venres, 27 de xuño de 2014

** O verán de 2014 voltará ser azul...

Tve voltará a repoñer este ano a mítica serie Verano Azul, a cal lembramos en A Lareira Máxica no seu día para saber qué acontecera cos seus protagonistas e qué facían no ano 2006 . TVE fixo pública hoxe esta nova, se ben non comunicou data de inicio de emisión. Soamente se sabe que será por La 2. Chanquete, Tito, Piraña, Javi, Pancho, Desi, Bea, Quique e Julia están de volta. Nos principios da década dos 90 chegouse a reemitir varias veces. A útima no ano 95. Xa pasaron 19 anos desde entón. A primeira vez que se botou foi en outono de 1981. Case nada...

..........................................................
Julio Torres

** O raposo e o galo van de voda ó ceo

Era unha vez un raposo que era vexetariano. Tíñalle certa tírria a un galo moi fachendoso e argalleiro que vivía cerca, pero xa canso de que se terminara burlando del, argallou unha forma de saírse por unha vez coa súa; así que acercouse un día, cando estaba na póla dunha árbore e díxolle:
- Mira, galo, estou farto de estar sempre a rifar contigo, recoñezo que ti es máis listo ca mín, así que, se che parece ben, quero que fagámolas paces.
- E por que me hei de fiar de ti? Es capaz de paparme nun descoido...
- Va! Tí xa sabes que o fago para facerte rabiar, que eu sonche vexetariano. Mira, ho!, para que vexas que estou a falar en serio, invítote a comer mañán na miña casa...
- Bueno, sexa logo...- dixo o galo sen se fiar moito.

Ao día seguinte, o galo preséntase na casa do raposo, con moita prudencia. Non as tiña todas con él, ainda que cheirar cheiraba a cereais... Á porta da casa estaba posta unha mesa con dous cubertos e unha tarteira enriba.

- Benvido, galo! Como fai un bo día puxen a mesa fóra, non che importará?
- Que me vai importar! Iso mesmiño che ía propoñer eu.

O raposo levantou a tapa da tarteira e repartíu dúas cullaradas de papas de centeo con trigo quentes
para cada un. O raposo púxose a comer con gran afán, pero o pobre do galo, como tiña peteiro e non boca apenas puido comer.

- E logo, galo, non tes fame? Mira que están boas estas papas. Ummm- relamíase o raposo.
- E que, hoxe almorcei moito e non che teño fame...- decía o galo disimulando, xa que si que estaban ben boas as condenadas...

Na cara do raposo víase que o fixera adrede e o galo marchou todo cabreado, pensando para sí que xa lla pagaría, rirse así del.

Ao cabo duns días, voltan encontrarse o galo e o raposo.

- Bos días, raposo- dille o galo.
- Bos días, gustáronche as papas do outro día?- contestoulle o raposo con retranca.
- Si, oh! Gustaron, mágoa que estivera xa farto. É o que che ten isto de estar sempre convidado a tantas festas e comilonas.
- Vai! Non che sabía eu que tiveras tantos convites.
- Pois si, mira por onde, acabo de ser convidado a unha voda.
- Unha voda?- interesouse de seguido o raposo.
- Pois si, éche unha voda moi especial, disque vai ser a “voda do ano” pola abundancia de manxares e lambetadas, que ata trouxeron un cociñeiro extranxeiro especialista en todo tipo de grans e verduras.
- Hoooo! Que sorte tés- díxolle cos ollos fóra do sitio e relaméndose- quen puidera ir.
- Agora que o penso, a miña invitación é para dous, se queres vir...
-


