** Marmelada de pera
Xa sei..., prometera a receita do bizcoito de chocolate con noces, pero pareceume máis oportuno, dada a época do ano en que estamos, darvos a receita para facer mermelada; xa que me parece unha forma estupenda de aproveitar os remanentes (excesos) de producción de froitas que poidamos ter nas nosas hortas ou para esa froita que xa se nos pasa un pouco no froiteiro e non damos comido...
Utilizo unha receita que se basea no “doble cocido”, é dicir, faise en dúas fases; o resultado é boísimo e ademáis máis económico.
Os ingredientes son, neste caso un quilo de azúcar por cada quilo de pera xa limpa, sen rabiño, nen pepitas nen pel, e o zume de medio limón, xa que contén o antioxidante natural por excelencia: o ácido cítrico.
Unha vez limpas as peras (tamén se pode facer con mazás, albaricoques, nectarinas, pexegos, fresas,ameixas, neste último caso non se lle sacaría a pel), póñense a fogo lento xunto con uns 50 ml de auga para que se cozan. Aos dez minutos de comezar a ferver engádeselle o azúcar e pásaselle a batidora. Vólvese colocar no lume e reménxese cunha espátula ou culler de madeira ata pasados 3 minutos dende que volve a ferver.
Déixase repousar, e ,ao día seguinte, ponse de novo ao lume a fogo lento sen deixar de remover, unha vez que comece a ferver, cóntase 5 minutos e xa está listo para pór nos tarriños de cristal.
Non se tapan de inmediato, senon que hai que deixar os tarriños destapados nun sitio fresco e seco ata que forme unha costra de azúcar por riba, entón estarán listos para tapar e conservar durante un ano enteiro.
O ano pasado fixen mermelada de nectarina e de ameixa vermella con este sistema e ainda estamos a disfrutar do último tarro. Este ano tocoulle ás peras porque nen houbo ameixas nin nectarinas que sobraran...
Acabo de preparar uns tarriños e está... ummm, rica, rica...
SANXENXO. Mary Camiña




