venres, 16 de xuño de 2006

** Os primeiros comentarios vosos!!



Cando o 1 de maio deste ano din vida a este blog foi cunha dobre intención:

1- Poder pór en funcionamento un blog no que poidera escribir todo aquilo que me apetecera escribir

2- Que fomentase a partipación dos que entrarades no blog: que comentarades os meus artigos así como poder redactar os vosos propios artigos para logo colgalos neste blog.

Ata o momento, o blog estaba sendo bastante visitado, pero non era participativo. Ata hoxe. Leveime unha moi grata sorpresa cando hoxe, Rommy me comentou que me enviara dous comentarios sobre dous artigos meus...¡que boa noticia!. Non esperaba menos de ti Rommy. Sabes que me gusta que comentes cousas e que te animes a publicar algo teu. Sei que o vas facer. Por este motivo, moitas gracias!!!!.

As dúas opiniós refírense óa artigos "Hoxe é...martes e 13 ¿supersticioso?" e "a amistad e os amigos".

Que sepas que son os dous primeiros que se fan no blog, polo que, para sempre, vaiche quedar o título honorífico de ter sido a primeira internauta en estrear os comentarios desta páxina (a pesar de que non sexa nada do outro mundo)....
Agora falta que o resto vos animedes. Gustaríame moito. Así que animádevos. Entre tod@s podemos facer un blog mellor. Non so con artigos, senon con suxerencias e outros consellos. Xa sabedes que estou aberto a tódalas propostas e tereinas en conta.

Boto en falta a partipación dalgunhas persoas en concreto. Confio en que non me decepcionen e se animen a participar no blog do xeito que consideren máis oportuno: cometntarios, artigos, paranoias, consellos, suxerencias,.....

Un saúdo a tod@s!!!!

P.D.: Espero que che gusten as fotos...Xa che dixen que tería premio...As promesas hai que cumprilas. Hai que tratar de que sexa así, senón terían razón "Los Piratas"´cando falan das promesas que non valen nada.

xoves, 15 de xuño de 2006

** Ser periodista


Onte falaba cunha boa amiga coa hai tempo que non tiña o pracer de conversar. Ela é periodista. Unha bonita profesión. Todos sabedes que é ser peridista. Prensa, radio e t.v. son as saídas máis habituais dos licenciados en xornalismo.

Traballar nun informativo coma presentador ou reporteiro, facer un programa de radio ou tele, currar nun xornal, nun gabiente de prensa dunha empresa ou institución, levar adiante labores de producción televisiva ou radiofónica.....son algunhas das posibilidades laborais dos xornalistas...

O que non todo o mundo coñece é a dureza das condicións laborais e económicas, o stress.... Contratos en precario e que se van renovando periodicamente, fomentando unha explotación fraudulenta amparada por quen non debía. Traballar sabendo a que hora entras, pero non a que hora saes....

Un xornalista, en moitos casos, non pode dicir que as fins de semana descansa. Se desempeña a súa profesión nun xornal, librar un fin de semana é algo maravilloso. O normal é librar cada 15 días, pero non tódalas fins de semana.


Chegados a estas alturas a algún de vós ocurriráselle dicir que ós xornalista páganlles moi ben....Pois sería mentira se pensades iso!!! Salvo que sexas un Gabilondo, un José Ramón de la Morena, ou unha desas estrelas que todos coñecemos, os restantes van cobrar un salario baixo, e se levas poucos anos, pouco máis do salario mínimo. É certo.

Os empresarios xornalísticos empregan a lei da oferta e da demanda. Algún chegou a dicir que "o kilo de periodista vai barato porque hai moita demanda é pouca oferta" e que, ó fin e ó cabo, van currar do que lles guste...como se o normal fose traballar do que non che gusta. O normal sería precisamente, facer o que a ti che gusta e para o que estudiastes unha carreira universitaria catro ou cinco anos......

O comentario desta lei da oferta e da demanda ten reminiscencias escravistas e recorda á época feudal e ós señores que explotaban ós vasallos. Desgraciadamente, non está moi lonxe da realidade.


Teño amigos xornalistas, dos que podo asegurar que están moi ben preparad@s e valen para ser xornalista. Sen embargo, a súa enorme valía, está inxustamente desaproveitada. Outros malviven debido á escasa remuneración económica e a dichosa lei da oferta e da demanda. Outros son víctimas por culpa de que en certas empresas prime o compoñente "Fenosa" (non ía ser menos esta profesión....)...En definitiva, que se están a aproveitar da xente que empeza, e da que necesita ter ingresos económicos a toda costa para vivir (algunha con vintetantos anos ou con cargas familiares), a costa de remunerarlle o seu traballo moi moi mal.

