luns, 20 de setembro de 2010

** Elsa Punset e o cerebro humano

Impresionante o que nos contou Elsa Punset (filla de Eduard Punset)a pasada semana no programa "El Hormiguero" sobre o cerebro humano. De obrigada visión o vídeo. Tiven ocasión de ver o programa o pasado mércores e non me deixou indiferente. Nada mellor que ver o que alí dixo e logo xa me contaredes qué opinades. Ah, ¡¡Que viva la la buena vida!! (ver vídeo para saber ó que me refiro). Sinxelamente, o cerebro é un apasionante mundo por descubrir. Déixovos o enlace da páxina web de Elsa Punset. Para ler con calma.

domingo, 19 de setembro de 2010

** Unha boa nova e unha triste nova

A boa nova e que xa deixei programados uns artigos para autopublicarse mañán. Agardo que vos gusten. Non deixedes de visitar o blog e participar nel. Tamén haberá novos colaboradores proximamente. Ah, e se queredes participar no facebook, lembrade que hai un grupo de A Lareira Máxica alí que suma 119 seguidores. No blogger 14 (precísase ter conta de gmail ou un blog en blogger).





Mala nova. Hoxe quixera despedirme cunha frase dunha polifacética persoa que nos deixou hai unhas horas: José Antonio Labordeta:“Los poetas no pueden superar los versos de la calle”. Descanse en paz o home que conseguiu meter unha país na mochila e que nos obsequiou coa súa cultura escrita e musical. Unha gran perda, sen dúbida.

mércores, 15 de setembro de 2010

** O luns 20 de setembro o lume de A.L.M. medrará...


Tentarei facer artigos máis curtos e fomentar a opinión e a vosa reflexión. Non vai ser nada doado, pero vou tentalo. A Lareira Máxica tratará de tocar temas de actualidade para debatir, pero haberá bastante espacio para outros temas atemporais ou para lembrar cousas xa pasadas. Todo isto aderezado con música o máis animada posible e con humor, moito humor. ¿Que sería da vida sen música e sen humor?.

Como xa dixen o domingo, e por de falta de tempo, publicarei menos pero tentarei que haxa cando menos un par de artigos semanais. Por suposto, acepto encantado os vosos propios artigos sobre o que estimedes oportuno. E tamén cos vosos comentarios. Gracias polo voso interés e por visitar e/ou colaborar con A Lareira Máxica. A ver se, entre todos, conseguimos facer deste blog un lugar de encontro para expresar as nosas opinións sobre os temas que queirades. So pido respeto, aínda que non se compartan as opinións aparecidas no blog en forma de artigos ou comentarios.

Xa podedes dicirlles ós vosos amig@s e coñecidos que o luns 20 de setembro volta A Lareira Máxica, cargada de moita ilusión e co seu deseño de sempre (moi poucas novidades haberá neste apartado, pois priorizarei máis o contido que o formato). ¿Máis novidades? Paseniñamente iranse introducindo, na medida das miñas posibilidades. Tempo ó tempo...

domingo, 12 de setembro de 2010

** A Lareira Máxica regresará nos vindeiros días


SANXENXO. Julio Torres




Non,non,A Lareira Máxica segue viva, aínda que haxa tempo que non se actualice. O que fixen foi tomarme unhas vacacións que precisaba para desconectar de internet e que, por outro lado, tampouco dispoño do tempo que quixera para adicarlle ó blog. Pero A Lareira Máxica non desapareceu nin desaparecerá. Xa vin que hai varios "bloggers" que así o pensaron e quitaron os seus enlaces das súas bitácoras. A estas persoas dicirlles que, se lles gusta A Lareira Máxica, están de noraboa: nos vindeiros días voltará.

Esta nova etapa de A Lareira Máxica será máis persoal (se ben seguirá publicando os artigos que reciba). En canto ós contidos, haberá un xiro ós inicios do blog e á aquela Lareira Máxica de 2006. A ilusión, as ganas de escribir e os temas sobre os que escribir lonxe de diminuír, aumentaron. A frecuencia de publicación será menor por necesidades persoais, pero haberá, cando menos, dous artigos semanais. A temática será variada. Iso non cambia. A actualidade será máis protagonista, ó igual que as miñas opinións persoais. O humor, a música, as lembranzas, a cultura, internet, os deportes, a fotografía e outros temas estarán presentes na bitácora. O idioma será en galego e en castelán, cada vez máis, co fin de abrir A Lareira Máxica a máis xente. Por desgracia, o escribir so en galego fai que moitos lectores desboten adentrarse no blog. Procurarei equilibrar máis o seu uso, pero négome a deixar de escribir en galego na miña bitácora. Utilizarei máis o castelán, pero o galego seguirá estando presente. Por suposto, e como sempre, estou aberto ás vosas peticións e suxerencias. Tamén me gustaría contar con máis opinións vosas sobre os artigos publicados. A ver se hai sorte...

Un saúdo a tod@s e moitas gracias por seguir visitando e participando neste blog. E benvido @s que acabades de descubrir A Lareira Máxica nas últimas semanas, que me consta que sodes bastantes.

...Xa quedan menos días para o regreso de A Lareira Máxica. Permanecede atentos...