martes, 19 de febreiro de 2008

** A voz interior

¿Débeselle facer caso a voz interior ou é mellor mandala calar? Depende. Eu levo uns días así, dubidando. A voz interior dime que teño que buscar unha resposta. O sentido común dime que pase páxina. A voz interior dime que non, que non se pode pasar páxina. O sentido común dime que agora xa non importa nada. A voz interior non me deixa durmir. O sentido común dime “¡serás parvo!”. E así levo varias semanas. Empezo a preocuparme. Todo foi por unha tontería, asomeime ó pasado dende a ventá Google. Vale, vale, vou ser claro: tecleei un nome no buscador e devolveume unha biografía detallada. Non o debín facer, non cambia nada. Xa sabía que era unha persoa extraordinaria aínda que non coñecía certos detalles. Realmente non sei o que sinto, non sei cal é o verdadeiro motivo do meu malestar. Supoño que será unha especie de nostalxia, un estúpido desexo de pretender recuperar a maxia. Ou ó mellor nin eso, ó mellor o que realmente me gustaría é recuperar un tempo xa pasado. Síntome así, como se despois de dar mil voltas o meu destino fora o meu punto de partida. Pero, claro, este é un tema complicado de explicar e moito peor de entender. Ela podería entendelo, que para algo é unha experta en descifrar textos enrevesados. Podería, mais non creo que esté disposta. En fin, creo que non vou facer nada. Non o nego, xa me gustaría que os nosos camiños se volvesen a cruzar. Non depende de min. Non sei por qué precisamente agora me entra esta necesidade de saber a verdade, de buscar unha resposta que me foi negada hai anos. Trato de comprendela e non podo. Supoño que tomar a decisión de dinamitar un matrimonio non debe ser sinxela. Entón, por qué xogar cos sentimentos dos demais, por qué ese arrepentimento de última hora despois de exporse tanto, non o entendo. ¿Medo a perder os fillos? ¿Acomodamento? Tanta filosofía, tanta teoloxía, tanto doutoramento, tantos libros publicados, tanto falar de ética, de valores, de moral, e logo, tanta incoherencia na vida privada. ¡Manda carallo! Inda vai conseguir que aflore a miña vena preiteante e lle caia unha demanda por danos e prexuízos. Síntome víctima.
Nota: ¿Algún consello? ¿Qué faríades vos?




UN RELATO REALIZADO POR: Alvariño
Gran colaborador de A Lareira Máxica

luns, 18 de febreiro de 2008

** Humor gráfico para empezar ben a semana

domingo, 17 de febreiro de 2008

** A voltas co galego

Creo que unha das finalidades que debe ter a TVG é a difusión da nosa lingua e da nosa cultura. Tamén penso que na TVG, moitas veces, fálase un galego demasiado académico e artificioso, onde fenómenos como a gheada ou o seísmo non teñen cabida, cando son rasgos característicos da nosa lingua oral. Outras veces, nos medios, fálase en galego pero nin sequera coa entoación propia do galego, ou non se diferencian correctamente ás vocais abertas das pechadas. É un galego de laboratorio que resulta moi falso. Non sei como será a formación en lingua galega que reciben os xornalistas e os presentadores da TVG, posiblemente debería mellorarse.

Xa me estou liando, coma sempre, así é todo vou contar unha anécdota: miña avoa, que morreu con case 90 anos e falou galego falante durante toda a súa vida, dicía que non entendía a Televisión Galega e sempre me pedía que lle cambiara de cadea. Non chocheaba, simplemente prefería ó castelán fronte a aquel galego “raro”.

Non se pode xeralizar, mais un día coincidín cun dos conductores do telexornal no Corte Inglés de Santiago e faloulle en castelán ó peixeiro. Outro caso que me chocou foi o dunha presentadora moi coñecida da galega que me atopei nunha cafetería.


