sábado, 17 de marzo de 2012

** Un día gris. Reflexións acertadas ou non...


SANXENXO. Julio Torres

Escribir reconforta ós escritores cando se ten algo que contar. Incluso cando non, din outros. Ver chover alegra os secos campos e enche de alegría os encoros. Hoxe choveu, estivo nublado. Foi un día gris, no que apenas agromaron os raios do sol que se quedou a xogar ó escondite por momentos, máis logo optou por botarse a durmir unha prolongada sesta. Desas sestas eternas das que te levantas desnortad@.

O que malo pode ser para algúns bo é para outros. E no tempo, tamén pasa. Iso lémbrame eses refráns que sempre teñen dúas caras e do que coido que xa vos falei nalgunha ocasión. Sempre, ou case sempre, hai un dito popular para todo. Marzo ventoso e abril chuvioso fan a maio florido e fermoso, entra en profunda contradición co de que ata o 40 de maio (o 9 de junio enténdese) non te quites o saio. ¿A cal lle faremos máis caso? Depende...

Máis alá de ditos e refráns, os días tristes chuviosos infunden reflexión e respeto tinguidos dun gris ácido. Nestes tempos de crise, a desilusión, a desmotivación, o desánimo e a decepción agroman entre unha poboación farta de abusos e peticións inxustas, namentres os verdadeiros culpables da crise (ou cando menos, os que máis) se pasean nos seus coches de gama alta e se rin dos sacrificios que teñen que pasar as clases medias e baixas. Eles, namentras, disfrutan de paraísos económicos e de lecer. De vez en cando fan zapping nos canales da televisión que emiten as penurias que pasan os parados ou os empregados que ven como se lles recortan dereitos e soldos.

Noutro canle da televisión , un banqueiro de constitución física de ouro macizo, cunha pensión próxima ós 3.000 euros mensuais, acércase a unha farmacia a levar varios medicamentos sen pagar un céntimo.

Novamente zapping. Sae un político que é diputado é concellal, e outro que é senador e concellal. Ambos perciben dietas e ven como as súas viaxes a destinos lonxanos. Ata China se fai falta, ou á útima feira de turismo.

Máis zapping: nunha canle falan de varios expresidentes que perciben soldos por ter sido presidentes de goberno, pero que non renuncian a eles incluso cando traballan en empresas privadas ou en institución públicas.

Preme outra tecla no mando da televisión. Un xulgado condena a cadena perpetua a un neno que roubou unha mazá, pois non tiña para vivir. Pola contra, altos cargos constitucionais serán declarados inocentes aínda que roubasen o ouro e o mouro de todo o planeta. A xusticia existe, pensan moitos cidadáns, namentres a crise leva por diante os seus poucos aforros. Outros, levoullos o seu banco de toda a vida por unha preferente estafa da que ninguén é culpable. O mundo ó revés pensa a poboación.

Cambio de canal unha vez máis: un político chega nese intre a un mercado ou plaza de abastas a facerse a foto de rigor na campaña, plaza que so visita de catro en catro anos co mesmo fin....

Un último intento: as últimas novas da Igrexa. A súa última campaña por recaudar fondos na Declaración da Renda. Na Cope, entrentanto, da comezo o programa de Deportes, feito polos memos que uns anos antes traballaban na Cadena Ser e que, a golpe de talonario, ficharon pola cadena da Conferencia Episcopal. Fan falta fondos para a Igrexa, aínda que non nota a crise. Soamente nos anunciantes nos seus diferentes medios de comunicación. Menos mal que son apolíticos e que están contribuínda na política de austeridade do Goberno. Menos mal...

Namentres, na cidade da Cultura de Santiago chove. A xente abre os paraugas, pero é incapaz de parar a multitude millóns de gotas de auga que caen por alí. Alguén di: “se fosen cartos, que ben nos virían...” Chove, chove con forza. O día está gris, moi gris. Preto de alí, na Lavacolla, alguén colle un avión destino aeoroporto de Castellón… Non obstante, a palabra crise non existe “crise, ¿que crise?” exclama alguén...

De fondo soa música. Unha voz transforma en marrón un día gris. Segue a chover. Lonxe de amaniar, a chuvia cae con máis forza...


martes, 13 de marzo de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...12 ao 18 de marzo


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao




marzo-12 1988 Primeiro número do xornal editado en Vigo, de información xeral, deseño innovador e considerable porcentaxe de edición en galego, Diario de Galicia.


marzo-13 1840 Nacemento en Lugo de Xoán Montes, autor da música do poema de Rosalía "Negra Sombra", presentado en Cuba en 1892. Importante músico galego.
marzo-13 2003 Falece en Madrid Lois Tobío, activo defensor da lingua galega, xurista e redactor, entre outros, do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia no ano 1931.


marzo-14 2007 O Parlamento galego aproba unha proposición non de lei para solicitar do goberno que a lingua galega compute como mérito para ser funcionario municipal, tal como acontece xa en Cataluña e no País Vasco.


