domingo, 28 de xullo de 2013

** ¿Por qué?

A min o accidente de Angrois deixoume feito polvo. Non son moito de viaxar en tren. Non por nada en especial, simplemente porque non lle cadra. O caso é que frecuento moito o parking que hai na estación de Santiago e confeso que moitas veces tiven a tentación de subirme a calquera dos trens que estaban alí parados e fuxir.

Creo que esta idea naceume no hospital de Conxo. Cando meu pai morreu estivo ingresado nel tres meses e medio. Dende a súa habitación víanse as vías. Ó principio déronlle un tratamento novo e reaccionou bastante ben. Estaba moi animado e como a súa cama estaba á beira da ventá as idas e vidas dos trens animábano a proxectar viaxes. Todos pensabamos que superaría aquela recaída, que sairía adiante unha vez máis.


Non foi así. Recordo que nos últimos días, cando xa estaba en coma, alí, ó carón da súa cama, dende a butaca, seguíanse vendo pasar os trens ó lonxe. Moitas veces desexei poder subir nun deles e escapar daquel cuarto. Porque daquela eu ben sabía que nada volvería a ser igual, porque nunca nada volve a ser igual. Dinche que hai que ser forte e tirar para diante, iso, tirar para diante e tratar de seguir vivindo. Nas horas posteriores á morte hai moito trebolín. O follón dura dous días escasos. Logo, cando te deixan so empeza una nova vida, si, unha vida enteira para intentar comprender porque a fatalidade se ensaña coa xente desta maneira.

.....................................................................................................................................
SANTIAGO DE COMPOSTELA. Alvariño

venres, 26 de xullo de 2013

** A negra sombra dun mércores 24 de xullo

A grandísima traxedia do accidente ferroviario de Santiago de Compostela faime lembrar dúas cancións. A primeira é "Negra Sombra" (a morte), unha canción tan bonita coma moi triste e, desafortundadamente, tan real e tan actual por esta odiosa traxedia. En realidade "Negra Sombra" é un poema de Rosalía de Castro, cantada por Luz Casal e, con música de Carlos Núñez.


O segundo tema musical pertence ó grupo La Oreja de Van Gogh. Títúlase "Jueves" e ten como fío conductor outra gran traxedia ferroviaria: a do atentado do 11-M en Madrid. Xa a subira hai uns anos a A Lareira Máxica. Hoxe volta a ser unha canción que ilustra as vidas e os sonos que quedaron rotas neste enorme accidente do "AVE", así como o destrozo que supón en moitas familias. A canción é bonita e chea de sentimentos, aínda que o tema que abarca sexa, por suposto, moi triste. Xa sei que non era Jueves, senón un mércores ás 20:42, pero coido que este tema ilustra moi ben esta traxedia.

Non hai palabras para definir a tristeza que nos deparou. Descansen en paz tódolos mort@s, ougallá que non haxa máis, e que os feridos se recuperen tod@s. Acompaño no sentimento a tódalas familias. Unha aperta moi pero que moi grande a todas elas. Agora agardo que se aclaren ben as causas do acontecido e coñecer se so foi un erro humano ou houbo algo máis. Tamén me gustaría que as medidas de seguridade así como as as vías fosen mellores e cando se fagan AVE´s se implementen ALTAS MEDIDAS DE SEGURIDAD EN TODO O TRAXECTO. Estamos falando de vidas humanas e iso ten un valor incalculable.



.....................................................................................................................................
Julio Torres




ARTIGO RELACIONADO: --> Jueves

xoves, 25 de xullo de 2013

** Luto en Galicia

Para hoxe tiña programada unha entrada en A Lareira Máxica que conmemoraba unha data festiva, o Día de Galicia, o 25 de xullo. Era o himno galego. Evidentemente, elimineina logo da traxedia que aconteceu onte co descarrilamento do tren Madrid-Ferrol a 4 Km da estación de Santiago de Compostela no que perderon a vida preto de 100 persoas (nestes momentos, informan que xa son 78, ougallá non medrara máis esta cifra). O 24 de xullo de 2013 será o día máis triste da historia do noso país. Víspera do 25 de xullo, do Día de Galicia, as futuras celebracións irán unidas para sempre ó aniversario dunha gran e fatídica traxedia que nunca debeu de acontecer. Nunca. Desde A Lareira Máxica o pésame para todas aquelas persoas que perderon a familiares, amig@s ou coñecid@s neste accidente. E moitos, moitísimos ánimos para tod@s eles/as. Son momentos moi duros e tódalas palabras e apoios son insuficientes para expresar a pena por este fatal acontecemento.

..................................................................................................................................... SANXENXO. Julio Torres 

domingo, 21 de xullo de 2013

** Antes que ver o sol...

¿ Interlocutores vs. tema? Non sei... É una cuestión difícil. Dependerá do momento, da circunstancia. Na vida, algúns interlocutores dos que non esperaba gran cousa téñenme dito verdades desas que saen da alma. E como saen da alma tamén chegan moi a dentro porque, anque sexan referidas a realidades moi duras, encerran una sinceridade moi auténtica, case desgarradora.

Logo, están os interlocutores cos que falo por puro compromiso, aínda que me interese ó tema, pero dos que estou desexando afastarme e mandalos a paseo, por dicilo finamente. Tamén hai outros cos que falo porque me resultan divertidos, anque sei que son conversas moi superficiais. Outros interlocutores son completamente inexpugnables, no sentido de que teñen máis capas que una cebola. Son coma matrioskas, é moi difícil chegar a coñecelos. Tamén teño outros interlocutores absolutamente fascinantes cos que solo podo falar en contadas ocasións porque anque teña boa relación con eles tamén existen moitos factores en contra para poder ter un trato cercano con eles.

En fin e rematando, o caso é pasalo ben e ter moi claro que se pode esperar de cada un deles. Moitas decepcións poderíanse evitar se fóramos capaces de apreciar nitidamente o grao de implicación persoal dos nosos interlocutores. Cousa nada sinxela nun mundo no que a hipocrisía e a falsidade se converteron nuns valores case sagrados. Porque tamén confeso que teño falado de temas completamente insustanciais con xente que a nivel persoal me demostrou ser peor que as ratas de cloaca, familiares principalmente.

E para o final, deixo os meus mellores interlocutores, os que superaron a proba do algodón moitas veces, eses que son persoas íntegras cos que falo por puro placer, do que sexa, da igual, fanme rir, son optimistas, recárganme as pilas e por riba son auténticas enciclopedias parlantes

.....................................................................................................................................
COMPOSTELA. Alvariño


ARTIGO RELACIONADO: --> Antes que ver el sol