domingo, 8 de decembro de 2019

** Con humor a choiva lévase algo mellor

Máis choiva e máis choiva no país de nunca escampar. Afortunadamente, o debuxante gráfico Luís Davila (que non Dávila ollo!) sempre nos arranca un sorriso coas súas viñetas cheas de humor que, case sempre, están á última no tocante á actualidade. Subo unhas cantas que son boísimas.


venres, 11 de outubro de 2019

** O reencontro

Chegaba antes de marchar. A primeira vez que a viu os seus ollos desprendían un agradable sabor. Colleu a súa mochila e principiou a camiñar. Subía por onde outras persoas baixaban. Entón, ao lonxe, veuna. Non puido deixar de emocionarse: a súa cara era pura delicia e as súas mans non poideron máis que abrazala nun intento desesperado por calmar a súa ledicia. Recuperaba a felicidade que noutroura lle secuestraran. O regreso tocou os seus beizos. Reencontro feliz. De novo, a xustiza feita arte...

...........................................................
Julio Torres © ®

sábado, 13 de xullo de 2019

** Cousas que pasan...

O ano pasado foi un ano de perdas materiais: primeiro a do o meu correo electrónico e, pouco despois, a do número de teléfono "de toda a vida". Nada grave, pero si moi molesto, pero son cousas que pasan... Coido que se botara a lotería primitiva ata me tocaba o bote...

Con todo, o pior foi que, por un lado, estas perdas involuntarias propiciaron a de bastantes contactos telefónicos e electrónicos vinculados e, por outro,ter que cambiar o meu novo número de móbil en moitas entidades públicas. Nin vos imaxinades. Por sorte, o mal trago xa está superado. Iso si, ao principio ata tivo algún beneficio: despois de anos e anos non recibía chamadas de spam comercial no meu novo número de teléfono! Esa alegría antispam durou soamente uns meses, pero foi algo. Non todo ían ser malas novas.

Así que tede coidado e non perdades nin teléfonos nin contas de correo electrónicos.

Carpe diem

sábado, 15 de setembro de 2018

** Manipulación Vs liberdade de expresión nos medios

A liberdade de expresión é un dos dereitos que recolle a Constitución de 1978. Para a xente nova pode parecer un dereito máis, que apenas custou conseguilo, e non darlle a gran importancia que posúe. Os xornalistas sabemos ben o pilar importante que supón para a nosa profesión

Porén, tamén é indispensable para calquera persoa. Hai varias décadas, cando non había democracia, a liberdade de expresión non existía como tal. Como todo nesta vida, soamente se pode apreciar o que se ten cando antes non se tivo, ou cando antes se tivo e agora non.

Ollo. Nos medios de comunicación a liberdade de expresión non debería confundirse coa obxectividade. Para que haxa obxectividade ten que haber liberdade de expresión, pero que haxa liberdade de expresión non implica obxectividade. De feito, case ningún medio de comunicación é obxectivo, cando debería selo, ou polo menos tender a selo. Case sempre ten intereses, nomeadamente políticos. Por algo se di que os medios de comunicación son o cuarto poder. E abofé que así é. ¿Ou alguén se atreve a dicir o contrario?.



A ética require contrastar información e non ser parciais ou disfrazar novas. Debera imperar este noble valor e non o amarillismo nin o partidismo (sexa da parte que sexa). Sexamos realistas: non é así. Os medios de comunicación deben informar pero informar con rigor, seriedade e tentar se imparciales. Son moitos os profesionais que traballan en medios onde lles din o que deben ou o que non deben de publicar, ou de que deben ou non deben falar, ou o tempo ou o espazo que lle deben dar a cada noticia. A manipulación existe. Está aí. Hai xente sen valores que se aproveita da súa posición e das necesidades alleas para manipular. Xogan co medo e coas represalias aos profesionais. Iso é indigno. Seguramente os colexios de xornalistas poderían escribir un libro sobre iso.