...Ampliar/recoller resto do artigo [ +/- ]


    Estaba a falar castelán, o sea... o sea..., matándose por imitar ó acento pijo madrileño mentres que o seu interlocutor lle contestaba en galego. ¿Qué pasa? Que o galego non é o catalán. En Cataluña existe un forte sentimento de orgullo con respecto ó catalán. O catalán é para os cataláns a súa lingua propia. En Galicia non pasa eso, non existe esa identificación de todos os galegos co galego. Moita xente soamente usa o galego en determinados medios de comunicación porque é a súa obriga e logo na vida privada prefire o castelán. ¿Pódese impoñer o uso dunha lingua a unha colectividade? Rotundamente, non. Eso xa o fixo Franco despois de gañar a guerra.

    ¿É unha lingua mellor que outra? Rotundamente, non. Neste noso país, inda quedan moit@s papanatas, algúns deles nin sequera remataron o bacharelato, que pensan o contrario. Por exemplo, hainos que despois de seren galego falantes toda a vida, ós trinta e tantos empezan a falarlle castelán ós fillos coa escusa de que os mandan a colexios de Santiago, tan públicos coma o colexio público do concello no que vivo, que é limítrofe co de Santiago. Algo está claro, seguen a pensar que o idioma da cidade é o castelán. Outras persoas identifican unha opción política co uso do castelán e rexeitan o galego. ¿Por qué o farán? Pois sen ser eu Freud, penso que é porque seguen acomplexados . No fondo, seguen a pensar o de sempre, o mesmo que lle inculcaron na escola dos anos cincuenta a meus pais, que “falar castelán é falar ben”. Eso si que me fastidia, eses puñeteros complexos. Paréceme ben que cadaquén decida libremente, pero eso si, en plenas condicións de igualdade. O galego forma parte da noso patrimonio cultural, é unha riqueza, nunca un idioma de segunda.






ARTIGO-OPINIÓN REALIZADO POR: Alvariño
Gran colaborador de A Lareira Máxica

sábado, 16 de febreiro de 2008

** O telexornal de Galicia TV en castelán!!!!!!!!!!!!!!!!!

Onte pola noite estaba vendo a canle dixital da galega. En principio está destinado para Galicia TV América. Chamoume sobremaneira a atención que o telexornal das 00:30 vai en......castellano. Sí, o presentador Manuel Torrente falando en castelán. Ver para crer. Descoñezo se é algo que se ven facendo desde hai tempo. Dáme que sí. Non o entendo. Eu cría que o obxectivo principal da CRTVG era a difusión e potenciación do idioma galego. Entón, ¿por que un telexornal nocturno en castelán? A maior abondamento, o resto da programación é en galego.

A miña opinión é que debería este telexornal debería emitirse en galego. Sí, xa sei que vai para os países de fala hispana de América, pero se o obxectivo é potenciar o idioma, coido que así non se consigue. Se o que pretenden é informar do que acontece en Galicia e España, para iso xa teñen a canlde de TVE-Internacional.

Por certo, oxalá que o galego que se fale alí se identificase co que fala o pobo e non fose tan artificial. Será normativo, pero so eles e os lingüistas o falan.

Doutro lado, creo que xa é hora de que tódolos anuncios da TVG se emitan en galego. Sí, xa sei que depende da vontade dos anunciantes, pero a estas alturas e, logo de máis de vinte anos de TVG, xa é hora.

Non quero malentendidos: son galego falante, aínda que son partidario do bilingüismo (para mostra: A Lareira Máxica, que admite artigos en galego e en castelán). Nembargantes, neste caso creo que se ó fin principal dunha televisión é a difusión do noso idioma, creo que se debe falar so en galego na radio e televisión galega. Outra cousa é o idioma que se poida empregar no mundo da educación ou noutras institucións. Aí estou a favor do bilingüismo.

¿Vós que pensades de todo isto?




UN ARTIGO-OPINIÓN ELABORADO POR: Julio Torres
Coordinador de A Lareira Máxica