E levaríasme contigo?
- Como non hei levarte co boas que estaban as papas do doutro día?, sería ser mal amigo. Pero hai dúas condicións para poder ir á voda, que non sei eu...
- Xa sabía eu que o dicías por dicir, que non queres que vaia contigo..., co que me custou facer as papas...
- Bueno, algo se poderá facer ao respeto... A primeira condición é ir limpo coma unha patena e traxeado, a outra é..., esto xa é máis complicado...
- Díme! Non ha ser para tanto!
- E que... a voda é no ceo!
- Como? No ceo? Ti estás tolo!
- Si, no ceo, prepararon un gran cumio dunha montana onde só se pode ir voando, para que os animais carnívoros non poidan chegar a ela, pero, claro..., coma ti es vexetariano pois non lles importará que vaias.
- E como vou chegar aló arriba se eu non teño ás?
- Ufff!, pois vai ser un problema si, …, se ainda pesases algo menos...
- Eiii! Estasme a chamar gordo?
- Non, ho! É que se estiveses máis fraco, igual podía contigo e podíate levar agarrado nas patas...
- Pois se é por iso, non te preocupes, cando é a voda?
- Para a semana que ven.
- Pois para a semana que ven podería pesar cinco quilos menos, será suficiente?
- Podería, pero mellor que sexan seis quilos menos.
- Feito! Quedamos logo para a semana. E moitas gracias!

Alá foi o raposo todo contento por ser convidado a unha voda de tan altos voos. Pasou toda a semana facendo exercicio e dieta para perder os quilos pactados, pensando que semellantes manxares ben valían a pena tal sacrificio. Chegado o día, sen embargo, só perdera catro quilos e medio, ainda así víase moito máis lixeiro, así que pensou que o galo ven podería con el.

- Vaia, vaia! Que elegante estás!- díxolle o galo.
- A que se me ve máis lixeiro e delgado?
- Pois sí, pero ainda así, non sei eu se poderei contigo.
- Si que podes, se es un galo forte e grande- retrucou o raposo, sen deixar de pensar nos grandes manxares que os agardaban.
- Buemo, pois imos aló. Agárrate ben ás miñas patas que alá imos! E non mires para baixo!

E o galo saíu voando co raposo colgado das patas. Xa levaba subido bastante, cando deixou cair disimuladamente, un pouco de manteiga polas patas abaixo e o raposo comezou a escorregar.

- Oe, ti! Deixa de suar tanto que estou esvarando!
- E que pesas moito, para mín que non adelgazaches todo o que acordamos.
- Ai! Ai! Que esvaro! Baixa, baixa!
- Xa vou, xa vou...
- Date presaaaaaaaaaaa....

E o raposo caíu. Ía polo aire pensando que, cun pouco de sorte, caía nunha meda de palla, pois alá abixo vía como uns campesiños colocaran todo o trigo en medas e dispoñíanse a mallalo. Pero así como se ía acercando, foise dando conta que xusto ía caír na eira onde estaban a mallalo trigo. Entón o raposo fíxose unha promesa a si mesmo.

- Se desta me salvo e non morro, xuro que, por moi bos manxares que teña, non quero saber máis de vodas no ceo, eu quedo en terra.

..........................................................................................
RELATO RECOLLIDO POR: Mary Camiña

martes, 3 de xuño de 2014

** "Frivolité"

O autobús que transportou á selección de Francia nos partidos do Mundial de Fútbol de Sudáfrica de 2010 foi destruído recentemente co pretexto de alonxar o mal fario e as pantasmas. Unha coñecida firma de prendas deportivas encargouse desta hiper importantísima tarefa de vida ou morte, así como de pregonalo ós catro ventos. Dame que o autobús aínda estaba en bo uso e obedece todo a unha campaña de lavado imaxe, publicidade e marketing de cara ó Mundial de Brasil que comenzará nuns días. Paréceme unha auténtica frivolidade pois se ese autobús non lle valía para a selección francesa, sí valería para moitísima xente cun mínimo de sentido común. En fin, que a vida non so é fútbol ou deporte, senón que hai vida máis alá...Que pouco sentidiño teñen algúns!! E é que as pantasmas non están no autobús precisamente, máis ben fóra del...

...........................................................
Julio Torres

luns, 2 de xuño de 2014

** Pasou hai 25 anos...Vaia, vaia!!

Corría o ano 1989 cando soaba insistentemente nas radio fórmulas musicais daquel ano esta canción tan pegadiza. Daquela quedounos ben claro -por se alguna dúbida había- que en Madrid non había praia. Que podían gañar a Liga ou a Copa, pero que "Aquí no hay playa" pregonaban ós catro ventos. Verdad, verdadeira. 25 anos despois a vida parece que sigue case igual en canto á letra se refire... Que lonxe queda aquela tema do grupo madriño "Los Refrescos" ó que se lle coñece so por este tema musical que foi canción do verán en 1989 e no que un dos seus compoñentes era galego. Un cuarto de século que se di ben axiña...Vaia, vaia!!

