SANXENXO. Mary Camiña
Hai acontecementos que fan encollela alma. Encóllese, encaracólase, engrúñase, e así permanece días e días, nos que non es persoa nin nada, simplemente un corpo que se move por inercia. Nin dormes, nin queres pensar, porque alma está encollida e non quere falar.
Pero entón, a alma comeza a removerse e quere gritar e doe, doe moito moito. Non queres deixarlle gritar por medo a que doia ainda máis, e intentas facela calar. O pouco que dormes convértese nun pesadelo e todo o que sucede ao teu redor parece un mal soño do que has despertar dun momento a outro. Pero non, nin é un soño nin has despertar.
A alma, que segue adoecendo por gritar farate enfadar e gritar e chorar sen consolo, para despois ir acougando.
E amosarache que a realidade é a que é, chea de cousas malas, pero tamén moitas boas. E a alma debece por agarrarse ás boas: a cada sopro de aire, a cada raiola de sol, a cada sorriso dos nenos, a cada caricia do ser amado, a cada alento de vida...
A alma comeza a te encher por dentro, a facelas paces coa realidade, co mundo no que vives e a desaparecen os pesadelos.
Co tempo, só quedará unha cicatriz, un recordo, que ás veces doe, pero poderás sentir e rir e dormir e disfrutar da vida, xa non querrás despertar porque nunca foi un soño...e a túa alma xa non está encollida.