** Off
Estou pensando en ir pasar uns días a un mosteiro. O pior que me pode pasar é que lle colla gusto á vida monacal. Na miña casa sempre se dixo que nos mosteiros a vida é moi dura. Xa sabedes, que hai que madrugar moitísimo, pasar moito frío no inverno, comer moita sopa, que non hai tv nin radio,... Non sei de onde o quitaron. Meu bisavó foi maiordomo dun bispo e podo asegurarvos que no pazo do bispo vivíase requetebén. Xa sei que non é o mesmo, posiblemente nin sequera sexa comparable a vida dos príncipes da igrexa coa a vida da tropa, por dicilo dalgunha maneira.
Como recordo do bispo conservamos un crucifixo de bronce con “indulxencias plenarias”. Non me preguntedes qué son as “indulxencias plenarias”, non o sei exactamente. O caso é que llas puxo o bispo e serven para que che sexan perdoados os teus pecados na hora da morte. Explícome: cando unha persoa está maliña hai que poñerlle o crucifixo nas mans para que non sufra na agonía. Vamos, que en vez de facer a viaxe en turista farala en business. É un dicir, non sei si o crucifixo terá as virtudes que se lle atribúen na miña casa, é un misterio máis, unha cuestión de fe.
UN RELATO ESCRITO POR: Alvariño
Colaborador habitual de A Lareira Máxica






