procede do étimo latino BASIUM (e beixar de BASIARE), e do cal podemos ver a súa evolución noutras linguas románicas: beijo, beso, bacio, baiser... Por último, ósculo é un termo que se usa como cultismo nunha linguaxe xa moi coidada e específica.

Ademais destas dúas palabras para referirse aos bicos, oscula e basia, os romanos tiñan unha terceira, suavia; e distinguíanas segundo o seu carácter: os oscula era bicos de amizade, os basia de amor e os suavia de paixón.
Non obstante, hai quen pensa que os basia tamén se empregaron cun significado máis pasional, xa que o poeta latino Catulo (século I a.C.) mencionábaos nos seus poemas cando se refería á súa amada: “Vivamos, mea Lesbia, atque amemus (...) / Da mi basia mille, deinde centum, / dein mille altera, dein secunda centum, / deinde usque altera mille, deinde centum” que traducido sería algo como “Vivamos, miña Lesbia, e amemos (...) / Dáme mil beixos, logo cen, /despois outros mil e de novo outros cen, / despois mil máis, despois outra vez cen”

En calquera caso, ósculos, bicos ou beixos sempre serán benvidos.

.....................................................................................................................................
Estrela de Xullo

venres, 16 de agosto de 2013

** O gran heroe americano

Willian Katt, Robert Culp e Connie Selleca protagonizaron na década dos 80 a serie de humor: "El gran héroe americano". Uns extraterrestres regálanlle un traxe para voar a Ralph (William Katt), un profesor que perde o libro de instruccións do traxe e voa como boamente pode... A sintonía é de Joey Scarbury e a canción titúlase: "Believe it or not". Os creadores de Superman denunciaron á serie por considerala un plaxio da película. O acertixo musical da semana pasada queda, pois, desvelado.

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Julio Torres