Existe tamén outro motivo non menos importante: os medios de comunicación presumen de obxectividade e imparcialidade, de non posicionarse cun partido político ou con outro. Mentira!!! E senón probade a ler calquera día os xornais "El Mundo" e "El País" . Dúas ideoloxías políticas completamente distintas.

E se prefiredes probar sorte na t.v. dous claros exemplos son "Antena 3" e "Cuatro". Exactamente igual que o exemplo anterior.

Traballar nos medios supón moitas veces tragar, mal que pese, coa ideoloxía política dese medio, porque se ti vas por libre corres o risco de irte á rúa... Digamos que nunha gran parte dos medios pasa iso. E nos que non pasa é porque non están aliados cos políticos de turno, non reciben subvención, son medios pequenos e, é bastante probable, que se non teñen cartos para autofinanciarse acaben pechando....

Logo tamén está o fenómeno migratorio ás grandes cidades, ou senón traballar en calquera outra profesión con tal de ter cartos. ¡ Qué triste e inxusto!


Por último, hai que engadir o compoñente stress no traballo diario. As présas, os agobios, as presións.....Todo é moito máis difícil do que parece. Para facer un informativo, unha noticia,.... hai que pasar por momentos que non se ven pero que acontecen. E ese esforzo non sempre é recompensado na súa xusta medida. E ten efectos secundarios, cual medicamento, na propia saúde do xornalista.

Remato: a tódolos meus amigos xornalista, ánimos compañeir@s, que vos valedes moito. O problema non é voso, é cuestión de sorte, e que os empresarios vos valoren ben económica e profesionalmente, amén de deixarvos traballar con liberdade ideolóxica.

A to@s MOITA SORTE, compañeiros!!!!!

mércores, 14 de xuño de 2006

** Alegría contida


España gañou hoxe 4-0 a Ucrania. Xogou o partido na hora da sesta.... Non tivo maior dificultades para imporse a unha débil Ucrania (os do galego normativo creo que dirián Ucraína, pero para min é Ucrania....e que se deixen de lerias baratas).

Titulo o artigo facendo referencia a unha ledicia contida. Penso que en España logo pasamos da euforia á decepción. Un partido non di nada. Nin para ben nin para mal...e senón que llo digan ó Pontevedra C.F. que non poderá ascender a segunda división "A" a vindeira tempada por ter 20 minutos horrorosos co filial do Sevilla "B" e logo de rematar as 38 xornadas da liga regular en 2ª posición....ou a outros equipos que remataron primeiros grupo e correron a mesma sorte...que inxusto ¿non?....

Disgresións aparte, o que tento de dicir é que un partido no que xogaron ben e marcaron moitos goles non quere dicir nada. Un xuízo hai que facelo ó final. É precipitado xulgar a España so polo primeiro partido. Sigo dicindo que oxalá me equivoque pero creo que non pasaremos de cuartos......

Con que perdamos o partido de octavos ou o de cuartos xa nos imos para casa, a pesar de que arrasemos na primeira fase....que, por certo, está por ver. Non se podo vende-la pel do oso antes de cazalo.....Non vaia ser que ó final sexamos o cazador cazado...

Insisto, a alegría debe ser entendida con cautela e precaución....non se pode insuflar unha alegría desmesurada por so 90 minutos bos....Pode acontecer o efecto "montaña rusa" (tan pronto subes como baixas).



Oxalá me equivoque e gañemos o Mundial. Pero son moi escéptico coa selección. Tan so é cuestión de remexer superficialmente os nosos recordos e algunha hemeroteca. E logo será cuestión de buscar un chivo expiatorio no que descargar os males da nosa selección. Que se o adestrador non ten nin idea, que si o árbitro nos roubou o partido (pode pitar mal algunha xogada pero un partido dura 90 minutos...).


Do único que estou seguro a día de hoxe é que me gusta a canción que emprega CUATRO como fondo musical para o mundial. O tema é o de "Sr. Trepador" con "Vamos"....Dura pouco máis dun minuto pero é pegadizo ó máximo. Se chega a ir ó Festival de Eurovisión ata gañaría polo ritmo que ten....e non coma outras desafotunadas canción eurovisivas...


Ademais, gústame máis que "Opá, vamó a por el Mundía", que creo que está rizando o rizo e desgastando unha canción que foi concebida na súa versión orixinal para ser un tema musical tan so. As versións pode danar á canción e ó cantante, porque supón saturar dobremente ó pesonal cunha canción no verán.....a pesar de que sexan dúas versión "distintas".

