martes, 1 de maio de 2012

** Xplora chega á TDT


SANXENXO. Julio Torres

Desde hoxe La Sexta 2 chámase Xplora e convértese nun canal de temática documental. Atrás quedarán as repeticións de programas e series xa vista en La Sexta para emitir, entre outros documentais, os producidos pola BBC británica ou por National Geographic. Será por tanto a competencia directa de Discovery Max (anteriormente emitía baixo o nome de La 10 programación convencional), canal especializado na mesma temática.

¿Chegará por fin a cultura á TDT ou so se trata de captar audiencia cando outras fórmulas fallan? Esperemos que os canais documentais se manteñan. Agora xa non so serán algúns programas de La 2 os únicos en emitir documentais, pois tanto Discovery Max coma Xplora son canais que os emitirán as 24 horas. Ougallá a aposta funcione. Mágoa que aínda exista telelixo en forma de Gran Hermano,etc. que da mostra do baixo nivel de audiencia e conformismo que impera na sociedade. Claro que nunca me fiei das medicións das audiencias. ¿Coñecedes a alguén cun medidor de audiencia na t.v.?

** A Lareira Máxica cumpre hoxe 6 anos na blogosfera


SANXENXO. Julio Torres

Coma calquera persoa, os blogs tamén cumpren anos. E xa sabedes que A Lareira Máxica empezou a alumear un 1 de maio de 2006. Tódolos anos por esta data falei dunha chea de cousas, polo que non quixera repetirme moito. Simplemente quero dicir tres cousas:

1- A ilusión que me levou a crear un blog en 2006 sigue tan viva ou máis. Fáltanme moitos temas dos que falar. Gústame escribir e animar a outras persoas que escriban, ou cando menos que opinen do que aquí se fala. Se agora non publico tanto non é porque non teña do qué escribir. ¡¡NON!! É porque outras prioridades reclaman a miña atención. So por iso.

2- É moi grato ver que os artigos que se publican en A Lareira Máxica reciban comentarios, pois animan a seguir escribindo máis artigos e axudan a establece un diálogo de opinións.

3- A Lareira Máxica naceu como un proxecto persoal que pouco despois se abriu a tod@s os que nela quixeran publicar artigos ou propoñer novas seccións. Sen os que escribides no blog, éste non tería vida. Así que quero, un ano máis, darlle as gracias a tódol@s colaboradores/as (os seus nomes aparecen na columna dereita, nas etiquetas de colaboradores/as) e a tódolos comentaristas. Ós que xa estaban e ós que descubriron o blog nos últimos meses. A tod@ MOITÍSIMAS GRACIAS.

[Lembrade que A Lareira Máxica ten páxina no face. O enlace tédelos arriba.]


luns, 30 de abril de 2012

** Efemerides. Tal día coma hoxe...30 de abril ó 6 de maio


NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao




abril-30 1917 Nace no Barco de Valdeorras (Ourense) o prolífico historiador Antonio Meijide Pardo.
abril-30 1963 O presidente da RAG, Sebastián Martínez Risco, comunicoulle ó Ministerio de Información e Turismo franquista o acordo de establecer como Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, e solicitou a súa autorización para levar a cabo esa iniciativa.
abril-30 1963 Falece en Ourense un dos escritores fundamentais da chamada Xeración Nós: Vicente M. Risco, autor da Teoría do nacionalismo galego e tradutor de obras europeas á nosa lingua.


maio-01 1932 Comeza a súa andaina a revista político-literaria luguesa Yunque, dirixida por Ánxel Fole.
maio-01 1941 Nace en Cáceres M.ª Victoria Moreno, escritora de literatura infantil e xuvenil en galego.
maio-01 1971 N.º 1 de Terra e tempo, un exemplo de revista monolingüe en galego, vinculada á UPG, no seo da emigración en Europa (editada primeiro en París e logo en Xenebra, e distribuída en diferentes países de Europa e de América). Terra e tempo nace na data de celebración do Día Internacional do Traballo.


maio-02 1901 Nace en Pontevedra Luís Amado Carballo, lírico renovador, cultivador sobre todo de poesía hilozoísta. maio-02 1988 Falece en Madrid o escritor ourensán Ben Cho Shey (Xosé Ramón Fernández Oxea).


maio-03 1710 O Ilustrado Padre Sarmiento, con apenas 15 anos, deixa Galicia, onde aprendera a falar en galego de forma natural e á que había volver só en tres ocasións, para facer o noviciado na orde beneditina.
maio-03 1980 Constitúese en Santiago a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG),«destinada a defender os intereses da práctica escrita en galego».