O tema é serio, non é baladí. ¿Qué nos toca a nós como lectores, televidentes, oíntes?. Pois non crernos todo o que nos din. Procurar contrastar o que nos contan. O que deberían facer os xornalistas pero que non realizan porque non queren, non lles interesa, ou, simplemente, porque non lle deixan… Iso si, tampouco pensemos que é só culpa dos xornalistas… E chapeau para aqueles xornalistas que, podendo facelo, dimiten porque teñen principios e valores alleos ao titiritismo. Por desgracia, as circunstancias persoais e familiares de cada un, non sempre permiten abandoar un traballo.

Acostumémonos a non fiarnos do primeiro que lemos, vemos ou escoitemos. Non sexamos persoas hipnotizadas e idiotizadas. Procuremos recabar outras versión, informarnos en varios medios e despois quitar as nosas propias conclusións. E aínda así, podemos non obter tódalas versión que existen. Hai que atopar puntos de vistas contrarios, empaparnos do que din e logo reflexionar. Non nos creamos o primeiro que nos din. Non deixemos que pensen por nós. Porque iso é o que se pretende. Non sexamos loros, pensemos. Por algo temos cerebro. Porque temos cerebro, ¿ou non?...

...........................................................

JULIO TORRES
Editor de A Lareira Máxica

sábado, 18 de agosto de 2018

** O dolmen de Dombate

Odolmen que vedes na imaxe é o de Dombate. Está no concello de Cabana de Bergantiños, en plena Costa da Morte, na ruta dos faros. Por sorte, está recuberto para protexelo das inclemencias metereolóxicas e da humidade. Coido que outros monumentos que hai espallados por Galicia adiante tamén deberían estar protexidos do mesmo xeito. Por desgracia, isto non acontece.

Para as persoas que desexen ter máis información aquí vos deixo este enlace. Anímovos a coñecer a extensa e bonita xeografía galega e, de paso, toda a nosa cultura. Vale a pena. Non fai falta viaxar fóra de Galicia para ver cousas marabillosas como todas as que hai aquí. Ou polo menos, coido que habería que primeiro viaxar pola nosa terra. Carpe diem.

sábado, 14 de xullo de 2018

** ¿Festas en Galicia? Para nada...

O gran Luís Davila sempre dá no clavo. Outra cousa non, pero festas en Galicia hai á esgalla. Enumeralas sería laborioso, aínda que moitos lugares repitan bastantes. Mariscos, peixes, cocido, callos (en verán tamén), pan, viños, etc. Sobre todo no verán, pero tamén durante o ano. En Galicia é case máis difícil atopar unha agulla nun pallar que un concello sen unha destas festas típicas...

Así pois, toca divertirse e comer e beber ben. Iso si, con sentidiño, que logo...


sábado, 30 de xuño de 2018

** A catedral branca

Logo de moitos anos en obras, por fin, a Catedral de Santiago se independizou das estadas (andamios para os que non entenden o idioma galego). Hoxe subo a A Lareira Máxica esta foto que quitei desde a alameda. Está un pouco ampliada. Nela pódese ver o lavado de cara e corpo que experimentou o templo. Nin a xente máis vella lembra que estivera tan branca. Xa estabamos moi acostumados a esa cor verdosa e oscura... Iso si, dáme que a obra barata, barata non debeu ser...




xoves, 7 de decembro de 2017

** Falsos directos

Nos anos 90 destapouse o engano que cometeu o grupo Milli Vanilli. Os dous cantantes que aparecían e eran a súa imaxe comercial, en realidade non eran os que cantaban. Os que o facían eran outros dous tamén cantantes pero descoñecidos. Foi un escándalo no seu día porque nunca se dixera que cantaban en playback (ou sexa movían os beizos para facer crer que estaban cantando) pero nin o estaban facendo, nin tan sequera eran eles os que aparecían nesa música gravada.

Non obstante, este engano non é o único. Para nada. Na maioría dos programas de televisión nos que canta alguén (solista ou cantante) tampouco o fan nese momento. Ou sexa que non cantan en directo. Tamén cantan en playback. Iso si, a diferencia dos Milli Vanilli, si son eles. Moita xente sábeo, pero outra non. A min paréceme unha burla. Se eres cantante tés que cantar, non mover os beizos. Se non queres cantar, non vaias ao programa. Pero, claro, por ir páganlle e fan promoción dos seus discos…

¿Como se pode saber se están cantando en directo? Polo xeral, se o fan póñeno: voz en directo, ou algo similar. Se non pon nada é que é riguroso plabyack ou, como diría Emilio Aragón fillo: “ni en vivo nin en directo”.