marzo-16 1887 Nace en Oza (A Coruña) o narrador e escritor José Francisco Lesta Meis, autor da novela Estebo. marzo-16 2007 Sinatura do primeiro protocolo de colaboración entre os departamentos de Política Lingüística dos gobernos catalán, vasco e galego, para traballaren coordinadamente no avance do plurilingüismo no Estado español.


marzo-17 1935 Fúndase en Vilagarcía de Arousa a sección galega da Falanxe Española, que había ter consecuencias tan nefastas para a cultura e o idioma galego nas décadas seguintes, durante a ditadura franquista.
marzo-17 2007 Cidadáns franceses maniféstanse en Béziers baixo o lema «Anem! Per la lenga occitana! Òc!» (Vamos! Pola lingua occitana! Si!), en defensa do occitano, idioma minorizado polo Estado francés, e que practicamente carece de protección lexislativa.


marzo-18 1702 Data de bautismo, e probablemente de nacemento (de ser bautizado no mesmo día, como era habitual) de Diego Antonio Cernadas de Castro, o crego ilustrado coñecido como o Cura de Fruíme. Na partida de bautismo non se recolle expresamente ese extremo de se o nacemento foi nese mesmo día ou non. Varios historiadores galegos dan outras datas de nacemento, incluso de ano.
marzo-18 1925 Morre o arcebispo de Santiago e poeta en lingua galega Manuel Lago González, que nos Xogos Florais do ano 1891 pronunciou o discurso "Gabanza da lingua Galega".
marzo-18 1951 Créase a Casa de Galicia das Palmas de Gran Canaria.





É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).

domingo, 11 de marzo de 2012

** A aliteración doS SonoS


SANXENXO. Julio Torres

Suave e sibilinamente sixilosa susurráballe sempre os seus pensamentos sen saber que soían ser certos. Despois arrepentíase ó decatarse das súas equivocacións. Soas, na oscuridade, as súas bágoas espían máis un espíritu senlleiro e desconsolado. Un ser que escorregaba sobre os medos alleos e saltaba para salvalos. Contradictorias verbas e incoherentes prácticas tinguidas do sangue das candeas amarelas erguidas na mesa. Coas mareas subidas bañábase ansiosa e con elas baixas escapaba detrás das gaivotas. Significados difusos. Confusión. Dúas horas despois detíase pois os folgos precisaban vitaminas. Sentada no descampado as súas forzas desafiaban ós cortos soños profundos. Neles os mariñeiros pescaban nas barcas e as mulleres cosían as redes. Sintonía na desunión. As augas tranquilas e quedas. Todos estaban sans e salvos. Sobraban os minutos. Nuns segundos espertaba desperezándose sobre as herbas, consciente e confusa tras a silenciosa sesta. Sí, un sono vestido co disfraz de pesadelo.

luns, 5 de marzo de 2012

** Efemérides. Tal día coma hoxe...5 ao 11 de marzal


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao




marzo-05 1888 Nace, na cidade vella de Ourense, Ramón Otero Pedrayo, a quen se lle chamou "o patriarca das letras galegas".
marzo-05 1894 Curros chega á cidade da Habana, desde onde segue usando e defendendo o galego.


marzo-06 1906 Nace en Carballeda (Lugo) Maruxa Villanueva (M.ª Isaura Vázquez Blanco), actriz na emigración en Arxentina e gardesa da Casa-Museo de Rosalía dende 1971.
marzo-06 1924 Nace en Negreira o que será catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca, Xosé Luís Pensado Tomé.


marzo-07 1908 Morre en Cuba, no sanatorio do Centro Asturiano da Habana, o celanovés Manuel Curros Enríquez, figura do Rexurdimento e poeta civil da Galicia do século XIX.
marzo-07 1970 Constitúese en Ourense a Agrupación Cultural Breogán.


marzo-08 1878 Primeiro número de El Eco de Galicia, fundado na Habana por Waldo Álvarez Insua.
marzo-08 1917 Morre na Coruña o poeta Eduardo Pondal.
marzo-08 Día internacional da muller traballadora. As mulleres contribuíron moi directamente á transmisión interxeracional da lingua e da cultura galegas ó longo dos tempos.


marzo-09 1695 Nace en Vilafranca do Bierzo, onde temporalmente residían seus pais, o erudito e ilustrado galego Pedro Xosé García Balboa, coñecido como o Padre Frei Martín Sarmiento, o grande investigador e defensor do galego no século XVIII.
marzo-09 2002 Falece en Vigo o escritor Carlos Casares Mouriño, presidente do Consello da Cultura Galega.


marzo-10 Día da clase obreira galega, un sector social que maioritariamente empregou a "lingua proletaria do meu pobo", na expresión do poeta Celso Emilio Ferreiro.


marzo-11 1860 Nace en Ourense o xurisconsulto, periodista e poeta, Alberto García Ferreiro.
marzo-11 1881 Curros Enríquez é definitivamente absolto pola audiencia de apelación da Coruña tras a condena inicial da de Ourense pola publicación do poemario Aires da miña terra.


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).