maio-04 1924 Castelao le, unha vez máis, un discurso en galego, O novo esprito, con motivo do seu ingreso no histórico Seminario de Estudos Galegos.


maio-05 1754 O erudito Padre Sarmiento inicia, desde Madrid, onde reside, a súa terceira e derradeira viaxe á súa terra de Galicia, sempre anotando no seu caderno palabras en galego.
maio-05 1963 Inaugúrase en Vigo a Biblioteca da Fundación Penzol, importante entidade que custodia moitos fondos bibliográficos e hemerográficos galegos.


maio-06 1912 Nace en Ferrol o pintor e autor de contos en galego José Leyra Domínguez.
maio-06 1929 Nace en Fisterra o escritor, editor e inventor Alejandro Campos Ramírez, que empregou sempre o pseudónimo Alejandro Finisterre. A el debémoslle a invención do Futbolín. Faleceu en 2007.
maio-06 1931 O Seminario de Estudos Galegos publica (Imprenta Paredes, Santiago) o Anteproyeito de Estatuto da Galiza.


É este un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).



xoves, 26 de abril de 2012

** Cambios en blogger e facebook e outras cousas


SANXENXO. Julio Torres

Non, non me fun de safari. É que, para variar, ultimamente non dispoño de apenas tempo para adicarlle ó blog. Toca ter paciencia. Menos mal que teño a sorte de contar cunha boa axudante que fai tamén máis do que pode, e vai moderando tódolos comentarios, os cales por certo estiven lendo hoxe.

A miña sorpresa foi ver cómo blogger impuxo esta semana o novo formato para os que temos e administramos os blogs. Os que o ledes non o notaredes pero os administradores moito. Hai a quen lle gusta máis e hai a que non lle gusta tanto. Eu estou entre estes últimos. É algo así como cando vas a un centro comercial e te atopas con que cambiaron todo de sitio e hai un novo decorado, etc. Prefería o formato de pestañas do diseño anterior. Pero o máis gordo non é iso, o tamaño da letra sae moito máis pequeno que no diseño antigo. Fotos espacios descadrados, letra capitular ou cambios nos artigos que non se gardan son algúns dos principais cabalos de batalla. As primeiras impresións que teño e que se fai moito máis difícil publicar co sistema html. Por contra, parece ofrecer outras posibilidades que a min non me quitaban o sono. Tocará habituarse. Por suposto, tedes que perdoar polos erros que se poidan cometer ó non dominar o novo formato.

Nova interfaz de BloggerNon me gusta nada que tanto Blogger como Facebook (onde lembro que tamén temos a nova páxina de A Lareira Máxica que tomo o relevo do antigo grupo do face), impuxeron neste mes o novo formato. Nun principio era optativo pero co paso do tempo fíxose obrigatorio. Ningún dos novos formatos me gustaba, pero éche o que hai. O lo tomas o lo dejas. Non queda outra.

Tamén descubro que un artigo que deixara listo o sábado (efemérides) para autopublicarse o luns, non se chegou a autopublicar. Espero que fose un erro puntual derivado da migración obrigatoria feita por blogger. Agardo que non afecte a futuras publicacións programadas e que non haxa máis sorpresas desagradables.

Tentarei na medida en que poida irei escribindo algo, pero no prometo nada. Tamén vos animos a que enviedes as vosas cousas que non recibimos nada ultimamente.Por último, alégrame voltar a ler comentarios de María -a cal se botaba en falta no blog- así como dos habituais do blog e non tan habituais. Xa sabedes que todo o mundo é benvido e as portas de A Lareira Máxica están abertas á vosa participación sobre calquera tema. Cómpre ler as premisas dos comentarios (ver formulario), xa comentadas outras veces.

E por hoxe é todo. Gracias por estar aí e pola vosa fidelidade. Por certo: xa so quedan uns días...




27-04-12 Descubrín que se pode voltar -cando menos polo de agora- a rescatar a interfaz anterior e volto a ela pois no novo formato salen (como podedes comprobar no anterior artigo das efemérides) as letras máis pequenas por culpa da linguaxe HTML (en concreto polos "div")

01-05-12 Estou observando con que hai problemas nos artigos escritos para autopublicarse. Algúns non se están a publicar ó chegar o día e a hora programados. Antes do cambio isto non sucedía. Incluso agora que voltín a antiga interface continúa a pasar. Espero que so sexa un problema temporal.