...........................................................

Julio Torres

sábado, 31 de maio de 2014

** O mestre, o carniceiro e o burro

Noutros tempos, os nenos estaban na escola todos mesturados, e tiñan un só mestre, según soubesen os libros íannos pasando de curso.
O carniceiro e o taberneiro dunha pequena aldea eran amigos e tiñan os fillos no mesmo nivel, ata que, por sorprendente que parecera, o fillo do taberneiro, ainda que non era moi estudioso que digamos, pasou de nivel e o do carniceiro non.
Unha tarde, na taberna, o carniceiro estaba a falar do tema co taberneiro:

-Oe ti, como é que o teu fillo pasa de curso e o meu non? Dende cando é máis listo ca o meu?
-Home! Parece mentira que non o saibas, é que o meu está indo a clases particulares co mestre- díxolle chiscando un ollo- claro que, sempre se lle deixa caer un pequeño agasallo polo traballo que fai co rapaz en horas extra..., tí xa sabes.
-Non, non sei.
-Tranquilo, que eu explícocho e xa verás como o fillo che pasa de curso.

Dito e feito, o carniceiro foi falar co mestre e esa mesma semana comezou coas clases, a ver se nese último trimestre conseguía pasar coa axuda delas.

Tódalas semanas ía o carniceiro co seu fillo montados no burro a xunto do mestre dar un par de clases extra; e tódalas semanas o carniceiro leváballe un pequeno agasallo en mostra de agradecemento: unha ristra de chourizos, un pequeño lacón, unha cacheira, uns quilos de costelas da agulla,..., e o último día antes das notas: un xamón.

Chegou o día das notas e o fillo do carniceiro sae do colexio todo contento, non só pasaba de curso senon que sacara sobresaínte en todo... O carniceiro achégase ao mestre e dille con certa retranca:

-Vaia! Pois sí que che son boas as súas clases, Sr. Mestre.
-Mira se son boas, que se chegan a durar tres semanas máis, apróvoche ata ao burro.

...........................................................
SANXENXO. Mary Camiña

venres, 30 de maio de 2014

** Dous verbos sinónimos chamados ESIXIR e PEDIR

Nas últimas semanas puiden aprender que esixir ou impoñer son sinónimnos de pedir. E eu que pensaba que eran cousas distintas...De tanto escoitarllo dicir a algunhas persoas de verbo "fluído" que saían na televisión decateime que debía ser verdade. Desconfiar sería ser de ignorantes...E se ademais se tanto se repite e tamén sae na televisión en horario de máxima audiencia pois ten que ser certo imperiosamente... Xa que logo, agora xa sei que significa o mesmo esixir sacrificios que pedir sacrificios. ¡¡Claro, cómo non me decatei antes se ambos verbos son da mesma conxugación: as dúas acaban en "ir"!!. Para que logo digan que non se aprenden nada bo cada día da xente que sae na televisión...Así que xa sabedes...

** Unha interesante revista para o consumidor

Existen moitas revistas adicadas ó consumidor. Hoxe recoméndovos Consumer (o enlace tamén o tedes na columna esquerda de A Lareira Máxica, en "A eira dos blogs") editada por unha coñecida marca de supermercados do norte de España. Nela podemos ler moitos e útiles artigos relacionados coa saúde, a alimentación, aforro, e outros relacionados coa economía doméstica e a vida cotián. Actualízase periodicamente e incluso se pode descargar a revista en formato papel.
A modo de exemplo: Los diez alimentos más eficaces contra el colesterol

...........................................................
Julio Torres

xoves, 29 de maio de 2014

** Brasil

Brasil prepárase para comer fútbol de primeiro, fútbol de segundo, e fútbol de postre. E con el a fame irase sen necesidade de comer alimento sólido algún. Así, por arte de maxia. O mundo enteiro olla deportivamente para Brasil, namentres se esquiva a mirada social para outro lado. Brasil: un país no que a pobreza disfrázase de fútbol para encaixar un gol a vida ou morte. O porteiro mira fixamente ós ollos da morte, a fame gaña por goleada e a paixón polo fútbol convértese nun todo indestructible:¿cartos incluídos?...

