** Efemérides. Tal día coma hoxe...18 a 25 de xuño
NEGREIRA. X. Amancio Liñares Giraut & Antonio Puentes Chao
xuño-18 2006 Apróbase en referendo, en Cataluña, a lei de reforma do Estatuto de Cataluña, que modifica o de 1979, e que recolle unha redacción máis favorable á defensa e utilización da lingua catalá. Tamén fai unha referencia ó aranés aínda máis completa ca antes: «A lingua occitana, denominada aranés en Arán, é a lingua propia deste territorio e é oficial en Cataluña, de acordo co establecido polo presente Estatuto e as leis de normalización lingüística».
xuño-19 1940 Falece o empresario e mecenas galeguista Enrique Peinador Lines.
xuño-19 1994 Fina en Madrid o dramaturgo valdeorrés Lauro Olmo, con 72 anos.
xuño-20 1853 Falece en Granada o líder provincialista e xornalista Antolín Faraldo, con trinta anos.
xuño-21 1988 É aprobada no Parlamento galego a lei que regula o emprego do galego como lingua oficial das entidades locais.
xuño-22 1880 O bispo de Ourense diríxese ó gobernador civil da provincia pedíndolle que impedise a circulación do libro de Curros Enríquez Aires da miña terra, por «atacar» varios dogmas da relixión católica.
xuño-22 1956 Xuntanza de formación, entre os exiliados de Bos Aires, da Asociación Galega de Universitarios, Estudantes e Artistas (AGUEA), que pretendía achegar ós emigrantes non só o idioma, senón tamén a historia, a xeografía e a literatura galegas.
xuño-22 1994 Inaugúrase en Compostela unha rúa dedicada ó escritor e intelectual Ramón Piñeiro.
xuño-23 1905 Nace en Lugo o eminente musicólogo e compositor galego Jesús Bal y Gay, que foi membro do Seminario de Estudos Galegos dende 1927 e difusor da nosa tradición musical.
xuño-23 1907 Nace en Ourense o etnógrafo Xaquín Lorenzo Fernández, «Xocas».
xuño-24 1891 Nos Xogos Florais de Tui Manuel M. Murguía pronuncia o que se ten polo primeiro discurso en galego nun acto público: fai unha defensa do idioma de noso e un chamamento á súa conservación. Tamén participan Alfredo Brañas e Lago González.
xuño-24 1920 Aparece o primeiro número de Acción gallega, revista editada pola primitiva Casa de Galicia de Bos Aires.
xuño-24 1989 Primeiro número do xornal de información xeral Diario 16 de Galicia, con bastante presenza de textos en galego.
xuño-24 1994 O plenario da RAG acorda dedicar o Día das Letras Galegas de 1995 ó escritor rianxeiro Rafael Dieste.
É éste un traballo de cronoloxía realizado polos profesores Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas) e X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia).
0 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :
Publicar un comentario