martes, 24 de setembro de 2013

** Marmelada de pera

Xa sei..., prometera a receita do bizcoito de chocolate con noces, pero pareceume máis oportuno, dada a época do ano en que estamos, darvos a receita para facer mermelada; xa que me parece unha forma estupenda de aproveitar os remanentes (excesos) de producción de froitas que poidamos ter nas nosas hortas ou para esa froita que xa se nos pasa un pouco no froiteiro e non damos comido...

Utilizo unha receita que se basea no “doble cocido”, é dicir, faise en dúas fases; o resultado é boísimo e ademáis máis económico.


Os ingredientes son, neste caso un quilo de azúcar por cada quilo de pera xa limpa, sen rabiño, nen pepitas nen pel, e o zume de medio limón, xa que contén o antioxidante natural por excelencia: o ácido cítrico.

Unha vez limpas as peras (tamén se pode facer con mazás, albaricoques, nectarinas, pexegos, fresas,ameixas, neste último caso non se lle sacaría a pel), póñense a fogo lento xunto con uns 50 ml de auga para que se cozan. Aos dez minutos de comezar a ferver engádeselle o azúcar e pásaselle a batidora. Vólvese colocar no lume e reménxese cunha espátula ou culler de madeira ata pasados 3 minutos dende que volve a ferver.

Déixase repousar, e ,ao día seguinte, ponse de novo ao lume a fogo lento sen deixar de remover, unha vez que comece a ferver, cóntase 5 minutos e xa está listo para pór nos tarriños de cristal.

Non se tapan de inmediato, senon que hai que deixar os tarriños destapados nun sitio fresco e seco ata que forme unha costra de azúcar por riba, entón estarán listos para tapar e conservar durante un ano enteiro.

O ano pasado fixen mermelada de nectarina e de ameixa vermella con este sistema e ainda estamos a disfrutar do último tarro. Este ano tocoulle ás peras porque nen houbo ameixas nin nectarinas que sobraran...

Acabo de preparar uns tarriños e está... ummm, rica, rica...

.....................................................................................................................................
SANXENXO. Mary Camiña

luns, 23 de setembro de 2013

** A chegada do outono ó son de Vivaldi

domingo, 22 de setembro de 2013

** Historia estival de cabaliños de mar e calacús

Nalgunhas praias galegas pódense ver valados de madeira que delimitan o areal doutras zonas de dunas ou espazos naturais. Todo o mundo pensa que están aí postos para defender unha zona protexida e que as persoas non a invadamos co noso incivismo. Pero, en realidade, eses valados están aí para que os Petróglifos – cómpre non confundir cos gravados prehistóricos que todo o mundo coñece- aten os seus cabaliños de mar mentres van na procura de calacús.

Os Petróglifos mariños son uns seres diminutos, fortes e moi espelidos, que a principios do outono, cando xa as praias están desertas de veraneantes, soben cos seus cabaliños de mar desde as profundidades mariñas ata a praia, amarran os animais nestes valados e logo encamíñanse terra adentro e procuran os calacús máis feitucos e xeitosos nas hortas dos veciños humanos. Despois, lévanos, baléiranos e, da mesma maneira que algunhas persoas lles poñemos candeas para celebrar o Samaín, os Petróglifos enchen os calacús con escamas de cola de serea, que son moi luminosas e desprenden unha luz prateada moi brillante. A continuación, pola noite, levan á superficie da auga do mar estes calacús e convértenos nas estrelas que vemos no ceo.


Certo día, xa a finais de setembro, un Petróglifo que viña cargado con, polo menos, unha ducia de calacús que apañara nunha horta, atopouse con que, ao chegar de volta á praia para montar no cabaliño de mar e regresar ao océano, o animal xa non estaba atado no valado de madeira. O Petróglifo, que non quería deixar os calacús abandonados, decidiu convertelos en estrelas alí mesmo, na propia praia. Non obstante, como as escamas de sereas que levaba xa eran un pouco vellas, os calacús-estrela non lle quedaron moi perfectos e de alí a uns meses estas estrelas regresaron á praia onde foron feitas. O Petróglifo nunca máis puido amañalas, só engadirlle algunha escama máis e mandalas de volta ao ceo, pero ao ano seguinte, de novo, volveron á terra, á praia que as viu nacer.

O que non vos dixen aínda é que estes calacús-estrela foran feitos na praia da Lanzada, por iso desde este areal pódense ver as mellores estrelas fugaces do mundo, esas que foxen do ceo porque teñen vergonza de que as súas escamas de cola de serea non sexan tan perfectas.

Facede a proba unha noite de finais de verán desde a praia da Lanzada e se vedes por alí o cabaliño de mar que, coa súa trasnada, provocou a orixe das estrelas fugaces, dádelle unha aperta de parte miña.

.....................................................................................................................................
© Estrela de Xullo

** Los amantes 25 anos despois

Los amantes é unha das cancións que integran o álbum "Descanso Dominical" do grupo Mecano, de finais dos 80. Lembro que alá por setembro de 1988 empezou a soar nas radios este tema. Xa sabedes: cada certo tempo un dos temas era posto nos "40 principales". Por aquel entón tocoulle a éste. Quizás non sexa o máis exitosos, pero sempre me gustou, ó igual que moitas das cancións desta mítica exitosa formación musical. E por iso que "Los Amantes" asocíoo moito a esta época do ano. Final do verán (que, por certo, este ano remata hoxe) e principio do outono.

.....................................................................................................................................
Julio Torres