** A mal chamada liberdade de expresión dos "mass media"
SANXENXO. Julio Torres

Non descubro nada novo cando digo que, por desgracia, poderoso caballero es don dinero. Informacións coma ésta, na que se informa por Galicia Confidencial da destitución do director de Xornal de Galicia, así o parecen confirmar (desta noticia so sei o que aparece publicado neste enlace e en Público). Namentres os xornais estean subvencionados polo goberno de turno pouco se pode facer. E coidado: unha cousa son os xornalistas e outra ben distinta os que mandan por riba e que fan e desfán según lle conveña.
Os que somos ou fumos xornalistas xa sabemos que o empregado de turno, non sempre está dacordo coa ideoloxía do xornal de turno, pero ten que facer o seu traballo o mellor que pode e lle deixan. Moitas veces un simple titular non gusta ó xefe e éste órdenache e diche "dalle unha volta" porque o que nel di non é afín ós intereses económicos e/ou ideolóxicos do xornal e, por conseguinte, tenta favorecer a un partido político en detrimento doutros.
Isto sábeno moi ben os empregados de calquera xornal (ou noutro medio de comunicacón) que, a pesar de que traballen nel, non teñen porqué estar dacordo coa súa ideloloxía. Outras veces o medio de comunicación vóltase camaleónico e cambia de color segundo a ocasión que diría a canción...
Os partidos políticos non se quedan atrás e contribúen a desprestixiarse máis. E, por extensión, a política convértese en simple demagoxía, hipocresía e cinismo, moi vencellada á amnesia selectiva e parcial. Patético. A poboación que non pertence a ningunha secta e non cre vehemente o que di o líder desa secta a pés puntillas, o que fai é cada vez máis alonxarse da política. E fan ben. Cando un político ten a conciencia tranquila deberíalle dar igual o que opinen ou deixen de opinar os xornais e preocuparse máis pola poboación que por sí mesmos e os medios de comunicación. Din que a honestidade se leva mal coa política. E polo xeral, tamén o creo. Evidentemente, hai de todo, pero unha número bastante significativo de políticos non fai máis que corroborar esta tese. Ou iso pensa moita xente que acostuma a dicir que os políticos honestos vanse ás primeiras de cambio. Aínda que sexa unha evidente xeralización, pode que sexa verdade e leven razón.
En pleno século XXI a liberdade de expresión é unha liberdade máis que relativa para os xornalistas que teñen que "achantar" ou senón, arríscanse a ser despedidos ou a non renovarlle os seus contratos, bastantes en precario. Moi triste, moito, pero é a pura realidade na que se ven os xornalistas. E non ten visos de cambiar.