¿É ético ou non esta práctica que se levan facendo desde hai décadas? Para min non. É un engano consentido, pero un engano a todas luces. Deberían cantar en directo. Entón, ¿por qué non o fan?. Pode haber moitos motivos: porque perden moita calidade en directo, porque non queren cansar a súa voz, etc..

De aí que onde se ve realmente a súa valía é nos concertos. Non nos discos nin nos programas de televisión con “son playback”. Os concertos son a proba de fogo. Aí é máis difícil enganar ao algodón...


...........................................................

sábado, 4 de novembro de 2017

** Respirando baloncesto: imaxes inolvidables

Aos amantes do baloncesto de tódolos tempos recoméndovos que visitedes a páxina Respirando Basket. Nela atoparedes información actual do básket español, pero sobre todo información, imaxes e vídeos antigos. Voltaredes a oír nomes tan ilustres como do de Drazen Petrovic, Arvidas Sabonis, Chicho Sibilio ou Epi. Gústame a súa disposción e o seu contido. Todo un descubrimento.

...........................................................

domingo, 29 de outubro de 2017

** A nosa música galega


Galicia ten moi boa música en galego, no noso idioma. Non obstante, penso que non se aprecia na súa xusta medida. Cantantes e grupos como A Roda, Fuxan os Ventos, Ana Kiro, Xil Ríos, Milladoiro, Berrogüeto, Leilía, Luar na Lubre e moitos outros que estiveron e/ou están contribúen a difundir tanto a nosa cultura como o noso idioma. Porque aínda que non estean, seguirán estando. Porén, en A Lareira Máxica seguimos apostando pola nosa música, pola música galega.

Sobre todo, quere darlle as grazas a Leilía e a outras grupos de música tradiconal galego que se encargan de investigar e difundir música tradicional para evitar que se perda. Un gran e duro labor que non se recoñece na súa xusta medida. Moitas grazas e seguide así.

Hoxe traio a música de Leilía e a canción do Verdegaio. Déixovos co bo facer de Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa e Rosario.



sábado, 23 de setembro de 2017

** O humor galego de Luís Davila. Xenio e figura

sábado, 20 de maio de 2017

** Películas sen liñas de crédito finais

Xa está demasiado estendida a práctica televisiva de cortar as liñas de crédito finais das películas. Sei que poden duran varios minutos, pero é unha parte máis da cinta.

Esta moda principiou nas televisións privadas (sobre todo Tele 5) na década dos 90 e TVE adoptouna desde hai uns anos. Non comparto que tan pronto remata a imaxe da película apenas se deixen uns segundos para estas liñas, onde sae información dos actores e demais persoas que interviron na película dunha ou doutra forma, ademais doutra información (como pode ser, por exemplo, a música que se utilizou). Considero que debían deixarse enteiras, tal e como se fai no cine.

Doutro lado, paréceme lamentable que TVE recolla unha mala praxe das teles privadas. Suponse que unha televisión pública non debería entrar nisto e respetar as liñas de crédito finais. Digo eu que para iso e unha televisión pública. Pero claro, tampouco é a única práctica nada ética de TVE, pois tamén burla a normativa de non poñer publicidade cunha inxente cantidade de patrocinadores, que medran cada vez máis, e que non son senón publicidade demasiado descuberta. É penoso todo isto...


...........................................................

domingo, 29 de xaneiro de 2017

** Os muros e os valados da vergoña

Parece mentira que en pleno século XXI aínda haxa xente que pense que é necesario levantar muros para separar países ou comunidades. Se isto, por riba, pasa nun país como Estados Unidos que pretende ser o referente do mundo enteiro (e non o é, por suposto), pois aínda pior. É triste, moi triste, que haxa dirixentes como Donald Trump que estean convencidos dos beneficios dun muro que separa Estados Unidos con México. Xa sei que non é o único muro. Calquera deles supón un derrota da democracia e do respeto á convivencia.


