luns, 23 de setembro de 2013

** A chegada do outono ó son de Vivaldi

domingo, 22 de setembro de 2013

** Historia estival de cabaliños de mar e calacús

Nalgunhas praias galegas pódense ver valados de madeira que delimitan o areal doutras zonas de dunas ou espazos naturais. Todo o mundo pensa que están aí postos para defender unha zona protexida e que as persoas non a invadamos co noso incivismo. Pero, en realidade, eses valados están aí para que os Petróglifos – cómpre non confundir cos gravados prehistóricos que todo o mundo coñece- aten os seus cabaliños de mar mentres van na procura de calacús.

Os Petróglifos mariños son uns seres diminutos, fortes e moi espelidos, que a principios do outono, cando xa as praias están desertas de veraneantes, soben cos seus cabaliños de mar desde as profundidades mariñas ata a praia, amarran os animais nestes valados e logo encamíñanse terra adentro e procuran os calacús máis feitucos e xeitosos nas hortas dos veciños humanos. Despois, lévanos, baléiranos e, da mesma maneira que algunhas persoas lles poñemos candeas para celebrar o Samaín, os Petróglifos enchen os calacús con escamas de cola de serea, que son moi luminosas e desprenden unha luz prateada moi brillante. A continuación, pola noite, levan á superficie da auga do mar estes calacús e convértenos nas estrelas que vemos no ceo.


Certo día, xa a finais de setembro, un Petróglifo que viña cargado con, polo menos, unha ducia de calacús que apañara nunha horta, atopouse con que, ao chegar de volta á praia para montar no cabaliño de mar e regresar ao océano, o animal xa non estaba atado no valado de madeira. O Petróglifo, que non quería deixar os calacús abandonados, decidiu convertelos en estrelas alí mesmo, na propia praia. Non obstante, como as escamas de sereas que levaba xa eran un pouco vellas, os calacús-estrela non lle quedaron moi perfectos e de alí a uns meses estas estrelas regresaron á praia onde foron feitas. O Petróglifo nunca máis puido amañalas, só engadirlle algunha escama máis e mandalas de volta ao ceo, pero ao ano seguinte, de novo, volveron á terra, á praia que as viu nacer.

O que non vos dixen aínda é que estes calacús-estrela foran feitos na praia da Lanzada, por iso desde este areal pódense ver as mellores estrelas fugaces do mundo, esas que foxen do ceo porque teñen vergonza de que as súas escamas de cola de serea non sexan tan perfectas.

Facede a proba unha noite de finais de verán desde a praia da Lanzada e se vedes por alí o cabaliño de mar que, coa súa trasnada, provocou a orixe das estrelas fugaces, dádelle unha aperta de parte miña.

.....................................................................................................................................
© Estrela de Xullo

** Los amantes 25 anos despois

Los amantes é unha das cancións que integran o álbum "Descanso Dominical" do grupo Mecano, de finais dos 80. Lembro que alá por setembro de 1988 empezou a soar nas radios este tema. Xa sabedes: cada certo tempo un dos temas era posto nos "40 principales". Por aquel entón tocoulle a éste. Quizás non sexa o máis exitosos, pero sempre me gustou, ó igual que moitas das cancións desta mítica exitosa formación musical. E por iso que "Los Amantes" asocíoo moito a esta época do ano. Final do verán (que, por certo, este ano remata hoxe) e principio do outono.

.....................................................................................................................................
Julio Torres


venres, 13 de setembro de 2013

** Agradecementos e disculpas

Levo un tempo sen escribir e cando regreso, volto con enerxias renovadas e se, por riba, retorno tras uns días enfermo pois aínda mellor. Logo de poder falar pouco pois agora xa estou mellor. Sí, xa sei podía escribir, pero tampouco me apetecía e menos estando mal. Tamén quero aproveitar para dar as gracias a varias persoas coas que "falei" estes días para felicitarme sobre algo persoal. Da gusto ter ami@s que se lembran de min por moitos anos que pasen. A min pásame o mesmo con eles. Incluso cos que hai bastante tempo cos que non falas en persoa. A pena foi que dado a miña convalencia pasaxeira non puiden departir un longo tempo de conversa dos que xa saben os meus e miñas amigas que me encantan. Pero xa haberá tempo amig@s!! Gracias por acordarse dun amigo!! Por suposto, as gracias a todos eses seres queridos cos que están en contacto físico a diario e que te saben coidar cando non estás ben de saúde. Vaia que non foi nada do outro mundo, pero voltar a estar ben pois aleda e da felicidade a un e creo que é de xustiza ser agradecido. MOITAS GRACIAS!!!

Aproveito para pedir disculpas porque nas últimas semanas parei un pouco a actividade do blog. Sei que hai varios artigos pendentes de ser publicados. Dádeme tempo, que xa sabedes que antes ou despois publico o que me enviedes. É unha enorme satisfacción ler os artigos que enviades para publicar en A Lareira Máxica, así como os comentarios. Sen eles isto non tería vida. Sen interacción sería aburrido. Gústame que participedes, aínda que teñades opinións distintas nos temas. Semrpe que haxa respeto, como o está a pasar.

Ah, lembrarvos que a páxina do face de A Lareira Máxica segue e seguirá activa, a pesares de que xa non teña perfil meu no face. Patricia Loureiro estase a encargar dela. Digoo porque hai xente que sigue pensando que a administra eu e xa non é así. O que está a facer é subir alí tódolos enlaces dos artigos que se publican aquí. Gracias Patri pola túa colaboración desinteresada!!

.....................................................................................................................................
Julio Torres