...........................................................
Julio Torres

** Mente e corazón vs educación

luns, 26 de maio de 2014

** En perspectiva gráfico-social

sábado, 24 de maio de 2014

** O custo da vida volta a subir...

Juan Luis Guerra ten unha bola de cristal. No seu día deixounos cobizosos de café coa súa canción "Ojalá que llueva café", pero anos despois superouse. Iso sí, non sería ata agora cando nos decatamos do que nos quería dicir en toda a súa extensión con "El costo de la vida". Abofé que o custo da vida subiu e subiu pero, se prestades atención ó que nos cantaba, case se axusta máis ó momento actual que ós anos 90. So é cuestión, co permiso da música, deterse a empaparnos da súa letra visionaria para caer na conta de que, en realidade, se refería á España actual salpicada de corrupción, delincuencia, paro, recesión, menciñas, dereitos,... Se incluso o precio da gasolina, como di este cantante de verdades sociais, volta a subir. Continúa incrementándose, para ser exactos. Abofé que o precio dos carburantes é máis alto ca nunca. E sobre todo en Galicia, que é a rexión de España onde máis custa repostar. O de Galicia non o dixo Juan Luis, pero é real, moi real, como a vida mesma...

...........................................................
Julio Torres

xoves, 1 de maio de 2014

** 8 anos de A Lareira Máxica na internet

A Lareira Máxica cumpre 8 anos nada máis e nada menos. Quero darlles as grazas a tódol@s colaboradores/as que escriben (ou escribiron nalgún momento) n` A Lareira Máxica, en especial ás persoas que máis teñen escrito aquí. Tamén o meu agradacemento a tódol@s seguidores/as que cada vez son máis. E desde diferentes países. Por último, pero moi importante, quero darlle as grazas á miña amiga Patricia Loureiro que coordina a páxina d`A Lareira Máxica no Facebook e sobe alí todo o que aquí ve a luz. Moitísimas grazas, Patri!!

Pasaron xa 8 anos desde aquel 1 de maio que decidín crear A Lareira Máxica aproveitando a festividade do Día do Traballo do 1 de maio de 2006.

A experiencia está a ser tremendamente positiva e permitiume coñecer a moita xente. É gratificante poñerse diante do ordenador e poder escribir o que un quere, sen trabas, e sen que ningúen che diga que o podes ou non publicar. O único que lamento é non poder actualizar máis A Lareira Máxica, pero non podo adicarlle o tempo que a min me gustaría.

Por útimo, lembrarvos que xa sabedes que tod@ aquel/a que o desexe pode enviarme artigos para publicar n`A Lareira Máxica.

...........................................................
Julio Torres
Creador, editor e coordinador de A Lareira Máxica

** Fuxan os ventos: os trobadores do pobo galego



Fuxan os ventos é, sen dúbida, outros dos grandes da música galega. As súas cancións son pura obras mestras cantadas na nosa lingua. "A saia da Carolina", "Sementar sementarei", "O meu amor é mariñeiro" ou "O carro" son quizais as máis lembradas deste gran grupo pioneiro da música cantada no galego. Incluso ten unha nana moi bonita que podemos ollar na segunda parte do vídeo que encabeza este artigo. En recoñecemento do seu labor en prol do galego, sirva este modesto recoñecemento desde A Lareira Máxica. Pura maxia trobadora do pobo galego.