Ser orixinal sempre é máis bonito, e cando a canción foi concebida unicamente para o mundial, moito mellor.

A ver se a seleccióne española se sigue contaxiando do ritmo da canción e nos da, este mundial si, unha gran alegría.....De momentom, soñar non custa nada.....

martes, 13 de xuño de 2006

** Hoxe é....martes e 13 ¿supersticioso?

Xa había tempo que non caía en martes. Non lembro cando foi o último. Tampouco sei porque o número é maldito. ¿por qué ese e non outro?.

Pero empecemos polo principio. Hoxe é MARTES e 13. Os supersticiosos estarán desecando que pase o día canto antes. A min pois dáme igual. O do martes é 13 é unha tontería….

A ver porque hoxe e non mañán o de pasar por debaixo dunha escaleira, ou que se che cruce un gato negro,….¿Por qué un día 13? Que ten de maldito este número e non o 19, o 66 ou o 69….¿E por que un martes e non un mércores? De feito, cando nos cabremos dicimos “mércores” e non martes….

Son so unhas simples refexións. Ó final creo que se reduce todo a que hoxe é o día dos supersticiosos, como outro é o día mundial sen tabaco, o día da muller traballadora, o do pai, o da nai, e un longo etc.

O que digo sempre, cando nos queiramos dar de conta cada día do anos estará adicado a unha cousa distinta. E iso será porque o resto do ano non hai pais, nais, bicicletas, tabaco, enfermedades, etc. Que absurdo!!! Tódolos días pode pasar de todo. Entón ¿por qué reducilo a un so día?

¿Resposta? Nalgúns casos ten afán comercial ou recaudatorio para determinados fins, noutros nin iso. É o caso do martes e 13. De momento non venden gatos negros ou números xigantes ou nada parecido para fomentar o consumo, pero tempo ó tempo…que todo pode ser…

Se nos documentamos sobre o tema podemos atopar numerosas explicación sobre porque o martes e non outro día, por qué o dos gatos negros, o da escaleira,etc., pero aínda así, non sei.

O curioso é que para algúns, todo o contrario, isto é, para algunhas persoas o martes e 13 e un día máxico que trae sorte. Está claro que non sempre chove a gusto de todos. Lóxico.

Os detractores do martes 13 apoíanse para justificar a maldición de tal data en que que na “Última Cena” había 13 comensais, en que a cábala daba conta de 13 espíritus do mal; a chegada do Anticristo e a Besta recóllense no capítulo 13 do Apocalipsis; no Tarot este díxito fai referencia á morte; Eva tentou a Adán coa mazán un martes e 13, a mesma data en que se produciu a confusión de lenguas na Torre de Babel. Amais parece ser que o Tarot fala do 13 como o número asociado á morte. Entre outros, estes son os grandes motivos da maldición do número 13.

¿E do martes? A parte do suceso da Torre de Babel, dise que garda relación con que "Marte", según a mitoloxía grega, é o deus da guerra, polo cal o día martes está rexido polo planeta vermello, o da destrucción, o do sangre e a violencia.

Pola contra, o día da superstición en EE.UU. e noutros países de cultura anglosajona consideran o día “malo” o venres 13 e non o martes, porque argumentan que foi o venres o día no que se crucificou a Xesús. De feito, se lembrades as famosas películas Venres 13 de terror utilizan o reclamo desta data. E en internet existe o virus venres 13…..

¿E que teñen que ver os gatos negros no tema da superstición? Curiosamente isto non foi así sempre, xa que alá polo ano 3.000 a.C., tiña carácter sagrado e estaba prohibido matalo. Se morría algún gato negro, toda a familia tiña que acudir ó enterro.

Cos gatos negros detívose a peste negra que invadiu a Europa durante 100 anos, pero a pesar disto seguimos tendo asociados ós gatos negros á brujería e ós feitizos. A idea de que non poidamos cruzarnos con eles parece ser que ven da Idade Media. Entón as rúas enchéronse de felinos, sobre todo negros. As vagabundas ían con eles a tódolos sitios, e durante a Inquisición acusábnas de bruxería xunto coas mascotas.

Ah!! e se querías casarte nun martes e 13 mellor cambia de idea non vaia ser...De tódalas formas non coñezo a ninguén que se case a principios de semana.....
Todo o que acabo de cometar está recollido en moitos libros, en internet, e na mesma tradición popular. Aquí so me fixen eco dalgunhas cousiñas para ilustra-lo tema…..

Sexa como fose, vaia para os máis escépticos nestes temas o dito popular: “non creo nas bruxas pero habelas hainas”. Que cada un saque as súas propias conclusión.