** ¿Por qué?
A min o accidente de Angrois deixoume feito polvo. Non son moito de viaxar en tren. Non por nada en especial, simplemente porque non lle cadra. O caso é que frecuento moito o parking que hai na estación de Santiago e confeso que moitas veces tiven a tentación de subirme a calquera dos trens que estaban alí parados e fuxir.
Creo que esta idea naceume no hospital de Conxo. Cando meu pai morreu estivo ingresado nel tres meses e medio. Dende a súa habitación víanse as vías. Ó principio déronlle un tratamento novo e reaccionou bastante ben. Estaba moi animado e como a súa cama estaba á beira da ventá as idas e vidas dos trens animábano a proxectar viaxes. Todos pensabamos que superaría aquela recaída, que sairía adiante unha vez máis.

Non foi así. Recordo que nos últimos días, cando xa estaba en coma, alí, ó carón da súa cama, dende a butaca, seguíanse vendo pasar os trens ó lonxe. Moitas veces desexei poder subir nun deles e escapar daquel cuarto. Porque daquela eu ben sabía que nada volvería a ser igual, porque nunca nada volve a ser igual. Dinche que hai que ser forte e tirar para diante, iso, tirar para diante e tratar de seguir vivindo. Nas horas posteriores á morte hai moito trebolín. O follón dura dous días escasos. Logo, cando te deixan so empeza una nova vida, si, unha vida enteira para intentar comprender porque a fatalidade se ensaña coa xente desta maneira.
SANTIAGO DE COMPOSTELA. Alvariño