...........................................................
Julio Torres
Creador,editor e coordinador de A Lareira Máxica


** O verdadeiro conto de carrapuchiña vermella

** A Frase Máxica de... José Luis Alvite: o talento

xoves, 10 de abril de 2014

** O perigo consentido dos coches sen carnet

É incomprensible o feito de permitir o uso de coches para os que non fai falta ter carné de conducir e que todos temos visto nalgunha ocasión. Curiosamente lonxe de existir menos cada vez vense moitos máis. Persoalmente considero que para calquera vehículo a motor debería ser obrigatorio están en posesión do carné correspondiente para poder manexalo. ¿Por que? Pois porque para circular na estrada é preciso non so a práctica senón ter coñecementos teóricos. É UN PERIGO. Non comprendo cómo a Dirección Xeral de Tráfico consente iso. Non comprendo porque os que usan moto ou un coche dos de toda a vida deben ter carné de conducir, namentras que outros que empregan os denominados "ser carné" non se lles esixa tal requisito imprescindible. ¿Será un privilexio, con motivo económico, a favor das marcas que fabrican estes coches? Sexa cal sexa a causa coido que é unha decisón irresponsable e perigosa, á par que inxusta por partes dos lexisladores.


Xa sei que hai persoas que teñen o carné de conducir dun coche ou de moto e logo non aplican as normas de tráfico que tiveron que aprender, pero que directamente non se lles esixa ter permiso de conducir ós que usan os "coches sen carné" e que logo poidan provocar accidentes tanto pola reducida velocidade á que circulan como polo descoñecemento das normas de tráfico... É máis, as persoas que mercan este tipo de coches fano porque non se ven capacitados para sacar a parte teórica do carné de conducir. A contradicción é moi clara...

Doutro lado, a estes cochiños so se lles permite circular en distancias curtas, pero na práctica a xente emprégaos para ir a onde queren sen importarlle o lonxe que poida estar o seu destino. E iso por non dicir que so teñen dúas prazas dianteiras e hai xente que leva nenos nel.

¿Estamos tolos? Así pois cabe preguntar ¿por que se lle pide ó resto de conductores? ¿Non circulan por estradas ó igual que outros coches ou motos para os que é preciso ter carné de conducir? ¿En que quedamos entón? Non sei vós pero a min é algo que me parece un evidente perigo consentido a nivel legal...

...........................................................
Julio Torres
Editor de A Lareira Máxica

luns, 31 de marzo de 2014

** A Frase Máxica sobre....o amor verdadeiro

venres, 21 de marzo de 2014

** Funcionarios

Un funcionario público é un señor ou unha señora que, moitas veces detrás dunha mesa ou ao outro lado do teléfono, te atende, informa, asesora... sobre os máis diversos temas relacionados coas distintas administracións. Por suposto, hai moitas clases de funcionarios, pero case sempre os asociamos a esta idea que acabo de apuntar.

Moita xente non ten unha boa opinión dos funcionarios/as. O máis probable é que pensen que son maleducados, vagos, descoidados, amargados, ineptos..., que pasen unha hora –ou máis! – tomando o café ou lendo o xornal, cando non usando esa “hora” para ir ao salón de peiteado, a facer a compra ou aproveitando para pasar polo ximnasio.


É posible que haxa funcionarios destas características - servidora coñeceu algúns persoalmente - pero tamén é verdade que moitos outros traballadores públicos son excelentes persoas e mellores profesionais.

Por exemplo, hai uns días tiven que facer unhas xestións nun rexistro da propiedade dunha cidade galega e o traballador que me atendeu, fíxoo con tal xentileza e paciencia que saín do rexistro totalmente reconciliada co funcionariado. Explicounos absolutamente todo con detalle, acordábase do meu caso cando volvín o segundo día e, no último, cando por fin fun levar a derradeira documentación que me faltaba, vai e dáme as grazas! El a min! “Pois xa está todo, moitas grazas!” Así me dixo, e cónstame que trataba a todo o público da mesma forma.

Por iso, cando un funcionario pon mala cara, non explica ben as cousas e saes con máis dúbidas e problemas que cando entraches, habería que preguntarse tamén como é esa persoa na súa vida privada. Porque profesionais bos e malos e persoas boas e malas hainos en todas partes. Ou non?


...........................................................

Estrela de Xullo

** ¿Que hai nun bico?

martes, 4 de febreiro de 2014

** Humor sen apenas verbas