** Contos populares arredor de A Lareira Máxica (nova sección): O raposo e os cans
Estaba un día un home no monte cargando un carro de estrume para os animais, era tarde, xa cáseque a hora de comer, e laiándose dixo:
Ai!, que tarde é!, e eu ainda sen terminar, hoxe non como...
O raposo, que andaba por alí, ao oír falar de comer, interesouse e foi xunto do home:
- Bos días,home, que problema tés?
Bos días, raposo. Nada, que xa vai ser hora de comer e aínda teño o carro sen cargar.
Se queres, axúdoche eu...
E farías iso por min?
Claro, pero..., que me das a cambio?
Bueno...-dixo o home cabilando- teño catro galiñas vellas no corral, se me axudas son túas.
Vale.
O home mailo raposo cargaron o estrume no carro, e o raposo acompañou ao home para que lle fixera a entrega do prometido.
Ao chegar cerca da casa díxolle o home:
Mira, tí quedas aquí, cólloche as galiñas e velas buscar cando te chame.
Vale.
O raposo, que non se fiaba, achegouse pouco a pouco á casa e oíu ao home discutir coa súa dona.
Que vas facer coas galiñas?-dixo a muller.
Vou metelas nun saco que prometinllas ao raposo por axudarme a cargalo carro.
Como? Para que se avicie e despois veña buscar máis...Diso nada! Era o que che faltaba! Bótalle os cans, bótalle os cans!
Pero muller, se eu prometinlle as galiñas, …, ademais son vellas...
Érache boa! Co bo caldiño que fai unha boa galiña vella... Diso nada! Bótalle os cans!Bótalle os cans!
Pero muller...
Nin pero muller nin rabo de gaitas: Bótalle os cans! Bótalle os cans!
E o home, todo apenado xa que lle prometera as galiñas ao raposo que tanto lle axudara, colleu os cans e meteunos no saco.
Ao que saíu, veu ao raposo ao lexos e chamou por él:
Raposo! Vente! Ven coller as galiñas que están no saco.
Ai, non! Bótamas de lonxe, que as pillo mellor...
Vente, oh! Ven buscalas galiñas... que se chas boto de lonxe poden escapar!
Galiñas serán, pero cheiranme a can... Bótamas dende aí que xa as collo!!!
O home abriu o saco e saíron os cans correndo e ladrando. O raposo, que xa oíra a conversa, púxose a correr todo canto lle daban as súas patas. Para que os cans perderan o seu rastro, meteuse por entre os toxos e as xestas, cando creu que xa os perdera de vista foi cara o seu tobo, e refuxiouse nel. Todo canso e aínda co susto no corpo decía así:
Ai, miñas patiñas! Ai miñas patiñas bonitas! Que grazas a vós non me paparon os cans.
E eu? E eu? E eu qué?- díxolle o rabo
Ti? E ti? Ai!, tí gran cochino! Ti que ías engargallándote nas silvas e nos toxos!!!
.....................................................................................................................................
SANXENXO. Conto narrado por Emilia Bouzada e recollido por Mary Camiña