Aínda me lembro daquel 9 de novembro no que, por fin, se derrubou o muro de Berlín e se puxo así fin a unha separación das dúas Alemanias que durou 28 anos. Case nada. Foi un día alegre. Parecía que as cousas empezaban a cambiar no mundo, pero os fantasmas do pasado voltan na era das tecnoloxías. Parece mentira, canto máis avanzamos nunhas cousas, retrocedemos noutras. Ou, noutros casos, non avanzamos.


Iso si, insisto, non é o único muro. Fagamos un pouco de memoria. Outros non son muros propiamente, pero veñen a ser algo moi parecido: o valado de Ceuta e Melilla, sen ir moi lonxe. O malo é que non é a única...


Os muros e as guerras non conducen a nada. O diálogo, o respeto, a democracia e a liberdade, si. O dito, triste, moi triste, que haxa xente que pense que facendo muros se avanza ou se protexe a un país.

...........................................................

sábado, 17 de decembro de 2016

** Os cinco alimentos con máis azucre

Interesante este artigo da revista Consumer. Trata os cinco alimentos cotiáns con máis azucre. Algo a ter moi en conta se nos queremos coidar e non levar sustos inesperados despois. Recomendo a súa lectura, pois tamén nos ofrece alternativas.

domingo, 6 de novembro de 2016

** Nalgún lugar....

Duncan Dhu é, sen dúbida, todo un referente no paranorama musical español. Falar dos 80 non se pode sen mencionar a este grupo vasco. Diego Vasallo e Mikel Erentxun triunfaron xuntos. Por separado, quizáis tivo máis éxito Mikel, pero iso xa é outra historia. Son moitas as cancións que nos deixaron como grupo. Pola súa letra e porque é unha das máis antigas, subo a A Lareira Máxica: "En algún lugar", que é de 1987. Pasaron case 30 anos, pero podería extrapolarse ao presente. Seguramente, nunca vos fixástedes e léstedes toda a letra da canción. Merece a pena escoitala e deixar nun segundo plano, por esta vez, os acordes musicais. Unha letra profunda que agocha máis dunha triste verdade disfrazada de aparente música alegre.

....................................................


sábado, 29 de outubro de 2016

** Un outono amarelo brilante


O outono sobrevoa un ano máis as nosas vidas. Un outono, este, algo diferente. Traveso, moi traveso, pero feitiño. Ata o de agora foi de voda co sol e coas altas temperaturas. Unha combinación explosiva que remata agora. As árbores un ano máis tinguen primeiro as súas follas de amarelo ou vermello e logo quédanse sen cabelo. Para a primavera voltaralles medrar. A estampa podería ilustrarse con centos de fotos. En A Lareira acércovos tan só unha mostra. O frío entra con novembro, unha época idónea para comer as castañas e entrar en calor. Pero sempre con precaución. Non vaia ser… Lembrade que os excesos sempre se pagan...
...........................................................

sábado, 24 de setembro de 2016

** Humor do bo, 100% de Bueu

venres, 5 de agosto de 2016

** A explotación asiática

De recomendada lectura o seguinte artigo do xornal Praza Pública que fala de quen fai a nosa roupa . O perfil é o dunha muller nova asiática cun salario de 40 euros por 12 horas de xornada. Non me estrana que despois moitos empresarios se enriquezan...¿E onde están os dereitos humanos e a vergoña?

sábado, 23 de xullo de 2016

** A frase máxica.....permitir, merecer e atraer

Envíame a nosa colaboradora Sonia unha frase que fai pensar e que encerra sabiduría. Deses que me gustan, que fan reflexionar, que enreda de xeito alevoso coas palabras e cos verbos para cociñar unha gran frase e facer traballar a cabeza. Grazas Sonia.

domingo, 1 de maio de 2016

** A Lareira Máxica cumpre hoxe 10 anos

O luns 1 de maio de 2006 naceu A Lareira Máxica. Aquel día non me imaxinei que a vida desta páxina ía chegar aos 10 anos. É un aniversario moi feliz para min. Grazas a tódalas persoas que o ledes e que colaborades ou colaborástedes con A Lareira Máxica.


....................................
Julio Torres
Creador e editor de A Lareira Máxica